Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Venres, 8 de marzo de 2013 Páx. 7132

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do Catálogo do Plan xeral de ordenación municipal e do Plan especial de patrimonio construído de interese cultural do concello de Santiago de Compostela no ámbito correspondente aos números 108, 110 e 112 da avenida de Rosalía de Castro.

O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 31 de xaneiro de 2013, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

a) Aprobar inicialmente a modificación puntual do Catálogo do Plan xeral de ordenación municipal e do Plan especial de protección do patrimonio construído no que atinxe ás fichas de catalogación dos edificios 108, 110 e 112 da avenida de Rosalía de Castro desta cidade (referencias A-21 do PXOM e 55 do Plan especial).

b) Someter o acordo a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio no taboleiro de edictos do Concello, no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión na provincia, e citación persoal aos propietarios dos inmobles afectados, segundo figuren no Catastro. Durante o citado período o expediente estará á disposición de calquera persoa que desexe examinalo co obxecto da presentación das alegacións que se consideren pertinentes.

c) Durante o mesmo prazo da información pública solicitarase informe do director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que deberá pronunciarse expresamente sobre a proposta de supresión de elementos catalogados polo vixente PXOM, e se esta se encontra ou non condicionada á declaración previa de ruína dos inmobles afectados.

O presente acordo determina automaticamente, por aplicación do disposto no artigo 77.2 da LOUG, a suspensión do outorgamento das licenzas para todas aquelas actuacións que poidan resultar incompatibles coa nova ordenación proposta, durante o prazo máximo de dous anos, contado desde a aprobación inicial, e extinguirase en todo caso coa aprobación definitiva do planeamento.

Durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán consultar o expediente no Servizo de Planeamento e Xestión e formular as alegacións que xulguen oportunas.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2013

María Pardo Valdés
Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda, Rehabilitación e Cidade Histórica