Visto o expediente para o outorgamento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: Concello de Vigo.
Domicilio social: praza do Rei, 1. 36202 Vigo.
Denominación: LMTS conexión do servizo ao CT do centro deportivo de Candeán.
Situación: Vigo.
Descricións técnicas: LMT subterránea a 15 kV con condutor RHZ1 de 420 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento da compañía distribuidora e final no centro de transformación do centro deportivo de Candeán, Vigo.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:
Autorizar e aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 12 meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.
Contra a presente resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpor calquer outro recurso que se coide pertinente.
Pontevedra, 4 de setembro de 2012
Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra