Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 4 de marzo de 2013 Páx. 6318

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 14 de febreiro de 2013, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se resolve o expediente de clasificación do monte Comunais da Granxa, a favor dos veciños da Granxa, parroquia de Vilar de Ordelles, no concello de Esgos.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar o 6 de febreiro de 2013, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Comunais da Granxa, solicitada polos veciños da Granxa, parroquia de Vilar de Ordelles (Santa María), no concello de Esgos (Ourense), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 28 de xullo de 2010 entrou no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de José Gallego Blanco, en representación dos veciños da Granxa, parroquia de Vilar de Ordelles (Santa María), no concello de Esgos (Ourense), no cal solicitan ao seu favor a clasificación como veciñal en man común do devandito monte.

Segundo. Con data do 9 de maio de 2012, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación do referido monte, para o que designa instrutor e realiza as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abre un período dun mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. No prazo concedido para a práctica de alegacións, estas son presentadas o 5 de xullo de 2012 por Ángel Oca Villalón, en relación con varias parcelas que, segundo informe do Servizo de Montes, non están afectadas polo proceso de clasificación, polo que o Xurado acordou non tomalas en consideración.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que figura no expediente, descríbese así:

Concello: Esgos.

Denominación do monte: Comunais da Granxa.

Comunidade veciñal solicitante: Veciños da Granxa.

Parroquia: Vilar de Ordelles (Santa María).

Superficie total: 6.900 m2 aproximadamente.

Parcelas catastrais que conforman os terreos que se pretenden clasificar:

Polígono 9: parcelas 9008, 9011 e 3014, incluídas parcialmente no monte.

Polígono 9: parcelas 276, 277 e 278, incluídas totalmente no monte.

Polígono 11: parcela 325, incluída totalmente no monte.

Encravada na parcela 278 do polígono 9 atópase unha vivenda.

Lindes:

Norte. Polígono 9, que inclúe as seguintes parcelas: 271 (Senén Formoso Pérez), 272 (Carlos Fernández Rodríguez), 273 (José Ramón González Pérez), 274 (descoñecido), 275 (José Dacasa Cortés).

Leste. Polígono 9, coa parcela 243 (Carlos Pérez Nóvoa), estrada e camiño.

Sur. Polígono 11, coas seguintes parcelas: 223 (José Pato Gómez), 225, 318 e 321 (descoñecidos), 322 (Manuel Formoso Rodríguez), estrada.

Oeste. Polígono 9, coas seguintes parcelas: 289 (Ángel Ocón Villalón), 290 (José Pato Gómez), 292 (Efraín Godoy Fernández), 294 (Elías Rodríguez Martínez), camiños.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa; e corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña desfrutando ao Xurado Provincial de Clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común acreditouse mediante os testemuños dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes, e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros

Resolve:

Clasificar como monte veciñal en man común a favor dos veciños da Granxa, parroquia de Vilar de Ordelles (Santa María), no concello de Esgos (Ourense), o monte denominado Comunais da Granxa, coa descrición reflectida no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 14 de febreiro de 2013

Ricardo Ignacio Vecillas Rojo
Xefe territorial de Ourense