Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2013 Páx. 1596

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada subestación Lugo 132 kV-ampliación MT, no termo municipal de Lugo (expediente IN407A 2012/67-2, 8036 AT).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. A subestación eléctrica Lugo de Unión Fenosa Distribución, S.A., situada no lugar de Lamas de Prado, no termo municipal de Lugo, componse de:

– Un parque de 132 kV convencional en configuración simple barra e integrado por dúas posicións de liña, dúas de transformador e medida de barras.

– Dous transformadores de 132/20 kV, de 40 MVA cada un.

– Un parque de 20 kV constituído mediante celas de albanalaría en interior de edificio, configuración dobre barra e integrado por dez celas de liña, unha de liña de coxenerador, dúas de transformador de potencia, unha de servizos auxiliares, unha de medida de tensión e unha de acoplamento.

Segundo. O 6 de xullo de 2012 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada Subestación Lugo 132 kV-ampliación MT, acompañada da preceptiva documentación á cal fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Este proxecto prevé a ampliación do parque de 20 kV da citada subestación eléctrica Lugo, mediante a instalación de seis novas celas tipo NxPlus blindadas con illamento SF6 que se unirán ás existentes mediante as correspondentes posicións de acoplamento lonxitudinal, coas seguintes funcións: tres posicións de liña cliente, dúas posicións de acoplamento lonxitudinal de manobra e unha posición de medida de tensión de barras.

Terceiro. O 16 de outubro de 2012 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización da devandita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 31 de outubro de 2011 e no Boletín Oficial da provincia do 8 de novembro de 2012.

Cuarto. Durante o período en que o devandito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O 10 de agosto de 2012 a xefatura territorial emitiu informe favorable a respecto do proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada Subestación Lugo 132 kV-ampliación MT, no termo municipal de Lugo.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. As instalacións de distribución de enerxía eléctrica que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17068, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio co nº 201202823 e data do 13 de xuño de 2012, e no que figura un orzamento total de 389.097 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas