Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2013 Páx. 4383

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín

EDICTO (263/2012).

Lalín, o dezanove de decembro de dous mil doce.

Isabel Carballido Alonso, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín, viu e examinou os presentes autos de divorcio seguidos baixo o número 263/2012, por instancia de María José Ledo Hermida, representada pola procuradora Cristina Alaejos Guinea e asistida do letrado Sr. Collazo Fernández, contra Juan Pedro Zaldivar Verdecia, cuxa situación procesual é a de rebeldía. E coa intervención do Ministerio Fiscal. Tendo recaído a presente sobre a base dos seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. Que o pasado día 29 de marzo de 2012 se presentou a demanda a que se refire o encabezamento da presente resolución, que tras a correspondente repartición foi remitida a este xulgado, na cal a parte demandante, tras expoñer os feitos que considerou oportuno en apoio das súas pretensións, a saber:

Que ambas as partes contraeron matrimonio civil en Zürich, Suíza, o 26 de outubro de 2007, de cuxa unión naceu unha filla, Alicia Zaldivar Ledo, o 24 de agosto de 2009.

Que a demandante reside en Rodeiro e descoñece o domicilio do demandado.

Que a demandante traballa e o demandado descoñece se percibe algunha pensión ou realiza algún traballo.

Así como os fundamentos de dereito que considerou oportunos en apoio das súas pretensións, rematando por solicitar que se dite sentenza pola que se decrete o divorcio de ambos os cónxuxes, acordando as seguintes medidas:

1º Que se atribúa a garda e custodia da menor á nai.

2º Que se estableza a favor do pai o seguinte réxime de visitas.

– Fins de semana alternos desde as 12.00 horas do sábado ata as 20.00 horas do domingo.

– Vacacións de Nadal: desde as 12.00 horas do día 24 de decembro ata as 20.00 horas do día 30 de decembro os anos pares, e desde as 12.00 horas do día 31 de decembro ata as 20.00 horas do día 6 de xaneiro os anos impares.

– Vacacións de semana santa: non se dividirá. Corresponderalle ao pai os anos pares, que deberá recoller á menor ás 12.00 horas e entregala ás 20.00 horas.

– Vacacións de verán: os quince primeiros días do mes de xullo e os quince primeiros días do mes de agosto. Recollerá a menor ás 12.00 horas e entregaraa ás 20.00 horas.

Durante os períodos de vacacións non rexerá o réxime de visitas da fin de semana. A menor será recollida no domicilio materno e devolta a este a calquera persoa responsable que se encontre nel.

3º Que se fixe en concepto de pensión de alimentos a favor da filla e a cargo do pai a cantidade de 400 euros ao mes, pagadoiros en doce mensualidades nos sete primeiros días de cada mes na conta bancaria que se designe.

Ademais, o pai deberá aboar a metade dos gastos extraordinarios que xere a menor ata que alcance a súa independencia económica.

Segundo. Mediante Decreto do 30 de abril de 2012 admítese a trámite a demanda e acórdase emprazar a parte demandada e o Ministerio Fiscal para que comparezan e contesten no prazo de vinte días.

O Ministerio Público presentou escrito o 16 de maio de 2012 polo que se opón á demanda, salvo que se proben os feitos en que se funda.

Pola súa banda, o demandado non comparece nin contesta, pese a ter sido citado en forma, e é declarado en rebeldía por dilixencia de ordenación do 18 de xuño de 2012, e acórdase sinalar a vista para o día 19 de setembro de 2012, notificándoselle a ambas as partes e advertindo a esta que será a última que se lle faga, agás a sentenza.

Terceiro. O día e hora sinalados compareceron no xulgado a parte demandante, a súa procuradora e o seu letrado, sen facelo a parte demandada, malia estar citada en forma, pero si o Ministerio Fiscal.

Aberto o acto, a demandante afirmouse e ratificouse na demanda interposta e solicitou o recibimento do preito a proba e fixo o propio o Ministerio Público, en relación co seu escrito de contestación.

Ábrese o período probatorio e practícase toda a proba admitida nese mesmo acto co resultado que consta en autos.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A nova LAC, a Lei 1/2000 do 7 de xaneiro, introduciu cambios substanciais na tramitación das causas de separación, divorcio e nulidade matrimonial, dado que a partir da súa entrada en vigor se aplicará o artigo 770 da LAC e o 774 para a adopción das medidas definitivas.

Neste caso, a pesar das advertencias legais que se fixeron ás partes, o demandado optou por non comparecer.

Segundo. En relación coa acción principal, a de divorcio, dirase que de conformidade co disposto no artigo 86 do C.C. «Decretarase xudicialmente o divorcio, calquera que sexa a forma da celebración do matrimonio, por petición dun só dos cónxuxes, de ambos os dous ou dun co consentimento do outro, cando concorran os requisitos e circunstancias esixidos no artigo 81», artigo este último que sinala que se decretará xudicialmente a separación por petición dun só dos cónxuxes, unha vez transcorridos tres meses desde a celebración do matrimonio. Á demanda xuntarase proposta fundada das medidas que deban regular os efectos derivados da separación.

Da documental achegada resulta que ambas as partes contraeron matrimonio o pasado 26 de outubro de 2007, polo que transcorreu con exceso o prazo de tres meses entre este e a presentación da demanda orixe do presente procedemento, o que acaece o 29 de marzo de 2012, despois de facerse na demanda unha proposta fundada das medidas que debían rexer os efectos derivados daquela.

En consecuencia, debe estimarse que existe causa de disolución do matrimonio por divorcio conforme os artigos 281 e ss., 85 e 86, en relación co artigo 81, todos eles do C.C., dado que transcorreu o prazo legalmente exixido para iso.

Terceiro. En canto ás medidas que se deberán adoptar a teor do manifestado pola demandada en canto a que o pai da menor parece residir en Suíza e que desde que a menor tiña 11 anos non mantivo contacto con ela e dado que o proxenitor non compareceu en xuízo, procede atribuír a garda e custodia da menor á nai, quedando a patria potestade compartida por ambos os dous dado que non se apreciaron motivos para a privación dela ao proxenitor.

En canto ao réxime de visitas, malia o indicado na demanda, a nai manifestou na vista que preferiría que non se establecese, neste punto considérase adecuado o solicitado polo Ministerio Fiscal nas súas conclusións, é dicir, que en principio non se establece réxime de visitas e só para o caso de que o pai manifeste de forma fidedigna o seu interese por manter contacto coa súa filla se establece de forma subsidiaria o réxime de visitas solicitado na demanda. E iso considérase adecuado posto que, segundo manifestou a demandante, aínda que o demandado non parecía estar de acordo con que ela se trasladase coa súa filla a España, o certo é que o seu pai e o seu irmán viven en Suíza e podería o demandando ter intentado poñerse en contacto con ela e nunca o fixo.

En canto á pensión de alimentos, a teor do manifestado pola demandante en canto a que traballa e percibe unha remuneración duns 600 euros mensuais e que non paga alugamento nin ningún préstamo, tendo en conta a idade da menor e dado que non se acreditou que o demandado poida facer fronte a unha pensión superior, considérase adecuado establecer a cargo do pai e a favor da menor unha pensión de 150 euros mensuais, pagadoiros dentro dos sete primeiros días de cada mes na conta que designe a demandante para o efecto, e deberá aboar ademais o 50 % dos gastos extraordinarios.

Cuarto. Non se fai mención ás custas causadas neste tipo de proceso, atendida a súa especial natureza e que non se aprecia mala fe por parte de ningún litigante.

Decido que debo estimar e estimo en parte a demanda presentada pola procuradora Sra. Alaejos Guinea, en nome e representación de María José Ledo Hermida, contra Juan Pedro Zaldivar Verdecia, e declaro a disolución por divorcio do matrimonio formado por ambos os dous con todos os efectos que legalmente derivan de tal declaración, e acórdanse as seguintes medidas reguladoras deste:

1º Atribúese a garda e custodia da menor á nai, quedando a patria potestade compartida por ambos os proxenitores.

2º Non se establece réxime de visitas a favor do pai, non obstante, se este manifesta interese en retomar o contacto coa súa filla no prazo dun ano desde o ditame desta sentenza e o devandito interese se acredita fidedignamente, establécese, con carácter subsidiario, o seguinte réxime de visitas ao seu favor:

– Fins de semana alternos desde as 12.00 horas do sábado ata as 20.00 horas do domingo.

– Vacacións de Nadal: desde as 12.00 horas do día 24 de decembro ata as 20.00 horas do día 30 de decembro os anos pares, e desde as 12.00 horas do día 31 de decembro ata as 20.00 horas do día 6 de xaneiro os anos impares.

– Vacacións de semana santa: non se dividirá. Correspóndenlle ao pai os anos pares, que deberá recoller á menor ás 12.00 horas do primeiro día de vacacións e entregala ás 20.00 horas do último día das vacacións.

– Vacacións de verán: os quince primeiros días do mes de xullo e os quince primeiros días do mes de agosto. Recollerá a menor ás 12.00 horas do primeiro día e entregaraa ás 20.00 horas do último.

Durante os períodos de vacacións non rexerá o réxime de visitas da fin de semana. A menor será recollida no domicilio materno e devolta a este a calquera persoa responsable que se encontre nel.

3º Fíxase en concepto de pensión de alimentos a favor da filla e a cargo do pai a cantidade de 150 euros ao mes, pagadoiros nos sete primeiros días de cada mes na conta bancaria que designe a nai para o efecto, cantidade que se actualizará conforme o IPC cada ano con efectos desde o mes de xaneiro.

Ademais, o pai deberá aboar o 50 % dos gastos extraordinarios que xere a menor.

Notifíquese ás partes comparecidas a presente resolución, advertíndolles que contra esta cabe interpoñer recurso de apelación.

Unha vez que sexa firme, conforme o artigo 774.5 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, comuníquese de oficio ao Rexistro Civil onde conste inscrito o matrimonio para os efectos oportunos.

Así, por esta a miña sentenza, da que se deducirá testemuño para a súa unión aos autos, pronúncioo, mándoo e asínoo».

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza pola xuíza que a subscribe estando celebrando audiencia pública no día da súa data. Dou fe.