Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 7 de marzo de 2013 Páx. 6923

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (906/2010).

Óscar Méndez Fernández, secretario xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 906/2010 deste xulgado do social, seguido por instancia da Fundación Laboral de la Construcción contra a empresa Gestión Inmobiliaria Gallega, S.L., Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se xunta:

«Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Sentenza: 70/2013.

Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Procedemento: reclamación de cantidade número 906/2010.

Sentenza.

A Coruña, catorce de febreiro de dous mil trece.

Vistos por Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo número 906/2010, seguidos por instancia da Fundación Laboral de la Construcción, que comparece representada polo letrado Sr. Rodríguez Ferreiro, contra a empresa Gestión Inmobiliaria Gallega, S.L., en rebeldía procesual, e o Fogasa, que non comparece, versando a litis sobre reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Que a parte demandante antes citada formulou demanda, recibida no Xulgado do Social número 2 en data 11.10.2010, contra a demandada xa mencionada, na cal despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, remataba suplicando que ditase sentenza en que se condenase a demandada a aboarlle a aquela a cantidade de 896,60 euros, por sumas debidas en concepto de achega complementaria para o financiamento da Fundación Laboral de la Construcción, constituída en virtude da disposición adicional do Convenio xeral do sector da construción de data 4.5.1992.

Segundo. Que admitida a trámite a demanda foron convocadas as partes aos actos de conciliación e xuízo, que tiveron lugar coa asistencia da parte demandante, tras ter esta ratificado a súa demanda, sen que comparecese a entidade demandada nin os seus representantes e recibido o preito a proba pola parte que compareceu propúxose documental e confesión xudicial; seguidamente a demandante fixo uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais, agás o prazo para ditar sentenza.

Feitos probados.

Primeiro. A Fundación Laboral de la Construcción constituíuse ao abeiro da disposición adicional do Convenio xeral do sector da construción de data 4.5.1992.

Segundo. Para o sostemento dos fins sociais da Fundación Laboral estableceuse unha achega que ten carácter obrigatorio para todas as empresas do sector da construción, con efectos desde o día 1.1.1993.

Terceiro. A Comisión Paritaria do Convenio Xeral acordou que a achega a cargo das empresas para o financiamento da Fundación Laboral fose de 0,05 % sobre a masa salarial, establecida esta sobre a mesma base de cálculo de cotas de accidentes da Seguridade Social.

Cuarto. Desde o ano 2000 a cota empresarial foi o 0,08 % da base de cálculo das cotas de accidentes da Seguridade Social. A partir de xaneiro de 2008 a porcentaxe é o 0,175 %.

Quinto. Para a recadación da dita achega empresarial a Fundación Laboral de la Construcción subscribiu un convenio coa TXSS en data 13.7.1993, en virtude do cal as empresas deberán presentar ao pagamento os boletíns de cotización á Fundación Laboral a través dunha entidade de crédito.

Sexto. A empresa demandada, que non compareceu ao acto da vista, non acreditou aboamento das cantidades reclamadas en concepto de achega complementaria para o financiamento da Fundación Laboral de la Construcción, constituída en virtude da disposición adicional do Convenio xeral do sector da construción de data 4.5.1992.

Sétimo. En data 18.5.2010 tivo lugar o acto de conciliación ante o SMAC co resultado de «intentada sen efecto».

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Na demanda reitora do presente procedemento solicita a parte demandante que se condene a demandada a aboar a suma de 896,60 euros, por sumas debidas en concepto de achega complementaria para o financiamento da Fundación Laboral de la Construcción constituída en virtude da disposición adicional do Convenio xeral do sector da construción de data 4.5.1992.

A empresa demandada Gestión Inmobiliaria Gallega, S.L. non comparece para os efectos de desvirtuar as alegacións do demandante. O Fogasa tampouco comparece ao acto da vista.

Con carácter previo e como refire a STSX de Galicia, Sala do Social, do 12.2.2010, Recurso 5144/2009, non debemos esquecer que a declaración de confeso do demandado, como se interesou pola demandante, non obvia a obriga da parte de probar os feitos que contén a súa demanda, así se expresa a dita resolución:

«....a teor do disposto no artigo 91.2 da Lei de procedemento laboral, a ficta confessio non é unha obriga para o xulgador de instancia, senón unha facultade discrecional deste que “poderá” ter ou non por confeso conformado a confesar non comparecente, sendo así que o artigo 91 da Lei de procedemento laboral establece a posibilidade de que o xuíz poida ter por confesa a parte que non comparecese sen xusta causa á primeira citación, mentres que o artigo 94.2 do mesmo texto legal permite, non obriga, que poidan estimarse probadas as alegacións pola parte que propuxo a proba que, acordada polo xulgador, non foi achegada pola parte requirida para tal efecto, de maneira que, a priori, a non achega da proba pola parte requirida a iso, non produce, sen máis, indefensión á parte requirente, pois é facultade do xulgador dar por probadas ou non as alegacións feitas en relación coa proba acordada, tendo en conta que en atención a inveterada doutrina, por todas a sentenza do 2.3.1992, a non comparecencia de demandado non exime o demandante de probar os feitos en que fundamenta a súa propia petición por aplicación do principio de distribución da carga da proba, que lle impón a de acreditar os feitos constitutivos da súa pretensión...».

Na súa consideración e entrando no fondo da litis formulada, a teor do disposto no artigo 217 da LAC, texto legal de aplicación subsidiaria no ámbito da xurisdición social, dada a non comparecencia da empresa demandada e os seus representantes legais, resultou acreditada a débeda reclamada, a través da documental achegada, principalmente, certificado da TXSS acreditativo das bases de cotización en cuestión polos períodos que se reclaman (xaneiro de 2005 a decembro de 2008), carta remitida á empresa demandada pola Fundación Laboral en que se lle informa da cantidade debida e se insta ao aboamento desta e reclamacións previas relativas aos mesmos conceptos reclamados no presente procedemento, achegados no acto da vista, que non foron por outra parte, impugnados pola entidade citada no dito acto.

Segundo. Por tanto e en consonancia co exposto nos feitos probados e fundamento xurídico precedente, debe estimarse integramente a demanda, condenando a demandada a aboarlle á demandante a cantidade de 896,60 euros, por sumas debidas en concepto de achega complementaria para o financiamento da Fundación Laboral de la Construcción constituída en virtude da disposición adicional do Convenio xeral do sector da construción de data 4.5.1992.

Vistos os preceptos legais e demais de concordante aplicación.

Decisión.

Que estimando integramente a demanda formulada pola Fundación Laboral de la Construcción, que comparece representada polo letrado Sr. Rodríguez Ferreiro, contra a empresa Gestión Inmobiliaria Gallega, S.L., en rebeldía procesual, e o Fogasa, que non comparece, debo condenar e condeno a demandada a aboarlle á demandante a suma de 896,60 euros, no sentido exposto no fundamento primeiro, incrementada cos xuros moratorios pertinentes.

Así mesmo, debo absolver o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria respecto a tales cantidades nos termos establecidos no artigo 33 do ET.

Notifíqueselles esta sentenza ás partes, facéndolles saber que en virtude do disposto no artigo 191.2.g) da Lei 36/2011, do 11 de outubro, reguladora da xurisdición social, non cabe recurso contra ela.

Así, por esta a miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, o pronuncio, mando e asino, Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña.

E para que lle sirva de notificación en legal forma a Gestión Inmobiliaria Gallega S.L, en ignorado paradoiro, expido a presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia».

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 15 de febreiro de 2013

Óscar Méndez Fernández
Secretario xudicial