Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 26 de marzo de 2013 Páx. 9035

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2013, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica LMT enlace subestación Fonsagrada coa LMT Fonsagrada 2, no concello da Fonsagrada (expediente 004/2012 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Cidade de Viveiro, 4, Lugo, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 7 de maio de 2012, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica LMT enlace subestación Fonsagrada coa LMT Fonsagrada 2, no concello da Fonsagrada, presenta o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xunta a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro), e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000 antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 19 de setembro de 2012. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso de Lugo do 28 de setembro de 2012, no BOP de Lugo do 29 de setembro de 2012 e no DOG do 10 de outubro de 2012, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello da Fonsagrada. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Con data do 10 de outubro de 2012, David Fernández Álvarez alega que as parcelas nº 2, 5, 6 e 7 da LMT subestación Fonsagrada coa Fonsagrada 2 e a nº 2 da LMT subestación Fonsagrada coa LMT Meira, que figuran na relación de bens e dereitos afectados a nome de particulares, son propiedade do MVMC de San Mamede. As súas alegacións trasládanse á mercantil promotora do expediente.

2. Con data do 1 de outubro de 2012 o xefe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial do Medio Rural e do Mar remite Sentenza do 5 de xuño de 2012 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 da Fonsagrada onde di que o monte de San Mamede é de tipo abertal, de voces ou varas e non veciñal en man común.

Quinto. Por todo o anterior, con data do 27 de novembro de 2012 a empresa beneficiaria presenta unha nova relación de bens e dereitos afectados, polo que o 15 de xaneiro de 2013 esta xefatura territorial dita unha nova resolución que modifica a do 19 de setembro de 2012. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso de Lugo do 24 de xaneiro de 2013, no BOP de Lugo e no DOG do 29 de xaneiro de 2013, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello da Fonsagrada. Con esta resolución inseríase a nova relación de bens e dereitos afectados.

Sexto. Durante este segundo trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

Con data do 8 de febreiro de 2013, Manuel López Fernández e José Vázquez Monteseirín alegan que os copropietarios da parcela nº 9 (polígono 228-parcela 163) son 12 veciños e non 13 como figura na relación de bens e dereitos afectados, xa que Carmen Arias López e Casimiro Díaz Arias pertencen á mesma propiedade, e solicitan tamén que se lle notifique o trámite a Manuel López Fernández ao enderezo que se indica.

Estas alegacións trasládanse á empresa beneficiaria que as contesta o 28 de febreiro de 2013.

Sétimo. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emiten informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A este feitos son de aplicación os seguintes.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, e no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que modifica o anterior.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas pola empresa promotora e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa súa tramitación, toda vez que nas cuestións sobre titularidade do predio nº 9 (políg. 228-parcela 163) deberán ser acreditadas axeitadamente no trámite de levantamento das actas previas á ocupación, de acordo co artigo 52.3 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada LMT enlace subestación Fonsagrada coa LMT Fonsagrada 2, no concello da Fonsagrada, coas seguintes características técnicas principais:

1. LMT soterrada de Fonsagrada a 20 kV, cunha lonxitude de 120 m, con orixe na cela da liña existente na subestación Fonsagrada, en condutor RHZ 150 mm2 e remate no paso aéreo-soterrado no apoio metálico proxectado P1.

2. LMT aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 1.317 m, con orixe no apoio proxectado P1, en condutor LA-110 e remate no apoio metálico proxectado P12, sobre apoios metálicos (12).

3. LMT soterrada de Fonsagrada sur a 20 kV, cunha lonxitude de 120 m, con orixe na cela de liña existente na subestación, en condutor RHZ 150 mm2 e remate no paso aéreo-soterrado no apoio metálico proxectado P1.

4. LMT aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 1.317 m, con orixe no apoio proxectado P1, en condutor LA-110 e remate no apoio metálico proxectado P12, sobre apoios metálicos (12).

5. LMT soterrada de Meira a 20 kV, cunha lonxitude de 50 m, con orixe na cela de liña existente na subestación, en condutor RHZ 150 mm2 e remate no paso aéreo-soterrado no apoio metálico proxectado P1.

6. LMT aérea de Meira a 20 kV, cunha lonxitude de 256 m, con orixe no apoio proxectado P1, en condutor LA-110 e remate no apoio metálico proxectado P4, sobre apoios metálicos (4).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica LMT enlace subestación Fonsagrada coa LMT Fonsagrada 2, visado o día 16 de febreiro de 2012 co número CO120337 polo ICOIIG da Coruña e asinado polo enxeñeiro industrial Jesús Roibas Rodil, colexiado nº 456.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e na hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso de Lugo do 24 de xaneiro de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo e no Diario Oficial de Galicia do 29 de xaneiro de 2013, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello da Fonsagrada. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LMT enlace subestación Fonsagrada coa LMT Fonsagrada 2 presentado pola empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 6 de marzo de 2013

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo