Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2013 Páx. 4736

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (896/2010).

Óscar Méndez Fernández, secretario xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 896/2010-F, deste xulgado do social, seguido por instancia de Fundación Laboral da Construción contra a empresa Ara Gallega de Promociones, S.L., Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución:

Sentenza: 36/2013.

Procedemento: reclamación de cantidade número 896/2010.

Sentenza.

A Coruña, 30 de xaneiro de 2013

Vistos por Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo nº 896/2010 seguidos por instancia de Fundación Laboral da Construción, que comparece representada polo letrado Sr. Quiroga Fernández, contra a empresa Ara Gallega de Promociones, S.L., en rebeldía procesual, e o Fogasa, que non comparece, versando a litis sobre reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Que a parte demandante antes citada formulou demanda recibida no Xulgado do Social número 2 o 8.10.2010, contra a demandada xa mencionada, na cal despois de expoñer os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza condenando a demandada a aboarlle a aquela a cantidade de 264,56 euros, por sumas debidas en concepto de achega complementaria para o financiamento da Fundación Laboral da Construción constituída en virtude da disposición adicional do convenio xeral do sector da construción do 4.5.1992.

Segundo. Que admitida a trámite a demanda foron convocadas as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar coa asistencia da parte demandante, tendo esta ratificado a súa demanda, sen que comparecese a entidade demandada nin os seus representantes e recibido o preito a proba pola parte comparecida propúxose documental e confesión xudicial; seguidamente a demandante fixo uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais, excepto o prazo para ditar sentenza.

Feitos probados.

Primeiro. A Fundación Laboral da Construción constituíuse ao abeiro da disposición adicional do convenio xeral do sector da construción do 4.5.1992.

Segundo. Para o sostemento dos fins sociais da Fundación Laboral estableceuse unha achega que ten carácter obrigatorio para todas as empresas do sector da construción, con efectos desde o día 1.1.1993.

Terceiro. A Comisión Paritaria do Convenio Xeral acordou que a achega a cargo das empresas para o financiamento da Fundación Laboral sexa de 0,05 % sobre a masa salarial, establecida esta sobre a mesma base de cálculo de cotas de accidentes da Seguridade Social.

Cuarto. Desde o ano 2000 a cota empresarial foi o 0,08 % da base de cálculo das cotas de accidentes da Seguridade Social. A partir de xaneiro de 2008 a porcentaje é o 0,175 %.

Quinto. Para a recadación da dita achega empresarial, a Fundación Laboral da Construción subscribiu un convenio coa TXSS o 13.7.1993, en virtude do cal as empresas deben presentar ao pagamento os boletíns de cotización á Fundación Laboral a través dunha entidade de crédito.

Sexto. A empresa demandada, que non compareceu ao acto da vista, non acreditou aboamento das cantidades reclamadas en concepto de achega complementaria para o financiamento da Fundación Laboral da Construción constituída en virtude da disposición adicional do convenio xeral do sector da construción do 4.5.1992.

Sétimo. O 19.5.2010 celebrouse acto de conciliación ante o SMAC co resultado de «intentada sen efecto».

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Na demanda reitora do presente procedemento a parte demandante solicita que se condene a demandada a aboar a suma de 264,56 euros, por sumas debidas en concepto de achega complementaria para o financiamento da Fundación Laboral da Construción constituída en virtude da disposición adicional do convenio xeral do sector da construción do 4.5.1992.

A empresa demandada Ara Gallega de Promociones, S.L. non comparece para os efectos de desvirtuar as alegacións do demandante. O Fogasa tampouco comparece ao acto da vista.

Con carácter previo e como refire a STSX de Galicia Sala do Social do 12.2.2010. Recurso 5144/2009, non debemos esquecer que a declaración de confeso do demandado, como solicitou a demandante, non obvia a obriga da parte de probar os feitos que contén a súa demanda, así se expresa a dita resolución:

«… a teor do disposto no artigo 91.2 da Lei de procedemento laboral , a «ficta confessio» non é unha obriga para o xulgador de instancia, senón unha facultade discrecional deste que «poderá» ter ou non por confeso conformado a confesar non comparecente, sendo así que o artigo 91 da Lei de procedemento laboral establece a posibilidade de que o xuíz poida ter por confesa a parte que non compareza sen xusta causa á primeira citación, mentres que o artigo 94.2 do mesmo texto legal permite, non obriga, que se poidan estimar probados os alegatos pola parte que propuxo a proba que, acordada polo xulgador, non foi achegada pola parte requirida para tal efecto, de maneira que, a priori, a non achega da proba pola parte requirida a iso, non produce, sen máis, indefensión á parte requirente, pois é facultade do xulgador dar por probadas ou non as alegacións feitas en relación coa proba acordada, tendo en conta que en atención a inveterada doutrina, por todas a sentenza do 2.3.1992, a incomparecencia de demandado non exime o demandante de probar os feitos en que fundamenta a súa propia petición por aplicación do principio de distribución da carga da proba, que lle impón a de acreditar os feitos constitutivos da súa pretensión…».

Na súa consideración e entrando no fondo da litis formulada, a teor do disposto no art. 217 LAC, texto legal de aplicación subsidiaria no ámbito da xurisdición social, dada a incomparecencia da empresa demandada e os seus representantes legais, resultou acreditada a débeda reclamada, a través da documental achegada, principalmente, certificado da TXSS acreditativo das bases de cotización en cuestión polos períodos que se reclaman (xaneiro de 2005 a decembro de 2008), carta remitida á empresa demandada pola Fundación Laboral na cal se lle informa da cantidade debida e se insta ao seu aboamento e reclamacións previas relativas aos mesmos conceptos reclamados no presente procedemento, achegados no acto da vista, que non foron, por outra parte, impugnados pola entidade citada no dito acto.

Segundo. Por isto e en consonancia co exposto nos feitos probados e fundamento xurídico precedente, debe estimarse integramente a demanda, condenando á demandada a aboar á demandante a cantidade de 264,56 euros, por sumas debidas en concepto de achega complementaria para o financiamento da Fundación Laboral da Construción constituída en virtude da disposición adicional do convenio xeral do sector da construción do 4.5.1992.

Vistos os preceptos legais e demais de concordante aplicación.

Decido que estimando integramente a demanda formulada por Fundación Laboral da Construción, que comparece representada polo letrado Sr. Quiroga Fernández, contra a empresa Ara Gallega de Promociones, S.L., en rebeldía procesual, e o Fogasa, que non comparece, debo condenar e condeno a demandada a aboarlle á demandante a suma de 264,56 euros, no sentido exposto no fundamento primeiro, incrementada cos xuros moratorios pertinentes.

Así mesmo, debo absolver o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria respecto a tales cantidades nos termos establecidos no artigo 33 ET.

Notifíqueselles esta sentenza ás partes e fágaselles saber que en virtude do disposto no artigo 191.2.g) da Lei 36/2011, do 11 de outubro, reguladora da xurisdición social, non cabe recurso contra ela.

Así por esta miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo, Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña.

E para que sirva de notificación en forma á empresa Ara Gallega de Promociones, S.L., expídese a presente cédula para a súa publicación no DOG».

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 31 de xaneiro de 2013

Óscar Méndez Fernández
Secretario xudicial