O Pleno do Concello de Ames, en sesión do 29 de novembro de 2012, prestou aprobación definitiva á modificación puntual do Plan parcial do sector S-16, Galdrachán, que desenvolve o Plan xeral de ordenación municipal, o que se publica para os efectos do artigo 92.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Louga).
«Acordo plenario de aprobación definitiva.
Punto oitavo. Aprobación definitiva da modificación puntual do Plan parcial do sector S-16, Galdrachán
(...) Rematadas as intervencións, o Pleno da corporación por unanimidade dos seus membros presentes adoptou os seguintes acordos:
Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan parcial do sector S-16, Galdrachán.
Segundo. Ordenar a publicación no DOG do acordo de aprobación definitiva da modificación do Plan parcial S-16, Galdrachán, no prazo dun mes, así como a publicación no Boletín Oficial da provincia da Coruña do documento, xunto coa normativa e ordenanzas.
Terceiro. Comunicarlle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Galicia esta aprobación definitiva, con remisión dunha copia autenticada de dous exemplares completos de documento, con todos os planos e documentos debidamente dilixenciados.
Cuarto. A eficacia do acto de aprobación definitiva e a súa entrada en vigor quedan condicionadas ao disposto nos puntos segundo e terceiro desta proposta e ao que dispoña para o efecto a lexislación reguladora desta Administración actuante. No anuncio farase constar expresamente a remisión da documentación, consonte o establecido no artigo 92.3 da Louga, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.
Quinto. Notificar o presente acordo aos demais interesados no procedemento coa indicación do réxime de recursos que procedan.
Sexto. Facultar expresamente o alcalde presidente Santiago Vicente Amor Barreiro para cantas actuacións de trámite sexan precisas para a mellor execución do acordado.
Contra este acordo de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan parcial do sector S-16, Galdrachán, conforme o previsto no artigo 107.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación do presente anuncio, de conformidade ao previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Ames, 20 de decembro de 2012
Santiago V. Amor Barreiro
Alcalde