Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Venres, 15 de marzo de 2013 Páx. 7777

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 7 de marzo de 2013 pola que se modifica a Orde do 18 de setembro de 2012, pola que se fai pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

Mediante a Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro) fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

O artigo 7 da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de vinte e oito membros. No punto 2, parágrafo 2º, establece que «...serán membros do Consello Social un profesor, un estudante e un representante do persoal de administración e servizos, elixidos polo Consello de Goberno da universidade de entre os seus membros na forma que determinen os seus estatutos. En todo caso, os nomeamentos serán publicados no Diario Oficial de Galicia».

Segundo o artigo 9.2 «A duración do mandato dos membros do consello social sinalados no parágrafo segundo do artigo 7.2 será establecida polos estatutos da universidade».

Con data do 5 de marzo de 2013 tivo entrada no rexistro xeral da Xunta de Galicia escrito do presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela do 25 de febreiro, relativo á incorporación de Santiago Piñeiro Edreira como representante do Consello de Goberno da USC, en representación dos estudantes, ao Consello Social da USC, en substitución de Adrián Dios Vicente, por causar baixa ao finalizar o seu mandato. Así mesmo, achégase certificación do Consello de Goberno da USC do 31 de xaneiro de 2013 e declaración de non estar incurso en incompatibilidade sinalada no artigo 8 da mencionada Lei 1/2003

O artigo 7.4 da citada Lei 1/2003, do 9 de maio, establece que os acordos de designación de membros do consello social lle serán comunicados ao conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear a Santiago Piñeiro Edreira como representante do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, en representación dos estudantes, no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de Adrián Dios Vicente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria