Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Venres, 15 de marzo de 2013 Páx. 8021

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2013, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa e declaración, en concreto, de utilidade pública, e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, dunha instalación eléctrica no concello de Cangas (expediente IN407A 2012/298-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, das instalacións eléctricas que a continuación se describen:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LAT 66 kV Lourizán-Cangas II, alimentación Cangas II (anteproxecto).

Situación: Cangas.

Características técnicas: desvío da liña de alta tensión (66 kV) Lourizán-Cangas mediante un novo tramo subterráneo de 207 metros, con condutor RHZ1 2OL, desde o apoio existente nº 77, paso aéreo-subterráneo (PAS) ata a futura subestación Cangas II, distribuído do seguinte xeito: 22 metros a colocar polo PAS, 5 en canalización dobre circuíto, 168 en canalización triple circuíto e 12 polo soto da subestación Cangas II. A instalación está situada na zona do polígono da Portela, Cangas.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 26 de decembro de 2012, no BOP do 28 de decembro de 2012, no xornal Faro de Vigo do 16 de xaneiro de 2013 e no taboleiro de anuncios do Concello de Cangas. Tamén foron notificados individualmente os titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibíronse as seguintes alegacións:

Manuela Barreiro Sotelo presenta escrito en que alega o seguinte:

Que a entidade Unión Fenosa Distribución, S.A. posúe predios na zona polas que pasa a liña e que pecha o paso aos veciños.

Antonio Fernández Chapela presenta escrito en que alega:

Que non puido consultar a localización do proxecto e da memoria correspondente e que se cumpren as limitacións reflectidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000 (alega que a súa horta ten unha extensión inferior a unha hectárea).

A empresa contesta a ambos alegantes que o trazado subterráneo proposto está condicionado polo actual trazado da LAT 66 kV/DC Lourizán-Cangas que partindo do último apoio aéreo nº 77, presenta un tramo subterráneo de 168 metros ata a localización da nova subestación, proposta que é a máis curta e evítanse desta forma tendidos aéreos.

Respecto á alegación de Manuela Barreiro, en canto ao camiño, a empresa indica que non se van producir cambios no acceso á súa parcela. Respecto á de Antonio Fernández contesta que non se incorre en ningunha das limitacións descritas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Neste sentido débese dicir que, como a todos os afectados, a Antonio Fernández Chapela se lle enviou, con data 29.11.2012, desde esta xefatura xerritorial, un escrito en que se lle notificaba a afección que a instalación producía na súa parcela. Así mesmo, nestas alegacións non se reflicte que existan limitacións de carácter técnico sobre prohibicións e limitacións á constitución da servidume de paso establecidas no título VII sobre autorizacións administrativas do Real decreto 1955/2000.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar e declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no anteproxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

O prazo para solicitar a aprobación do proxecto de execución é de tres meses a partir da data desta resolución.

Producirase a caducidade desta autorización se transcorrido o dito prazo aquela non fose solicitada, e poderá solicitar o peticionario, por razóns xustificadas, prórroga do prazo establecido.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 4 de marzo de 2013

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra