Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2013 Páx. 1565

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2013, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 25 de maio de 2012 (Diario Oficial de Galicia número 103, do 31 de maio), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio da fase de oposición.

En sesión que tivo lugar o día 11 de xaneiro de 2013, o tribunal nomeado pola Orde do 24 de outubro de 2012 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, acordou, de conformidade co disposto na base II.2.6 da convocatoria, que o segundo exercicio da fase de oposición terá lugar o vinte e seis (26) de xaneiro de 2013, na aula número 1 da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 9.00 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. Os aspirantes serán provistos de calculadora polo tribunal e queda prohibido o uso de calculadoras distintas das que se lles faciliten.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas en que figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples, sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo e das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axuste ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2013

Sonia Lafont Sendino
Presidenta do tribunal