Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Mércores, 13 de marzo de 2013 Páx. 7456

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 27 de febreiro de 2013 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Oleiros (A Coruña) relativa á súa ordenanza 7.

O Concello de Oleiros solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizado o expediente e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros dispón, na actualidade vixente, dun PXOM aprobado definitivamente de forma parcial pola Orde da CPTOPT do 11.3.2009.

2. O Concello acordou a formulación dunha modificación do artigo 131 (ordenanza 7) da normativa do plan xeral en pleno do 29.9.2011.

3. O Concello non solicitou o informe previo á aprobación inicial da modificación previsto no artigo 85.1 da LOUG, ao abeiro do establecido no artigo 93.4.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 5.12.2011 non someter a proposta ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

5. Constan informes da coordinadora dos servizos urbanísticos do Concello do 3.1.2012 (artigo 85.1 da LOUG) e do 11.5.2012, así como do arquitecto municipal autor do proxecto do 13.9.2011 e dous máis do 8.5.2012.

6. A modificación foi aprobada inicialmente polo Concello en pleno do 26.1.2012 e sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 13 de febreiro, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia do 10 de febreiro de 2012), e notificada aos concellos limítrofes (A Coruña, Sada, Cambre, Culleredo) (artigo 85.2 da LOUG).

7. Constan informes do xerente dos servizos municipais do 10.1.2012 e do enxeñeiro de Sergesco do 5.1.2012 sobre a suficiencia das redes de abastecemento e saneamento existentes para servir as parcelas obxecto da modificación.

8. A Dirección de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente emitiu o 20.3.2012 informe desfavorable no relativo ás edificacións hoteleiras en dominio público marítimo-terrestre e en servidume de protección.

9. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 9.4.2012 informe en materia de costas.

10. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo pleno municipal do 7.6.2012.

11. O concello solicitou, mediante escrito do 21.6.2012, a aprobación definitiva da modificación. Esta consellería requiriu, ao abeiro do artigo 85.7 da LOUG, a emenda das deficiencias observadas mediante escrito do 17.7.2012. O Concello achegou a documentación requirida mediante escritos do 23.10.2012 e do 26.11.2012:

a) Documento de inicio.

b) Documento aprobado inicialmente.

c) Certificado do resultado da información pública, sen alegacións.

d) Informe favorable da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar do 30.7.2012.

e) Informe de Augas de Galicia do 18.10.2012, favorable.

f) Informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas do 25.2.2013, favorable.

O informe da Axencia Galega de Infraestruturas foi solicitado o 7.8.2012. O informe xurídico achegado do 19.10.2012 sinala que non foi recibido no Concello.

II. Obxecto da modificación puntual.

1. O ámbito da modificación está constituído polos terreos cualificados no plan xeral coa ordenanza 7, Conservación de aproveitamento (artigo 131 da normativa), e destinados na actualidade a usos hoteleiros situados na costa, en concreto as parcelas dos hoteis Rías Altas (praia de Santa Cristina), Portocobo e Maxi (Santa Cruz).

2. A ordenación vixente (segundo parágrafo do punto 2 do artigo 131 da normativa do plan xeral) prevé o mantemento do uso hoteleiro e a posibilidade de estudos de detalle para a reordenación volumétrica conforme os criterios da ordenanza.

3. A modificación ten por obxecto, para os ámbitos dos hoteis Portocobo e Maxi, e sen incrementar a intensidade de uso, establecer as condicións para os correspondentes estudos de detalle que regularían a substitución da edificación, co criterio de liberar o dominio público e as zonas de servidume de tránsito e de protección, así como obter unha ordenación máis adecuada das construcións hoteleiras contemporáneas, sen prexuízo da aplicación da normativa de costas. Este criterio non se adopta para o hotel Rías Altas pois está situado todo el no dominio público marítimo-terrestre.

4. A modificación altera a redacción do artigo 131.2 da normativa do plan xeral e engade unha alínea 5 ao artigo 131, que contén unha variante 7C aplicable aos hoteis Maxi e Portocobo.

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público da modificación: os fins da modificación para posibilitar a substitución das edificacións en condicións adecuadas de protección do dominio público marítimo-terrestre dando lugar a edificacións hoteleiras axeitadas a criterios de deseño contemporáneos sen incrementar a intensidade de uso poden ter acollida como fin público para fundamentar a modificación para os efectos do artigo 94.1 da LOUG.

O plan xeral vixente xa prevé nos ámbitos afectados por esta modificación a conservación do aproveitamento que obtivo no seu día licenza (ordenanza 7).

2. Plan de ordenación do litoral: os ámbitos afectados pola modificación están clasificados como solo urbano na categoría de consolidado, polo que non lles son de aplicación as determinacións do POL (artigo 96.1 da normativa do POL).

3. Intensidade de uso: a normativa da modificación permite a implantación en subsolo de usos como almacéns, lavandarías, vestiarios de persoal ... que non están excluídos do cómputo da superficie edificable conforme o artigo 46.6.a) da LOUG, o que debe ser corrixido no proxecto.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Oleiros relativa á ordenanza 7, nos termos sinalados no apartado III.3.

Segundo Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas