Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Venres, 8 de febreiro de 2013 Páx. 3959

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 10 de decembro de 2012, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Peroucho e outros, solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño do Grove, concello do Grove.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

– Presidente: Gerardo Zugasti Enrique.

– Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante colexio de avogados da provincia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Lorena Peiteado Pérez (letrada do Gabinete Xurídico Territorial).

– Vogais representantes da CMVMC de San Martiño do Grove:

José Manuel Martínez Fernández.

Javier Cambados Márquez.

– Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 19.11.2012, coa asistencia das persoas sinaladas na marxe, reúnese na 2ª planta do Edificio Administrativo, sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Peroucho e outros, solicitada a prol dos veciños da CMVMC de San Martiño do Grove, concello do Grove.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada 22.6.2011, Raúl Fraga Mascato, en condición de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de San Martiño do Grove, pertencente ao concello do Grove, presenta unha solicitude de iniciación de clasificación do monte Peroucho e outros, cun total de dez parcelas.

O 5.9.2011 o Servizo de Montes indica á secretaria do Xurado de Montes Veciñais que a planimetría presentada é suficiente e que as parcelas solicitadas non están clasificadas.

O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, na súa sesión do 3.10.2011, incoar o correspondente expediente de clasificación das dez parcelas referidas, baixo o nome de monte Peroucho e outros.

O 2.11.2011 o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais remite o informe preceptivo. Indica que na maioría das parcelas «non se observan signos de aproveitamentos recentes», pero en moitas aparecen informacións que amosan algún tipo de aproveitamento. Engade ademais que moitas teñen superpostas parcelas de titularidade catastral particular (aínda que nalgúns casos as parcelas solicitadas están rodeadas de muros), que algunhas están total ou parcialmente cualificadas como solo urbano ou urbanizable e certifica que algunhas non son susceptibles de aproveitamento forestal.

O 21.3.2012 emite nota informativa o Rexistro da Propiedade de Cambados, en que se fai constar que todas as parcelas das cales se solicita información non teñen titulares vixentes.

Con data do 23.2.2012 solicítase do rexistrador da propiedade de Cambados inscrición preventiva das parcelas obxecto do expediente, e este cumpre o requirido con data do 22 de marzo.

Segundo. Durante o tramite de audiencia presenta escrito o Concello do Grove con data do 16.4.2012, en que se opón á clasificación das parcelas denominadas Boibas, Monte da Vila e Coviles, alegando que a Comunidade de Montes de San Martiño do Grove non as vén aproveitando de xeito consuetudinario e que o Concello considera de interese para o cumprimento dos seus fins e prestación dos servizos públicos dispoñer desas parcelas. Presenta en tal sentido acordo da Xunta de Goberno do 14 de abril e xunta a seguinte documentación:

– Informes da Oficina Técnica Municipal, en que se certifica que das parcelas Peroucho, Boibas e Monte da Vila non lles consta ningún aproveitamento veciñal, que da parcela Coviles consta que ten aproveitamento e que a Comunidade de Montes pechou o acceso para os vehículos á parcela mediante a colocación de pedras de grandes dimensións, e que sobre as parcelas Alto de Borreiros I e II a Comunidade de Montes presentou alegacións ao estudo de detalle presentado por un particular en representación dunha empresa.

– Resolución da Alcaldía do 5.4.2012 de inscribir no Inventario de bens municipais o predio Boibas, con base na certificación descritiva e gráfica da Xerencia do Catastro de Pontevedra, que outorga a titularidade ao Concello do Grove.

Pola súa parte, a Comunidade de Montes de San Martiño do Grove, en contestación ao informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais do Servizo de Montes, presenta as seguintes alegacións:

a) Á indicación contida no informe de que moitas das parcelas solicitadas teñen superpostas parcelas de titularidade catastral particular, alega o nulo valor na adxudicación da propiedade que se debe atribuír aos datos catastrais acolléndose á xurisprudencia do Tribunal Supremo (STS 525/2000, do 26 de maio) e presenta informe pericial comparando o catastro antigo co actual, do que resulta que todas as parcelas particulares son de recente aparición e as máis delas prolongación de parcelas lindeiras.

b) Sobre a adxudicación de solo urbano a algunhas parcelas, alega que esta información está errada, ao fundamentarse sobre as normas subsidiarias municipais e de planeamento do Grove aprobadas o 25.4.1996 e suspendidas polo Decreto 208/2002 da Xunta de Galicia (DOG do 21 de xuño). Mesmo atendendo a estas normas subsidiarias, aprecia incorreccións na terminoloxía e alusións a figuras urbanísticas xa non válidas na actual Lei do solo.

c) Sobre a expresión «non se observan signos de aproveitamentos recentes», lamenta que o informe soamente conteña o observado nunha visita e que se contradí con outras expresións tamén contidas, como «rexenerado de piñeiro e eucalipto». Xunta diversa documentación para demostrar o uso e aproveitamento dos veciños e, en especial, un convenio asinado co Concello do Grove en que, en contrapartida á cesión con carácter indefinido dunha parcela de 5.000 m2 para a instalación dun punto limpo, o Concello do Grove se comprométese a limpar un total de 50 ha anuais de terreos veciñais. Xunta tamén certificacións e facturas dunha empresa por rozar a maioría das parcelas solicitadas, entre outras datas, en decembro de 2010 e decembro de 2011, isto é, en meses anteriores e posteriores á visita que fundamentou o informe preceptivo.

Sobre as alegacións presentadas polo Concello do Grove, a Comunidade de Montes salienta o feito de que soamente se opón á clasificación de tres das dez parcelas solicitadas e de que amosa argumentacións moi febles que non contradín o seu carácter veciñal e mesmo a propia documentación municipal presentada certifica o uso veciñal dalgunhas delas.

Terceiro. Á vista da documentación presentada pola comunidade solicitante e do informe do Servizo de Montes, as parcelas obxecto deste expediente teñen a seguinte descrición:

Concello: O Grove.

Parroquia: San Martiño do Grove.

Nome do monte: Peroucho e outros.

Segundo información que consta no expediente, os seus lindes son:

Nome do monte: Peroucho.

Superficie: 5.777 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Francisca Otero Garrido.

Sur: Manuel Garrido Álvarez.

Leste: hdros. de José Avalo Núñez e camiño.

Oeste: Felisa Lores Fernández e José González Álvarez.

Localización xeográfica (coordenadas UTM-ED50): XX= 511 450, YY= 4 704 190.

Catastro*: parcela 227 do polígono 2.

Nome do monte: Río da Laxe.

Superficie: 4.813 m2 aprox.

Estremas:

Norte: hdros. de Antonio Garrido Molder, Manuela Mourelos Padín, Joaquina Mourelos Padín, Rosa Mourelos Padín e Ángela Mourelos Padín.

Sur: hdros. de Carmen Martínez Álvarez, hdros. de Antonio Garrido Maldera, hdros. de Rosalía Besada e Antonio Piñeiro Estévez.

Leste: camiño.

Oeste: regato e Eugenio Fernández Barral, María Barral Godoy, Sofía Barral Godoy e Teresa Otero Godoy.

Localización xeográfica (coordenadas UTM-ED50): XX= 510 650, YY= 4 703 400.

Catastro: parcela XVII do polígono 14.

Nome do monte: Lavaxeira.

Superficie: 2.726 m2 aprox.

Estremas:

Norte: camiño.

Sur: hdros. de Francisco Vila Bea, José Prol González e hdros. de Ricardo Guillán Lores.

Leste: Juan Vila Álvarez, hdros. de Jesusa Vila Vidal e hdros. de José Vila Vidal.

Oeste: Otero Rey.

Localización xeográfica (coordenadas UTM-ED50): XX= 509 850, YY= 4 704 160.

Catastro: parcela 14 do polígono 23.

– Antigo catastro do ano 1957 que se achega no anexo nº 2, procedente do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.

Nome do monte: Boibas.

Superficie: 1.175 m2 aprox.

Estremas:

Norte: Antonio Vinas Álvarez e José Ramón González Oubiña.

Sur: camiño de Boibas J.

Leste: camiño de Boibas T.

Oeste: camiño de servizo.

Localización xeográfica (coordenadas UTM-ED50): XX= 509 77, YY= 4 704 880.

Catastro: parcela 450 do polígono 18A.

Nome do monte: Cova da Loba.

Superficie: 6.056 m2 aprox. (atravesada pola estrada de Reboredo a Siradella).

Estremas:

Norte: Gustavo Gómez Lijo, José Luis Rodríguez Muñiz, Alfredo Domínguez Rodiño e José Castro Otero.

Sur: regato e José Muñiz Cao.

Leste: Evaristo Gómez Muñoz, Sebastina García Vidal, José Novas Baulde, Delfina Iglesias Padín, Francisco Vidal Corbacho, Manuel Álvarez Corbacho, hdros. de Rosa Castro Pérez, José Muñiz Cao e Mª Luisa García Vidal.

Oeste: camiño.

Localización xeográfica (coordenadas UTM-ED50): XX= 509 300, YY= 4 702 650.

Catastro: parcela 207 do polígono 21.

Nome do monte: Monte da Vila.

Superficie: 344 m2 aprox.

Estremas:

Norte: escola de primaria.

Sur: camiño.

Leste: camiño asfaltado.

Oeste: campo de fútbol municipal.

Localización xeográfica (coordenadas UTM-ED50): XX= 511 500, YY= 4 704 250.

Catastro: parcela 194d do polígono 2.

Nome do monte: Coviles.

Superficie: 6,568 m2 aprox.

Estremas:

Norte: hdros. de Ramón Muñiz Álvarez.

Sur: estrada PO-316, camiño e Juana Mourelos Muñiz.

Leste: Román Moroña, Francisco Piñeiro, Marcelina Muñiz Álvarez, Ángel Fernández Martínez, Manuela Lois Naveiro, Marcelino Otero Álvarez, Francisco Rodino Mourelos e camiño.

Oeste: hdros. de José Cacabelos Prol, hdros. de Ramón Muñiz Álvarez, hdros. de Ramón Cacarelos Prol, Juan Mourelos Muñiz, Juana Otero Domínguez, Antonio Rodiño Mourelos, Marcelino Besada García, Francisco Rodiño Mourelos, Ángela Mourelos Padín, Juana Mourelos Muñiz, María Mourelos Briones, Manuel Mourelos Muñiz e Antonio Mourelos Muñiz.

Localización xeográfica (coordenadas UTM-ED50): XX= 511 350, YY= 4 702 300.

Catastro: parcela 56 do polígono 29.

Nome do monte: Paredes.

Superficie: 862 m2 aprox.

Estremas:

Norte: Ramón Garrido Camiña.

Sur: hdros. de Manuel Álvarez Hermo.

Leste: estrada.

Oeste: descoñecido e camiño.

Localización xeográfica (coordenadas UTM-ED50): XX= 511 070, YY= 4 703 270.

Catastro: parcela XVI do polígono 7.

Nome do monte: Picho.

Superficie: 949 m2 aprox.

Estremas:

Norte: Ángel Gondar Prol, Samuel García Sanmartín, Ángel Gondar Prol.

Sur: camiño asfaltado.

Leste: estrada a Reboredo e San Vicente 1.

Oeste: Luís Padín Parada e transformador de Fenosa.

Localización xeográfica (coordenadas UTM-ED50): XX= 510 500, YY= 4 703 880.

Catastro: parcela XX-XXI do polígono 8.

Nome do monte: Alto de Borreiros I e II.

Superficie: 876+235: 1.111 m2 aprox.

Estremas:

• Parcela I:

Norte: camiño.

Sur: Carmen Aguiño Domínguez.

Leste: Dolores, Lois Martínez, Carmen Domínguez Otero, Eugenia Domínguez Otero, Carmen García Vidal, Félix Rey Domínguez, María Besada Álvarez e hdros. de Jerónimo Domínguez.

Oeste: María Aguiño Montenegro.

• Parcela II:

Norte: camiño.

Sur: Ramona García.

Leste: estrada.

Oeste: Félix Rey Domínguez.

Localización xeográfica (coordenadas UTM-ED50): XX= 511 090 511 140, YY= 4 704 030 4 704 050.

Catastro: parcela XVII do polígono 7B.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

A isto debe engadirse, como ben sinala para casos análogos o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, en sentenza do 29 de xuño de 2009:

«A función do Xurado Provincial é a de comprobar a existencia ou non dun aproveitamento consuetudinario comunal nos termos indicados no artigo 1 da Lei 13/1989, o cal exclúe do seu exame cuestións de propiedade, reservadas á xurisdición ordinaria e que non obstan á clasificación do MVMC.

Tampouco é obstáculo para tal fin que o monte figure incluído, a nome doutras persoas ou entidades, en catálogos, inventarios ou rexistros públicos, salvo que a dita inclusión sexa consecuencia dunha sentenza ditada en xuízo declarativo (Sentenza do TSX de Galicia do 8 de maio 2008, onde se reproduce con claridade a doutrina do TS que define como única razón válida para a clasificación a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños de forma mancomunada, sen que fronte a este estado posesorio dos aproveitamentos do monte, non necesariamente forestais, poidan prevalecer os actos de disposición destes aínda que tivesen acceso ao Rexistro da Propiedade...)».

Sobre os tipos de aproveitamento, este débese entender en sentido amplo no referido aos usos posibles, que poden ser variados e distintos en cada momento e parcela. A xurisprudencia establecida así o aclara. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a través da Sala do Contencioso-Administrativo, en Sentenza 1239/2002 establece que:

«...a Lei 13/1989 di que os montes veciñais sono con independencia das súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria. Por iso, o feito de que o uso actual principal da parcela litixiosa non sexa agrícola, forestal ou gandeiro, senón recreativo, non é obstáculo para a súa clasificación como monte veciñal...».

E a doutrina emanada do Tribunal Supremo, a través da súa Sala do Contencioso-Administrativo, é clara cando xa en Sentenza do 22 de febreiro de 1988 establece que «...a Avogacía do Estado presenta, como primeira causa de oposición, a de aplicar o concepto de monte aos terreos que se reclaman como veciñais; cuestión esta que non pode resolverse ante os conceptos que se explican nas disposicións legais, por canto se observa que tanto a Lei de montes como o seu regulamento, ou as leis de montes veciñais en man común de 1968 ou a vixente de 1980 atenden en sentido primordial o aproveitamento forestal, respondendo a unha política anexa de protección do monte e ao cultivador desde o punto de vista da repoboación forestal, criterio este que, en relación co ámbito específico do monte veciñal en man común, característico de Galicia, foi superado pola xurisprudencia en atención ás súas características consuetudinarias, no sentido de estimar que o monte non só podía ter unha finalidade forestal..., deducíndose disto que ese criterio xurisprudencial foi aplicado polos xurados provinciais cun sentido amplo, atendendo á explotación e o aproveitamento polo común dos veciños e interpretando a Lei conforme indica o Código civil no seu artigo 3, en atención ás circunstancias de tempo e lugar».

A Comunidade de Montes solicitante presentou diversa documentación para demostrar o uso e aproveitamento dos veciños das parcelas solicitadas e, en especial, un convenio asinado co Concello do Grove polo cal, en contrapartida á cesión con carácter indefinido dunha parcela de 5.000 m2 para a instalación dun punto limpo, o Concello do Grove comprométese a limpar un total de 50 ha anuais de terreos veciñais. Xunta tamén certificacións e facturas dunha empresa por rozar a maioría das parcelas solicitadas, entre outras datas, en decembro de 2010 e decembro de 2011, isto é, en meses anteriores e posteriores á visita realizada para a redacción do informe preceptivo. Por iso, a manifestación deste informe no que refire que a maioría das parcelas non presenta signos de aproveitamento recente debe entenderse no sentido de que no curto tempo dunha visita e inspección de campo non se atoparon indicios de traballos silvícolas realizados nos días ou semanas inmediatamente anteriores, pois en varias parcelas o citado informe recolle expresións como «poboados por fustal e rexenerado de piñeiro e eucalipto…», «poboada por fustal de piñeiro e eucalipto e pés soltos de plátano…» «no seu extremo norte localízase un estanque…» que constitúen indicios de diversos usos.

Polo exposto, ponse en evidencia que nos terreos que se pretenden clasificar existe unha utilización periódica veciñal nos termos aplicables do artigo 1 da Lei 13/1989 por parte da CMVMC de San Martiño do Grove.

Terceiro. Verbo das contradicións das informacións catastrais, o informe pericial presentado comparando os catastros antigo e novo demostra que as superposicións de parcelas particulares responden a intentos de apropiación realizados nos últimos anos polos propietarios dalgunhas parcelas lindeiras. Estes intentos non chegaron a materializarse sobre as parcelas en ningún caso, como o demostra que o informe do Servizo de Montes non faga referencia a elas e que nalgúns casos especifique que a parcela veciñal solicitada está rodeada de muros.

Cuarto. Respecto ás alegacións do Concello do Grove, opoñéndose á clasificación de tres das parcelas solicitadas baixo o argumento de que considera de interese para o cumprimento dos seus fins e prestación dos servizos públicos dispoñer desas parcelas, que non consta nos servizos municipais aproveitamento consuetudinario dos veciños ou que unha delas está incluída no Inventario de bens municipais, non teñen transcendencia, pois ningunha destas razóns anula a posible natureza comunal das parcelas. Mesmo un dos informes da Oficina Técnica Municipal certifica que da parcela Coviles consta que ten aproveitamento e que a Comunidade de Montes pechou o seu acceso para os vehículos coa colocación de grandes pedras, contradicindo así o sustentado pola Xunta de Goberno do Concello.

Conclusións da investigación:

Unha vez analizada a documentación presentada e o informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais chégase ás seguintes conclusións:

1. Que o monte denominado Peroucho é unha parcela atravesada por carreiros que está «poboada de fustal de piñeiro e eucalipto con sotobosque de carballo e loureiro» segundo o informe do Servizo de Montes. A Oficina Técnica Municipal certifica que non lle consta aproveitamento veciñal, pero o Concello non se opón á súa clasificación. A Comunidade de Montes presenta unha certificación dunha empresa de rozas forestais de ter limpado este monte en decembro de 2010 e copia da factura pagada polo Concello do Grove naquelas datas por este traballo dentro do convenio asinado coa Comunidade de Montes.

2. Que o monte denominado Río da Laxe é unha parcela «poboada por rexenerado de eucalipto, que se encontra parcialmente bordeada por muros e atravesada por pista…», segundo informe do Servizo de Montes. O Concello non se opón á súa clasificación. A Comunidade de Montes presenta unha certificación dunha empresa de rozas forestais de ter limpado este monte en decembro de 2011 e copia da factura pagada polo Concello do Grove naquelas datas por este traballo dentro do convenio asinado coa Comunidade de Montes.

3. Que a parcela denominada Lavaxeira está «poboada por fustal e rexenerado de piñeiro e eucalipto», segundo informe do Servizo de Montes. O Concello non se opón á súa clasificación. A Comunidade de Montes presenta unha certificación dunha empresa de rozas forestais de ter limpado esta parcela en decembro de 2010 e copia da factura pagada polo Concello do Grove naquelas datas por este traballo dentro do convenio asinado coa Comunidade de Montes.

4. Que a parcela denominada Boibas é «rasa a matogueira… que se encontra atravesada por liña telefónica», segundo o informe do Servizo de Montes. O Concello di que non lle consta aproveitamento veciñal e inscribe a parcela, en acordo tomado o 5.3.2012, no Inventario de bens municipais baseándose nunha nota informativa da Xerencia do Catastro de Pontevedra do 25.10.2005 que atribúe a titularidade desta parcela ao Concello do Grove. A Comunidade de Montes non presenta ningunha documentación que estableza un uso específico polos veciños desta parcela.

5. Que a parcela denominada Cova da Loba consta no informe do Servizo de Montes que está «dividida por estrada, a subparcela A está poboada por latizal de piñeiro e eucalipto, resto raso e rexenerado claro de eucalipto… a subparcela B sitúase en zona de servidume de curso de auga, no seu extremo norte localízase un estanque» que a Comunidade de Montes di que é un lavadoiro veciñal. O Concello non se opón á súa clasificación. A Comunidade de Montes presenta unha certificación dunha empresa de rozas forestais de ter limpado esta parcela en decembro de 2010 e copia da factura pagada polo Concello do Grove naquelas datas por este traballo dentro do convenio asinado coa Comunidade de Montes.

6. Que a parcela denominada Monte da Vila consta no informe do Servizo de Montes que é «una franxa de terreo entre parcelas edificadas, poboada por pés de eucalipto, carballo e loureiro». O Concello oponse á súa clasificación alegando que a Comunidade de Montes de San Martiño do Grove non as vén aproveitando de xeito consuetudinario e que o Concello considera de interese para o cumprimento dos seus fins e prestación dos servizos públicos dispoñer desta parcela. Presenta en tal sentido acordo da Xunta de Goberno con data do 14 de abril e certificación da Oficina Técnica Municipal de que non consta aproveitamento veciñal. A Comunidade de Montes non presenta ningunha documentación que estableza un uso específico polos veciños desta parcela.

7. Que a parcela denominada Coviles consta no informe do Servizo de Montes que está «poboada por fustal de piñeiro e eucalipto e pés soltos de plátano, nela aparecen canteiras abandonadas». O Concello do Grove oponse á súa clasificación alegando que non ten aproveitamento veciñal, pero presenta unha certificación da Oficina Técnica asinada polo enxeñeiro municipal en que «consta que se vén aproveitando e a Comunidade de Montes cerrou o acceso para vehículos á parcela mediante a colocación de pedras de grandes proporcións no acceso desde a vía pública».

8. Que a parcela denominada Paredes, segundo o informe do Servizo de Montes, está «poboada por rexenerado de eucalipto e diferenciada das parcelas circundantes pola altura do arboredo». O Concello non se opón á súa clasificación. A Comunidade de Montes non presenta ningunha documentación específica que probe o aproveitamento veciñal.

9. Que a parcela denominada Picho, segundo o informe do Servizo de Montes, está «poboada por un grupo de eucaliptos de gran porte…, rexenerado de eucalipto, matogueira e unha aliñación de cipreses». O Concello non se opón á súa clasificación. A Comunidade de Montes presenta a certificación dunha empresa de rozas forestais de ter limpado este monte en decembro de 2011 e copia da factura pagada polo Concello do Grove naquelas datas por este traballo, dentro do convenio asinado coa Comunidade de Montes.

10. Que a parcela denominada Alto de Borreiros I e II consta de dúas subparcelas, segundo o informe do Servizo de Montes; na primeira «ten unha poboación marxinal de castiñeiro, carballo e loureiro» e a segunda «é un resalte rochoso con noiros». O Concello non se opón á súa clasificación e a Oficina Técnica Municipal certifica que «a Comunidade de Montes de San Martiño presentou una alegación ao estudo de detalle presentado por Adolfo Fiel Esperón en representación de Proumia, S.L. o 22 de setembro de 2009». A Comunidade de Montes presenta unha certificación dunha empresa de rozas forestais de ter limpado esta parcela en decembro de 2011 e copia da factura pagada polo Concello do Grove naquelas datas por este traballo dentro do convenio asinado coa Comunidade de Montes.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón, e o Xurado, co voto en contra do vogal Enrique Martínez Chamorro no que aos montes Peroucho, Río da Laxe, Lavaxeira, Cova da Loba, Coviles, Picho e Alto de Borreiros I e II se refire,

acorda:

Clasificar como veciñais en man común as parcelas denominadas Peroucho, Río da Laxe, Lavaxeira, Cova da Loba, Coviles, Picho e Alto de Borreiros I e II, a prol da CMVMC de San Martiño do Grove, concello do Grove, de acordo coa descrición reflectida no feito terceiro e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes e que forma parte inseparable da presente resolución, e non clasificar como veciñais en man común as parcelas denominadas Boibas, Monte da Vila e Paredes ao non reuniren os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 10 de decembro de 2012

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra