Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Martes, 26 de febreiro de 2013 Páx. 5565

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2013 pola que se fai pública a perda da condición de entidade colaboradora na xestión das subvencións para garantir o acceso á internet de banda larga vía satélite da empresa Mira Novas Tecnoloxías, S.L.

Por Resolución do 11 de setembro de 2012 fíxose público o resultado do proceso de selección das entidades colaboradoras na xestión das subvencións para garantir o acceso á internet de banda larga vía satélite, cofinanciadas co Feader, en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 179, do 19 de setembro). No anexo I da citada resolución figura a relación das seis empresas seleccionadas, coas cales se asinou o correspondente convenio de colaboración que regula as obrigas e condicións que asumen como entidades colaboradoras.

Unha das empresas seleccionadas, Mira Novas Tecnoloxías, S.L., incumpriu as obrigas asumidas no convenio como entidade colaboradora, polo que se tramitou o procedemento de resolución do convenio de colaboración, que finalizou mediante Resolución do 3 de decembro de 2012, o que supón a perda da condición de entidade colaboradora, polo que se dispón dar publicidade á perda da condición de entidade colaboradora desta empresa.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Facer público, no DOG e na páxina web de Agader (http://agader.xunta.es), a perda da condición de entidade colaboradora de Agader na xestión das subvencións para garantir o acceso á internet de banda larga vía satélite da empresa Mira Novas Tecnoloxías, S.L.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2013

P.D. (Resolución do 2.7.2007; DOG nº 134, do 11 de xullo)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural