Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Xoves, 7 de febreiro de 2013 Páx. 3573

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2013, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fixa o plan de auditorías das contas anuais 2012 das federacións deportivas galegas.

O artigo 2.3 da Resolución da Secretaría Xeral para o Deporte do 23 de maio de 2011 (DOG número 106, do 3 de xuño), pola que se regulan determinados aspectos da contabilidade das asociacións deportivas galegas, ao falar das federacións deportivas, establece:

«Aprobadas as contas, estas presentaranse, xunto coa memoria descritiva das actividades realizadas durante o exercicio económico, no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia para a súa inscrición. Esta presentación efectuarase no mes seguinte ao da súa aprobación e, en todo caso, antes do 30 de xullo de cada ano.

Así mesmo, deberán presentar ao Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia un informe da auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a comezos de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de xeito que, cada catro anos, todas teñan presentado o dito informe».

A nova Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, recolleu no seu artigo 43, ao respecto do réxime contable das entidades deportivas, o seguinte:

«Regulamentariamente, establecerase, respecto das federacións deportivas, un procedemento para o depósito anual das contas, ou dun resumo destas, no Rexistro de Entidades Deportivas ou noutros rexistros públicos que puidesen resultar competentes».

Polo tanto, en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar o plan de auditorías das contas anuais 2012 das federacións deportivas galegas. Deberán presentar informe de auditoría das citadas contas ante o Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, antes do 30 de setembro deste ano, as seguintes federacións deportivas galegas: actividades subacuáticas, atletismo, ciclismo, colombofilia, espeleoloxía, fútbol sala, hípica, kung-fu, natación, rugby, tenis, tenis de mesa, tiro con arco e ximnasia.

Segundo. Así mesmo, e co obxecto de realizar un seguimento do seu estado contable e económico, deberán presentar tamén neste ano, antes do 30 de setembro, un informe de auditoría das contas anuais 2012 aquelas federacións que no ano 2012 percibisen máis de 200.000 euros en execución do convenio de colaboración subscrito coa Secretaría Xeral para o Deporte no citado ano, isto é: baloncesto, piragüismo e vela.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2013

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte