Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Mércores, 9 de xaneiro de 2013 Páx. 876

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 10 de decembro de 2012, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre resolución do expediente de clasificación do monte denominada A Lomba solicitado a prol da CMVMC do Viso, concello de Redondela.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique.

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante do Colexio de Avogados da provincia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Lorena Peiteado Pérez (letrada do Gabinete Xurídico Territorial).

Vogais representantes da CMVMC do Viso:

Álvaro Cabaleiro Durán.

José Somoza Martínez.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 19.11.2012, coa asistencia das persoas sinaladas na marxe, reúnese no 2º andar do Edificio Administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado A Lomba solicitado a favor dos veciños da CMVMC do Viso, concello de Redondela.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada do 30.4.2010, Álvaro Cabaleiro Durán, na súa condición de presidente da CMVMC do Viso, do concello de Redondela, e na súa representación, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado A Lomba como veciñal en man común a prol dos veciños da CMVMC do Viso (concello de Redondela), e xunta informe técnico e pericial, en que se describe o monte, identificación, superficie, ocupacións e lindes.

Segundo. O 2.8.2010 o informe de topografía sinala que os datos xeométricos permiten identificar a parcela e que a dita parcela non está clasificada.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicita informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais. O 5.9.2010 o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común emite o correspondente informe do cal convén salientar as seguintes observacións realizadas en relación coa situación e estado da parcela afectada pola clasificación:

Que a parcela está rodeada por todos os ventos por estradas asfaltadas e camiños, e atravesada por unha estrada asfaltada.

Que a parcela está repoboada por castiñeiros na parte suroeste, onde se observan restos de cortas. O resto da parcela ten pes de piñeiro, sobreira e eucalipto.

Cuarto. O 22.9.2010 o Concello de Redondela informa de que a referencia catastral da parcela que se pretende clasificar é 36045A00500216, solo rústico de protección ordinaria.

Quinto. A rexistradora da Propiedade de Redondela certifica o 19.10.2010 que na parcela solicitada non aparece ningún ben nin dereito real inscrito.

Sexto. Á vista da documentación presentada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Redondela.

Parroquia: O Viso.

Nome do monte: A Lomba.

Cabida: 0,53 ha (superficie aproximada alegada na solicitude)

Lindes:

Norte: estrada asfaltada.

Leste: camiño de terra.

Sur: camiño de terra.

Oeste: estrada asfaltada.

Setimo. Realizadas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto período de audiencia, preséntase dúas alegacións ao expediente.

A primeira, a de Jesús Fuentes Pérez, actuando en nome e representación da entidade mercantil Arado, S.L., para alegar que posúe os seguintes predios catastrais: o nº 36045A001008010000WP, o nº 36045A001008010000WQ e o nº 36045A001007990000WQ.

E a segunda, a de Fernando Veiga Estévez, na súa condición de presidente da CMVMC do Viso, para indicar que os predios a que se refire Jesús Fuentes Pérez non están no monte A Lomba nin nas súas proximidades.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. Por outra banda, de conformidade co artigo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, considérase monte:

«... ou terreo forestal todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou que procedan de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas, sociais ou recreativas.

Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal:

a) Os terreos ermos, os rochedos e os areais.

b) As construcións e as infraestruturas destinadas a servizo do monte en que se localizan, así como os equipamentos e as infraestruturas de uso sociorrecreativo.

c) Os terreos de antigo uso agrícola e con polo menos dez anos continuados de abandono, sempre que adquirisen sinais inequívocos do seu carácter forestal, cando formen parte de superficies continuas de polo menos 5 hectáreas, agás que se trate de terreos que estean incluídos con ese fin nun banco de terras ou instrumento semellante.

d) Todo terreo que, sen reunir as características descritas anteriormente, se adscriba coa finalidade de ser repoboado ou transformado á actividade forestal, de conformidade coa normativa aplicable.

e) Os enclaves forestais en terreos agrícolas coa superficie mínima de 5 hectáreas, a non ser que se compoñan os ditos enclaves de masas de especies forestais de frondosas do anexo 1 cunha idade media de polo menos dez anos, diminuíndose, para estes casos, a dita superficie mínima ata 1 hectárea.

2. Non teñen a consideración de monte ou terreo forestal:

a) O solo urbano e o solo de núcleo rural.

b) O solo urbanizable delimitado, coas excepcións sinaladas na disposición transitoria quinta.

c) Os terreos de dominio público, agás os que integran o dominio público forestal.

d) Os terreos rústicos de protección ordinaria destinados a cultivo agrícola.

e) Os terreos rústicos de especial protección agropecuaria, sen prexuízo do establecido no artigo 61 desta lei.

3. En solos rústicos de especial protección, os aproveitamentos forestais rexeranse polo disposto nesta lei en todo aquilo en que non se lles aplique a súa normativa específica».

Cuarto. Para que un monte sexa declarado veciñal en man común, o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de xeito continuado, xa que así o establecen artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, que conclúe que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de forma mancomunada (STS do 7.3.2001).

Quinto. Deste xeito, e á vista do informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común e do informe-peritación presentado, compróbase que existen aproveitamentos na actualidade (restos de corta) e que a repoboación de castiñeiros foi feita pola comunidade despois da corta do ano 2008.

Sexto. Polo que respecta ás alegacións de Jesuús Fuentes Pérez, confírmase o que xa expón o propio presidente do MVMC do Viso, que os predios a que se refire Jesús non están no monte A Lomba nin nas súas proximidades.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas, propón e o Xurado, por unanimidade dos seus membros, acorda:

Clasificar como veciñal en man común a parcela de monte denominada A Lomba a prol da CMVMC do Viso, do concello de Redondela, de acordo coa descrición reflectida no feito sexto e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 10 de decembro de 2012

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra