Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Martes, 29 de xaneiro de 2013 Páx. 2516

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2012, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, da clasificación do monte denominado O Calvario, solicitado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos, do concello das Neves.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra, ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería do Medio Rural).

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Vogais representantes da CMVMC de Tortoreos:

Fernando Pereira Alonso.

Antonio Cándido Barros Carrera.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 19.11.2012, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na segunda planta do Edificio Adminstrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado O Calvario, solicitado en prol dos veciños da CMVMC de Tortoreos, concello das Neves.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada no rexistro do 22.6.2009, Fernando Pereira Alonso, en calidade de presidente da CMVMC de Tortoreos, presenta unha solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Coto do Calvario, no lugar do Calvario, parroquia de Tortoreos, concello das Neves, como veciñal en man común a favor dos vecinos da CMVMC de Tortoreos (As Neves) acompañada dun informe técnico que describe o monte, antecedentes, identificación, superficie e estremas.

Segundo. En data 26.5.2009 solicitase informe previo ao Servizo de Montes sobre os seguintes aspectos: suficiencia da planimetría presentada para a correcta identificación do terreo do cal se pide a clasificación e se dito monte xa está clasificado. En data 19.11.2009 remítese expediente á secretaria do Xurado, xunto co informe solicitado, no cal se indica respecto das dúas cuestións demandadas que os datos planimétricos entregados permiten identificar a parcela solicitada para clasificar e que a parcela non está clasificada.

Terceiro. O Xurado de Montes, en sesión celebrada en data 22.2.2010, á vista do informe previo e da documentación que consta no expediente acordou a incoación de expediente de clasificación do devandito monte e a súa remisión ao Servizo de Montes para a elaboración do informe preceptivo de conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992.

Cuarto. En data 24.5.2010 o promotor do expediente presenta novo levantamento topográfico e ficheiro dxf ao ser detectado un erro na medición polo técnico do distrito no momento de emitir o informe preceptivo.

Quinto. En data 31.5.2010 solicítase novo informe ao Servizo de Montes, no cal se indica, en síntese, que, o igual que no primeiro informe, os datos planimétricos entregados permiten identificar a parcela solicitada para clasificar e que os novos datos fornecidos incrementan a parcela pola estrema oeste un 37 % da superficie total, ben que as estremas presentadas son as mesmas.

Sexto. En data do 14.10.2010 emítese informe preceptivo, do cal convén salientar as observacións realizadas en relación á situación e estado da parcela:

«Non se observan encravados pero si servidumes de aceso a través das pistas asfaltadas tanto a vivendas unifamiliares como á construción que no seu día foi un colexio denominado Grupo Escolar Apóstol Santiago. Esta escola estívose usando ultimamente só para as reunións dos veciños do MVMC de Tortoreos e foi promovida a súa construción polo Concello das Neves no ano 1960 aproximadamente. Foron feitas unha serie de melloras no tellado e nas ventás por este concello a través dunha subvención da Unión Europea. O asfaltamento das pistas de acceso ao predio e á escola foi realizado polo concello, segundo a información recibida por veciños de Tortoreos. Dentro da zona da cal solicita a clasificación atopamos un depósito de auga que foi promovido e construído pola comunidade de augas dos veciños de Tortoreos. Tamén hai no predio catro cruceiros e, para uso recreativo, unha mesa de pedra, catro bancos de pedra e un de madeira, así como dúas papeleiras (o uso actual do monte é recreativo con varias plantacións ornamentais realizadas pola CMVMC de Tortoreos na metade da superficie e no resto está ocupado por pasto e mato que aproveita o gando dos veciños desta parroquia).

– Os aproveitamentos observados na actualidade realízanos os veciños de Tortoreos, entendendo por aproveitamento nunha superficie tan pequena o uso recreativo da superficie e o aproveitamento para o gando do pasto ou do mato como cama do gando.

– Nestes terreos denegouse unha permuta solitada pola comunidade con número de expediente 8/07.

– A vexetación actual está constituída por unha plantación con fins ornamentais de pradairos, castiñeiros, carballos, cerdeiras, tuias e nogueiras que teñen unha idade aproximada de 5 a 15 anos. Á parte atopamos pés aillados de Pinus pinaster (18 pés aprox. con diámetros de 10 a 40 cm). Tamén hai pés de eucaliptos (8 pés con diámetros de 25 a 50 cm) que, neste caso, están dentro da parcela que no seu momento se solictou permutar (expediente 8/07)».

Séptimo. En data 15.11.2010 o xefe do Servizo de Montes emite informe complementario sobre a permuta 8/07 anteriormente citada no informe preceptivo, no cal cabe destacar o seguinte:

«1. Que, segundo a solicitude e a planimetría presentada, se trata de permutar dúas parcelas, unha, propiedade da comunidade de montes de 208 m2 (parcela A ou 1) e outra, propiedade de Xosé Sestelo Martínez, Alicia Rodríguez Pérez, Antonio Días Pereira e Amador Rodríguez Castro de 760 m2 (parcela B ou 2).

2. Que a dita permuta foi denegada xa que se concluíu que a parcela do monte non estaba clasificada e a parcela achegada polos particulares non lindaba co monte clasificado.

3. Que como pode observarse nas cartográficas que se achegan, a parcela A ou 1, achegada pola comunidade, continúa agora fóra do que se pretende clasificar, e a parcela B ou 2 se atopa agora dentro do que se pretende clasificar, feito que recoñecería implicitamente que no ano 2007 non era considerado MVMC da comunidade de Tortoreos, senón propiedade particular de Xosé Sestelo Martínez e outros».

Oitavo. A Rexistradora da Propiedade de Ponteareas certifica con data 31.12.2010, que o monte sito no concello das Neves, parroquia de Tortoreos, denominado O Calvario, de superficie 10.992 m2, non aparece inscrito a favor de persoa ningunha, ao menos de forma en que poida ser identificado.

Noveno. Á vista da documentación presentada polo solicitante, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: As Neves.

Parroquia: Tortoreos.

Nome do monte: O Calvario.

Cabida: 10.992 m2 aprox. (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Juan Carlos Rodríguez Núñez, Avelino Cambra Mariño, Laura Nuñez Tabares, depuradora do Calvario.

Sur: María Rosa Souto Estévez, Mª Concepción Carballido Mariño, Eduardo Díaz Pereiro, José Cambra Gil, Clemente Cambra Gil, Manuel Cambra Gil, Saturnino Castro Rocha.

Leste: Saturnina Estévez Rodríguez, José Fernández Rodríguez, Isabel Fernández Cambra.

Oeste: Juan Carlos Rodríguez Núñez, Carlos Fontán González, Carmen Araujo Alonso, Enrique Araujo Alonso, Mª Concepción Pérez Saraqueta, Estévez Alonso José Manuel e irmáns, María Rosa Souto Estévez, María Concepción Carballido Mariño, Eduardo Pereira Díaz.

Décimo. Unha vez feitas as comunicacións a todos os interesados, tal e como prevé o artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, realizada a publicidade oficial da apertura dun mes para a práctica de alegacións a través do DOG (nº 29, do 11 de febreiro de 2011) e rematado o prazo de exposición no taboleiro de edictos do Concello das Neves, segundo certifica a secretaria do Concello en data do 25.2.2011, non foron presentadas alegacións por persoa ou entidade en contra do procedemento de clasificación da parcela do Calvario.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada; así o establece o artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de forma mancomunada (STS do 7.3.2001).

Terceiro. Polo que respecta á parcela B ou 2 situada ao sur dentro do monte obxecto de clasificación e que conta cunha superficie aproximada de 760 m2 debe quedar excluída do estudo deste expediente por canto a súa natureza non é comunal, tal e como se pon de manifesto no antecedente de feito sétimo.

Cuarto. O uso ou aproveitamento en man común do monte solicitado, agás a parcela B ou 2, queda suficientemente acreditado non só pola documentación histórica existente no expediente (Libro de inventarios do Concello das Neves, no cal se indica que no monte do Calvario hai un antigo colexio denominado Grupo Escolar Apóstol Santiago, cuxa descrición xa figuraba no ano 1960, e que se sitúa na parcela que linda por todos os seus ventos con monte comunal) senón tamén, e de xeito moi especial, polo contido do informe preceptivo do Servizo de Montes, tal e como se relatou no antecedente de feito sexto.

Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente non conste ningún escrito presentado por terceiro en que se discuta o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre a parcela obxecto do presente expediente de clasificación demostra de xeito suficiente que vén existindo un aproveitamento público, pacífico e continuado en común, por parte dos veciños de Tortoreos, do monte.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado por unamidade dos seus membros acorda:

Clasificar como veciñal en man común o monte denominado O Calvario, solicitado a favor dos veciños da CMVMC de Tortoreos, do concello das Neves, excluíndo os 760 m2 que corresponden á parcela de natureza privada (parcela B ou 2 da permuta 8/07), de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito noveno e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 14 de decembro de 2012

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra