Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 18 de marzo de 2013 Páx. 8079

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2013 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Insua dos Poetas.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Insua dos Poetas, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. Luís Eugenio González Tosar, presidente do padroado da fundación, con data do 23 de xaneiro de 2013, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Insua dos Poetas foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 14 de xaneiro de 2013, ante o notario Enrique Hernanz Vila, co número 95 do seu protocolo, por Luís Eugenio González Tosar e Pilar Tosar González.

3. A Fundación Insua dos Poetas ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural, a difusión da obra do fundador, o escritor Luís González Tosar (Buenos Aires, 25.8.1952) e a conservación e a catalogación do seu arquivo e biblioteca, depositados na casa sita no lugar de Guimarás, 25, parroquia de Corneda, concello do Irixo, Ourense.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e a súa finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Luís Eugenio González Tosar, como presidente; Domingo Manuel Calvelo Iglesias, como vicepresidente; Óscar Javier Castro Martínez, como secretario; e Celso Sánchez González, Antonio Piñeiro Feijóo, Víctor Campio Pereira González e Antonio Pulido Novoa como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Insua dos Poetas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de febreiro de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 42, do 28 de febreiro) clasificouse de interese cultural a Fundación Insua dos Poetas, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Insua dos Poetas, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de Fundacións de Interese Galego e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobados polos decretos 14/2009 e 15/2009, do 21 de xaneiro; e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Insua dos Poetas.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2013

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria