Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Martes, 29 de xaneiro de 2013 Páx. 2489

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, da instalación de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa forestal primaria denominada central de biomasa de Vilalba, que Xeración Rural, S.L. promove no concello de Vilalba (Lugo).

Antecedentes de feito

Primeiro. Por Resolución do 30 de abril de 2010, da Consellería de Economía e Industria, aprobouse a relación de anteproxectos de instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa forestal primaria, entre os cales se atopa a instalación da central de biomasa de Vilalba, que Xeración Rural, S.L. promove no concello de Vilalba (Lugo), ao abeiro da Orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megawatios para tramitar no período 2008-2012, e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa.

Segundo. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu un informe, con data do 26 de novembro de 2009, no cal se establece que non procede o sometemento do proxecto ao trámite de impacto ou efectos ambientais.

Terceiro. Con data do 12 de novembro de 2010, Mario José Carballo Lama, en nome e representación de Xeración Rural, S.L., solicitou autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a instalación citada.

Cuarto. Con data 28 de abril de 2011, Mario José Carballo Lama, en nome e representación de Xeración Rural, S.L., solicitou autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución modificado para a instalación de biomasa debido ao traslado do lugar incialmente previsto para outro situado nas proximidades, motivado pola presenza de redes de transporte de gas e enerxía eléctrica no lugar orixinal.

Quinto. Con data do 27 de setembro de 2011, Mario José Carballo Lama, en nome e representación de Xeración Rural, S.L., solicitou a declaración de utilidade pública da instalación citada.

Sexto. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu un informe, con data do 24 de novembro de 2011, no cal se establece que non procede o sometemento da modificación do proxecto da instalación de biomasa ao trámite de impacto ou efectos ambientais.

Sétimo. Por Acordo do 10 de novembro de 2011, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, sométese a información pública a dita solicitude, que se publicou con data do 9 de decembro de 2011 no xornal El Progreso, con data do 9 de decembro de 2011 no Boletín Oficial da provincia de Lugo nº 280, e con data do 16 de decembro de 2011 no Diario Oficial de Galicia nº 239.

As características básicas da instalación son as seguintes:

Características técnicas principais da central termoeléctrica de biomasa forestal:

Equipamento principal (segundo o ciclo de Rankine):

Caldeira de biomasa de vapor de grella móbil.

Grupo turboxerador eléctrico, de vapor a condensación, de 10 MW de potencia nominal, a 6 kV.

Aerocondensador.

Depósito de condensación.

Desgasificador térmico.

Prequentador de auga.

Equipamentos de transformación e de control.

Un transformador principal de 13,5 MVA, refrixeración de aceite ONAN, e conexión Ynd11 para elevar a tensión de xeración desde 6 kV a 20 kV, e un transformador para servizos auxiliares de 2 MVA, refrixeración natural, conexión Dyn11 e relación de transformación 6/0,42 kV; celas e aparellos de protección, regulación, mando e control.

Outras instalacións industriais:

Recepción, almacenaxe e tratamento de biomasa, pesaxe, ponte guindastre tratamento de gases, depuración de auga, electricidade en baixa tensión, iluminación (interior, exterior, de emerxencia e de sinalización), aire comprimido, sistema de protección contra incendios, rede de postas á terra, abastecemento de auga sanitaria, saneamento, climatización, instrumentación e control.

Finalidade: xeración de enerxía eléctrica a partir de biomasa forestal primaria.

Orzamento de execución: 27.830.095 euros.

Durante o período de información pública presentouse a seguinte alegación:

Con data do 7 de decembro de 2011 David Cillero Febreiro solicitou cambio de domicilio para efectos de notificación.

Oitavo. Con data do 19 de abril de 2012, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo emitiu informe favorable ao proxecto de execución da planta de biomasa de Vilalba.

Noveno. Con data 28 de xuño de 2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emitu a proposta de resolución pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, da instalación mencionada.

Fundamentos de dereito

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguranza industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas.

Segundo. O artigo 28 da Lei 54/1997 establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estarán sometidos ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, e que corresponde o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Cuarto. O Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, o Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, e o Decreto 327/1991, de 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais, constitúen a normativa ambiental de referencia empregada para elaborar o informe emitido pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sobre a necesidade de sometemento a avaliación ambiental do proxecto.

Quinto. Polo que respecta á alegación presentada por David Cillero Febreiro, vista esta, cómpre manifestar que o departamento territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo remitiu un escrito con data 9 de xaneiro de 2012 á empresa promotora comunicándolle o novo enderezo do alegante para os efectos oportunos.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a Xeración Rural, S.L. a instalación de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa forestal primaria da central de biomasa de Vilalba, que promove no concello de Vilalba (Lugo).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da devandita instalación (Proxecto de execución da instalación de biomasa de Vilalba), asinado polo enxeñeiro industrial Iñaki Zamora Oyarzum, colexiado número 6279, e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Biscaia o 15 de abril de 2011, co número 1487-2011, cun orzamento de execución material de 27.830.095 euros.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A presente autorización non inclúe a liña de evacuación, que deberá ser obxecto de autorización administrativa e aprobación de proxecto separados.

Segunda. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se aproba, e referido no punto segundo da súa parte dispositiva.

Terceira. O titular da instalación deberá notificar á Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, con carácter previo á súa realización, calquera modificación que afecte o proxecto. Para modificacións que afecten datos básicos deste, será necesaria a autorización previa da Consellería de Economía e Industria.

Cuarta. O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses contados a partir da data de notificación da resolución de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, o promotor presentará unha solicitude de acta de posta en servizo de acordo co establecido no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Xeración Rural, S.L.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sétima. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, o titular deberá solicitar a súa inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellaría de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo).

Oitava. Conforme o disposto no artigo 16 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, para os efectos de garantir o cumprimento das súas obrigas, Xeración Rural, S.L. deberá constituír, no prazo de 30 días contados desde o día seguinte ao da notificación da presente resolución, unha fianza polo importe de 556.601,90 euros, correspondente ao 2 % do orzamento do proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, á disposición da Consellería de Economía e Industria, en calquera das formas legalmente establecidas, e devolverase, por solicitude do interesado, unha vez que se formalice a acta de posta en servizo das instalacións.

Novena. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización como consecuencia do incumprimento das condicións impostas nela, así como en calquera outra lexislación vixente que sexa de aplicación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados podan interpoñer calquera outro recurso que estimen conveniente.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2012

P.D. (Orde do 30 de abril de 2009; DOG nº 87, do 6 de maio)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria