Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Venres, 8 de febreiro de 2013 Páx. 3972

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 29 de xaneiro de 2013 polo que se somete a información pública o Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, clave OU/09/283.00, declarado como de incidencia supramunicipal por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de xaneiro de 2013.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 10 de xaneiro de 2013, declarou o Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, clave OU/09/283.00, como de incidencia supramunicipal, e determinou que lle corresponde á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Axencia Galega de Infraestruturas, o impulso e tramitación do citado plan sectorial, de acordo co procedemento establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

O obxectivo do presente plan responde á necesidade de analizar as comunicacións viarias da área de estudo e a súa interconexión coas principais vías de comunicación existentes. Búscase definir un modelo de rede viaria metropolitana que resolva a conexión dos diversos centros de xeración e atracción de viaxes entre si coa rede de alta capacidade, pola que accede unha parte importante dos fluxos exteriores á zona de estudo.

O devandito plan afronta a mobilidade de Ourense e a súa área de influencia con perspectiva de futuro, de forma global e eficiente; define un modelo de rede viaria que articula o territorio, prevendo o desenvolvemento e o progreso económico; e, polo tanto, a aposta pola calidade, pola modernidade, polo futuro e polas persoas.

Tamén se pretende ofrecer aos cidadáns unhas infraestruturas viarias de calidade, que lles permitan desprazarse con seguridade, rapidez e comodidade, dentro dun marco de mobilidade sustentable co resto dos modos de transporte, e coa máxima integración co ambiente de Ourense e o seu contorno metropolitano. Todo isto para obter un sistema de transporte na área metropolita que sexa eficaz, equilibrado, consensuado, estable e sustentable.

Considerando o disposto no artigo 25 da Lei 10/1995; no artigo 13 do Decreto 80/2000; no artigo 10 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente; no artigo 7 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, así como o determinado na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, é polo que, en concordancia con todas estas normas,

RESOLVO:

Someter o Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia e o seu correspondente informe de avaliación ambiental estratéxica ao trámite de información pública, durante o prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o dito prazo poderase examinar o expediente e formular as observacións e suxestións que se consideren convenientes, as cales se dirixirán á Axencia Galega de Infraestruturas e, para tales efectos, unha copia do expediente atoparase na Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Ourense, e nos concellos de Ourense, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Taboadela, Barbadás, Toén, Coles, Punxín e Amoeiro.

Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas) atópase á disposición dos interesados un documento resumo dos referenciados proxectos.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas