Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Martes, 22 de xaneiro de 2013 Páx. 1890

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 3 de xaneiro de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada presentada para o centro de tratamento de residuos situado no Monte Marván, promovido por SOLOGAS, S.L., no concello das Somozas (A Coruña) (Clave 2012-IPPC-I-0035).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE nº 157, do 2 de xullo), no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos (BOE nº 23, do 26 de xaneiro), e no Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación da incidencia ambiental (DOG nº 126, do 1 de xullo), faise público que, por espazo de trinta (30) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, quedará exposta en horas de atención ao público a documentación correspondente á solicitude de autorización ambiental integrada para a instalación de xestión de residuos referida no encabezamento, co fin de que calquera interesado poida consultala e, de ser o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións e/ou observacións que estime convenientes. A documentación que se exporá será:

«Proxecto básico e estudo de impacto ambiental para a instalación dun centro de tratamento de residuos».

«Informe de compatibilidade urbanística emitido polo Concello das Somozas».

Para isto, poranse á disposición dos administrados exemplares da devandita documentación nas seguintes dependencias:

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental); San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña.

Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (rúa Vicente Ferrer, 10, 15008 A Coruña).

Concello das Somozas, Igrexa, 1, 15565 As Somozas (A Coruña).

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2012-IPPC-I-0035.

Peticionaria: Sologas, S.L.

Domicilio social: avda. Vicente Risco, esq. Otero Pedrayo, s/n, pol., A Gándara, Narón (A Coruña).

Localización das instalacións: Marván-Seixas, 15567, As Somozas (A Coruña).

Zona de afección: a parcela sobre a cal se pretende executar este proxecto sitúase no Monte Marván do concello das Somozas e, en concreto, dentro do polígono catastral nº 9 dese concello, na parcela 61. As instalacións previstas obxecto desta AAI ocupan unha superficie aproximada de 37.917 m2. O acceso a esta parcela realizarase pola estrada existente, DP-7010, en dirección ás Pontes de García Rodríguez.

Actividade principal e capacidades de xestión: instalación de eliminación de residuos en lugares distintos a vertedoiros, composta polos seguintes elementos:

Estación depuradora de augas residuais industriais (EDARI): o método de tratamento incorpora procesos físicos, químicos e biolóxicos. A capacidade normal de tratamento diaria desta instalación é de 1.500 m3/d, (1.200 m3/d de residuos non perigosos e 300 m3/d de residuos perigosos).

Módulo de biometanización (biodixestor) e motor de coxeración en que se empregará como combustible o gas xerado pola produción de lodos, aproveitando a enerxía eléctrica producida para o consumo do resto das instalacións. A potencia térmica de combustión do motor de coxeración será de 1.301 kW.

Planta de compostaxe e de elaboración de solos artificiais: tratarase a materia orgánica co fin de elaborar compost destinado a uso agrícola e solos artificiais ou tecnosolos, nunha cantidade aproximada total de 20.000 t/ano.

Área de selección e clasificación de residuos non perigosos: realizarase unha separación, clasificación e aproveitamento de materiais valorizables dos residuos non perigosos, nunha cantidade de 21.600 t/ano, e dos residuos de construción e demolición, nunha cantidade de 5.400 t/ano.

Verteduras: as augas resultantes no proceso de tratamento da EDARI serán vertidas ao Rego dos Miles.