Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Mércores, 20 de febreiro de 2013 Páx. 4842

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 4 de febreiro de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e na Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas.

A Axencia Galega de Infraestruturas é unha entidade pública instrumental adscrita á consellería competente en materia de infraestruturas que ten como obxectivos básicos impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de estradas e outras infraestruturas.

Para o cumprimento dos mencionados obxectivos, o estatuto da Axencia, aprobado polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, configura a organización da entidade con dous órganos de goberno, a Presidencia e o Consello Reitor, e un órgano executivo, a Dirección, e, aínda que a este último é ao que corresponde a xestión ordinaria da entidade, o propio estatuto e outras normas sectoriais atribúenlle determinadas competencias á persoa titular da consellería de adscrición.

Sen prexuízo da súa titularidade, considérase conveniente delegar o exercicio de determinadas competencias noutros órganos que teñen unha maior especialización e dispoñen dos medios adecuados para tramitar e resolver os correspondentes expedientes cunha maior axilidade. Desta forma, a delegación redunda en beneficio da Administración e dos cidadáns.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro. Delegación de competencias en materia de infraestruturas na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Delégase na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o exercicio das competencias seguintes en materia de infraestruturas:

a) A resolución dos procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) A resolución das reclamacións previas en asuntos civís e laborais e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

Segundo. Delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Axencia

Delégase na Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas o exercicio da competencia para a aprobación do expediente de información pública dos estudos e proxectos de estradas cando así o exixan as normas.

Terceiro. Criterios complementarios

Na aplicación da delegación teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio das competencias que se delegan axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

2. En calquera momento a persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan.

Cuarto. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Quinto. Eficacia da delegación

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2013

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas