Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Mércores, 16 de xaneiro de 2013 Páx. 1324

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 18 de decembro de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se publica a Resolución do 9 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que acorda a inclusión do polígono oito na zona de concentración parcelaria de San Vicenzo de Curtis (Vilasantar).

En cumprimento do disposto no artigo 23.4 da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia, en relación co artigo 59.6.a) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, este departamento territorial fai público que, con data do 9 de novembro de 2012, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e do Mar ditou a seguinte resolución:

«Vista a proposta de inclusión de parcelas na zona de concentración parcelaria de San Vicenzo de Curtis, Vilasantar, A Coruña, remitida –logo do pronunciamento da xunta local da zona– polo Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias desta Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, e considerando que concorren nela as circunstancias previstas no artigo 23.2 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro.

Esta dirección xeral, ao abeiro do disposto na lexislación vixente, resolve incluír no proceso de concentración parcelaria da zona de San Vicenzo de Curtis, Vilasantar, A Coruña, o polígono 8 do levantamento topográfico levado a cabo e correspondente aos terreos situados entre os regatos de Pedregoso e Pequeno, ao sur da parroquia.

De conformidade co disposto no citado artigo 23.4 o presente acordo será obxecto de enquisa e publicación.»

Contra a presente resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar dentro do prazo de trinta días, que contarán desde o día seguinte á publicación desta resolución. Os recursos poderán presentarse nesta xefatura territorial (Edificio Administrativo Monelos, praza Luís Seoane, s/n, A Coruña), nas oficinas centrais da consellería (San Caetano, s/n, Santiago de Compostela) ou en calquera das dependencias ás cales fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A Coruña, 18 de decembro de 2012

Antonio Manuel Aguión Fernández
Xefe territorial da Coruña