Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Luns, 11 de febreiro de 2013 Páx. 4059

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 16 de xaneiro de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete á información pública a solicitude de renovación da autorización ambiental integrada presentada pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para as instalacións do vertedoiro de residuos urbanos de Areosa e do Complexo Ambiental de Cerceda, no concello de Cerceda (A Coruña). Clave do expediente de renovación: 2012-IPPC-M-109.

Con data do 30 de abril de 2008 concedéuselle á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) a autorización ambiental integrada nº 2006/0327_AIA/IPPC_163 para as instalacións do vertedoiro de residuos urbanos de Areosa e do Complexo Ambiental de Cerceda, no concello de Cerceda (A Coruña). A anterior autorización modificouse substancialmente o 21 de xullo de 2012, manténdose o prazo da vixencia ata o 19 de maio de 2013.

O artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, estipula que, transcorrido o prazo de vixencia da autorización, esta debe ser renovada e, se é o caso, actualizada. Atendendo ao indicado, e para os efectos previstos no artigo 7.2 do Real decreto 509/2007, do 20 de abril, polo que se aproba o Regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 16/2002, faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación presentada pola solicitante para a renovación da autorización ambiental integrada, constituída polo documento titulado:

– Solicitude de renovación da autorización ambiental integrada. Sogama, Sociedade Galega do Medio Ambiente (novembro 2012 N.E. 17397).

– Documento de síntese: solicitude de renovación da autorización ambiental integrada. Sogama, Sociedade Galega do Medio Ambiente (novembro 2012 N.E. 17397).

Co fin de que calquera interesado poida consultalo e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. O dito documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

– Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (r/ Vicente Ferrer, 2, 15008 A Coruña).

– Concello de Cerceda (avda. do Mesón, nº 21, 15185 Cerceda, A Coruña).

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental