Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Mércores, 23 de xaneiro de 2013 Páx. 1940

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2012, da Xerencia Executiva de Verín, pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de concurso de méritos, convocado pola Resolución 5/2012, do 2 de maio (Diario Oficial de Galicia número 137, do 18 de xullo), para a provisión de varios postos vacantes de supervisor/a de unidade.

Mediante a Resolución 5/2012, do 2 de maio (DOG número 137, de 18 de xullo), convocáronse para a súa provisión, polo sistema de concurso de méritos, varios postos vacantes de supervisor/a de unidade.

De acordo co disposto nas bases da convocatoria, logo da actuación das comisións de avaliación a que se fai referencia na base sexta, e vistos os méritos alegados e a defensa do proxecto técnico de xestión polos/as aspirantes, que constan nas actas das referidas comisións, esta xerencia executiva, de conformidade co previsto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG número 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 24 de maio de 2006 (DOG número 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 311/2009, do 28 de maio (DOG número 109, do 5 de xuño), polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 28 de setembro de 2011 (DOG número 188, do 30 de setembro) pola que se desenvolve a estrutura organizativa da Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, así como na Orde do 15 de xuño de 2009 (DOG número 119, do 19 de xuño), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, modificada pola Orde do 28 de setembro de 2011 (DOG número 188, do 30 de setembro).

ACORDA:

Primeiro. Adxudicar os postos de traballo de supervisor/a de Enfermaría de Medicina Interna e supervisor/a de Enfermaría do Bloque Cirúrxico ás persoas que obtiveron a maior puntuación nos termos previstos nesta resolución e declarar deserto o posto de supervisor/a de Urxencias con base no previsto na base primeira da convocatoria.

Segundo. As profesionais nomeadas deberán cesar na praza que desempeñen dentro dos tres días hábiles seguintes ao da súa publicación.

Terceiro. A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do seu cesamento. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ao destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do/da interesado/a, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados pola xerente executiva.

Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular e será declarado/a nesa situación polo órgano competente quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Cuarto. As aspirantes nomeadas será avaliadas, antes de que transcorran catro anos desde o seu nomeamento, para os efectos de prorrogar o desempeño do posto por idéntico período de tempo ou proceder á súa remoción do posto de traballo. A remoción virá precedida dun procedemento que garanta a audiencia da persoa interesada.

Unha comisión técnica designada conforme o previsto no artigo 14 da Orde do 24 de maio de 2006 avaliará fundamentalmente o cumprimento dos obxectivos da unidade.

Quinto. Contra esta resolución poderase interpor, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso de alzada ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao día da súa publicación.

Verín, 16 de decembro de 2012

Guillermina Agulla Budiño
Xerente executiva de Verín

ANEXO

Posto: supervisor/a de Enfermaría da Unidade de Medicina Interna.

Nome e apelidos: Míriam Rodríguez Lorenzo.

DNI: 34997107-P.

Posto: supervisor/a de Enfermaría do Bloque Cirúrxico.

Nome e apelidos: María Olga Álvarez Fernández.

DNI: 34953618-N.