Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Luns, 25 de febreiro de 2013 Páx. 5396

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 36/2013, do 14 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada AC-299 (Padrón (AC-307)-AC-301) desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 2+160 (límite municipal) en prol do Concello de Padrón.

Segundo o teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada AC-299 (Padrón (AC-307)-AC-301) desde o p.q.: 0+000 ao p.q.: 2+160 (límite municipal) en prol do Concello de Padrón.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Padrón do tramo da estrada autonómica AC-299 (Padrón (AC-307)-AC-301) desde o p.q.: 0+000 ao p.q.: 2+160.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o Concello de Padrón deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello de Padrón, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas