Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Martes, 12 de marzo de 2013 Páx. 7417

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 25 de febreiro de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, relativo ao acordo do Xurado do 6 de febreiro de 2013 polo que se dá trámite de audiencia para a corrección dun erro relativo ao denominado Comunal de Couso a favor dos veciños de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño, no concello de Avión.

Trámite de audiencia.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, en sesión do 30 de marzo de 1977, clasificar como veciñal en man común o monte Comunal de Couso, a favor dos veciños de Couso, no concello de Avión (Ourense).

Posteriormente Javier Estévez Cortizo, presidente da Asociación Veciñal de Montes en Man Común de Couso, dirixe escrito a este xurado en que expón que existe un erro material na clasificación, dado que o monte pertence aos veciños das aldeas de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño (agás o lugar de Penedo, que, ben que forma parte da parroquia de Santa María de Couso, non forma parte da comunidade do monte).

O Servizo de Montes emite informe favorable á anterior petición e fai constar: «…que a realidade práctica da comunidade de Couso é que está constituída por comuneiros dos lugares de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño, sen que se teña constancia ningunha de oposición a esa titularidade nin por parte de veciños de Penedo nin doutros lugares».

En sesión do 6 de febreiro de 2013 o Xurado acordou aceptar o cambio de titularidade solicitado e proceder á súa tramitación, para o cal polo presente anuncio se dá tramite de audiencia por un prazo de dez días para que os interesados consulten o expediente, formulen as alegacións e presenten os documentos que coiden procedentes.

O expediente pódese consultar na Xefatura Territorial do Medio Rural de Ourense, rúa Florentino López Cuevillas, 4 e 6, baixo, no Servizo Xurídico-Administrativo, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres (teléfono: 988 38 64 83).

Ourense, 25 de febreiro de 2013

José A. García Rodríguez
Secretario do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense