Por Resolución do 29 de outubro de 2012, da Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, convócase o concurso unitario de traslados para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal (BOE núm. 275, do 15 de novembro).
De acordo co disposto na base quinta da antedita resolución, en aplicación do artigo 3 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os concursantes que non acrediten coa solicitude de participación no concurso estar en posesión do Celga 4 ou equivalente participarán nunha proba de galego eliminatoria.
No citado precepto establécese que a valoración da dita proba será realizada por unha comisión técnica composta por tres persoas expertas na materia, e que se nomeará por cada membro titular un suplente.
Na súa virtude, vista a proposta realizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Nomear as persoas que a seguir se relacionan membros da Comisión técnica de valoración da proba do galego no concurso unitario de traslados para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal:
– Titulares:
• Noemí Álvarez Villar.
• Pura Galán Boutureira.
• Celia Rozas Donsión.
– Suplentes:
• Dina Montoya Costoyas.
• Beatriz García Turnes.
• Xoan Rivas Cid.
Esta comisión terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.
Segundo. Convocar os concursantes que non acreditaron xunto coa solicitude de participación no concurso unitario de traslados convocado por Resolución do 29 de outubro de 2012 estar en posesión do Celga 4 ou equivalente para a realización dunha proba eliminatoria de galego.
A relación de concursantes que deberán realizar a devandita proba exporase no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Administración Local e na páxina web http://www.eidolocal.es.
Terceiro. A proba terá lugar o vindeiro día 19 de febreiro de 2013, ás 10 horas, na Escola Galega de Administración Pública, sita na rúa Madrid, nº 2-4, en Santiago de Compostela.
Os concursantes deberán ir provistos do DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo da Comisión.
Non se permitirá o acceso ao lugar da proba con teléfono móbil, axendas ou demais dispositivos de carácter electrónico.
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2013
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza