Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Xoves, 3 de xaneiro de 2013 Páx. 319

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 20 de novembro de 2012, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre resolución do recurso de reposición presentado pola CMVMC de Noalla contra o acordo de revisión de oficio do expediente de clasificación Circundado de San Xoán de Deus e outros, no monte da Lanzada (Sanxenxo).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique.

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 19.11.2012, coa asistencia das persoas sinaladas na marxe, reúnese na 2ª planta do Edificio Administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do recurso de reposición presentado pola CMVMC de Noalla, contra o acordo de revisión de oficio do expediente de clasificación Circundado de San Xoán de Deus e outros, no que ao monte da Lanzada (Sanxenxo) se refire.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Para a maior brevidade, e por seren todos eles coñecidos pola CMVMC de Noalla, danse por reproducidos na súa integridade todos e cada un dos antecedentes que constan na resolución ditada polo Xurado de Montes de febreiro de 2012, en acordo adoptado na reunión do 20.2.2012.

Segundo. Contra a citada resolución e con data do 30 de marzo de 2012 tivo entrada no Rexistro do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia recurso de reposición interposto por Roberto Garrido Pérez, actuando en nome e representación da Comunidade de Montes de Noalla que alegaba, en síntese, o seguinte:

Infracción do disposto no artigo 89.3 da Lei 30/1992.

Carácter non vinculante das sentenzas en canto ao fondo e decisión que ten que adoptar o órgano administrativo: ausencia de nulidade ou anulabilidade xustificativa da revisión de oficio.

Aplicación do artigo 106 da Lei 30/1992.

Repercusión social e vulneración do principio de seguridade xurídica.

Tomando en consideración os datos e numerosos documentos que constan no prolixo expediente administrativo de referencia, así como as alegacións feitas de contrario, emítese a seguinte resolución con base nos seguintes

Fundamentos de dereito:

I) O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan fronte ás súas resolucións de acordo co preceptuado no artigo 116 da Lei 30/1992, así como no artigo 12 da Lei 13/1989.

II) Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto de contrario por concorreren os requisitos fixados no artigo 117.1 da Lei 30/1992.

III) En primeiro lugar, o recorrente alega que a resolución impugnada incumpre de maneira flagrante o disposto no artigo 89.3 da Lei 30/1992 ao non facer mención expresa aos recursos que proceden fronte a ela. Ao respecto, cómpre sinalar que ben que é certo que concorre tal omisión, esta non pode catalogarse baixo ningún concepto como un vicio invalidante nin xustificativo de revogación da resolución, e debe entenderse emendada a devandita omisión coa admisión do presente recurso de reposición e conseguinte tramitación.

IV) Como segundo fundamento, no cal se sustenta o recurso de reposición, esgrímese que o feito de que exista unha sentenza xudicial que obriga á incoación dun procedemento de revisión de oficio non implica que a resolución final teña necesariamente estimar a concorrencia de nulidade, como fixo o Xurado de Montes, invocando, así mesmo, a Comunidade de Montes de Noalla o artigo 106 da Lei 30/1992.

En resposta a tal formulación son varias as cuestións que se deben poñer de manifesto e que evidencian a conformidade co dereito da resolución impugnada, sen esquecer que esta é resultado directo do ditame favorable do Consello Consultivo de Galicia, que si ten carácter preceptivo e vinculante (artigo 102 da Lei 30/1992).

En primeiro lugar, cómpre sinalar que ben que é certo que a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, unicamente obrigaba á correspondente tramitación do procedemento de revisión de oficio, unha vez que declarou nula a resolución do Xurado de Montes que inadmitía a revisión solicitada polo Concello do Grove, debe afirmarse que á hora de analizar a concorrencia da posible causa de nulidade invocada por este concello tomouse en consideración a prolixa documentación que consta no expediente, os fundamentos de dereito recollidos na Sentenza número 28/2006 que puxo fin ao procedemento ordinario 111/2004 seguido perante o Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, estimatoria das pretensións do Concello do Grove, así como na Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 8 de maio de 2008, que confirma integramente a anterior, e a propia xurisprudencia sentada en asuntos idénticos a este polo Tribunal Supremo, chegando á conclusión de entender que a omisión do trámite de audiencia con carácter previo á cualificación como veciñal en man común do Monte da Lanzada causou indefensión ao Concello do Grove, incorrendo a resolución na causa de nulidade do artigo 62.1.e) da Lei 30/1992.

Non se trata polo tanto de que as citadas resolucións xudiciais prexulguen a decisión deste órgano, pero tampouco se pode ignorar a súa fundamentación e razoamentos como, por exemplo, o recollido no fundamento de dereito terceiro da Sentenza 28/2006 a cuxo teor:

«Terceiro. Certamente, a clasificación dun monte como veciñal en man común prodúcese cando existe un aproveitamento consuetudinario do monte polos veciños, en réxime de comunidade e sen asignación de cotas (artigo 1 da LMVMC), acreditación que se debe poñer de manifesto coa instrución do correspondente expediente administrativo en que deben ser inescusablemente notificadas desde a súa fase inicial as persoas ou entidades a cuxo favor apareza inscrito no Rexistro da Propiedade algún título relativo ao monte, sen prexuízo da necesaria publicación edictal para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 10 da mesma lei.

(...) E polo demais, xa sexa maior ou menor a superficie do monte que era propiedade da entidade demandante, o certo é que figuraba como titular rexistral, de modo que tiña que ter sido oída no expediente e debeu térselle notificado a Resolución do 22.6.1989 (artigo 10.2 da LMVMC), o que significa que se lle debe impoñer ao Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra a obriga de dar á petición de revisión de oficio a canle prevista nos artigos 102 ou 103 da Lei 30/1992».

Estes mesmos argumentos son empregados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en diferentes sentenzas así como polo Tribunal Supremo, citando a título ilustrativo a Sentenza do 20 de marzo de 1991 (tamén invocada polo Concello do Grove nos seus escritos de alegacións), que conclúe no seu fundamento de dereito segundo que: «determinándose no artigo 10.2 da LMVMC a procedencia de conceder audiencia aos interesados e de notificar «inescusablemente» o procedemento, na súa fase inicial, ás persoas a cuxo favor apareza inscrito no Rexistro da Propiedade algún título relativo ao monte, resulta evidente que, ante tales circunstancias e en presenza de tan explícita normativa, deviña inoperante a mera notificación por edictos ou pola publicación no boletín da provincia».

Así pois, e partindo da base de que a xurisprudencia maioritaria e máis recente se postula a favor de entender que a publicación edictal non é suficiente en casos como o presente cando o interesado aparece como titular rexistral, sendo preceptiva a notificación persoal, para favorecer a axeitada protección do dereito de defensa do Concello do Grove e asegurar un procedemento de clasificación garantista e protector de todos os intereses en xogo, este organismo considerou, de xeito motivado e razoado, que concorría a causa de nulidade prevista no artigo 62.1.e) da Lei 30/1992.

Enténdese, en efecto, que a publicación feita no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra dando audiencia a todos e cada un dos posibles interesados, pero sen emprazamento persoal ao Concello do Grove pese a aparecer no Rexistro da Propiedade foi inoperante por insuficiente, irrogando indefensión xeradora da nulidade que agora se declara, tal e como se recolle nas sentenzas ditadas polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, á que xa fixemos alusión, como a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmatoria da anterior, a cuxo ditame debe aterse este xurado de montes.

Por outra banda, e polo que respecta á posible aplicación do artigo 106 da Lei 30/1992, non debe esquecer que nun primeiro momento o propio Xurado de Montes tivo en conta tanto a extemporaneidade da solicitude de revisión como a suposta mala fe do Concello do Grove ao entender acreditado o seu coñecemento anterior do procedemento de clasificación, porén, como xa sinalamos, existe unha sentenza xudicial de carácter firme que xa abordou todas estas consideracións con resolución condenatoria para esta parte, polo que non sería de recibo denegar unha vez máis a revisión con base nas mesmas premisas pois o único que se conseguiría sería dilatar indefinidamente no tempo este expediente.

En relación co anterior e sobre o efecto vinculante que as sentenzas xudiciais firmes teñen respecto da Administración debe traerse a colación o previsto no artigo 103 da LXCA do seguinte teor:

«Artigo 103

1. A potestade de facer executar as sentenzas e demais resolucións xudiciais corresponde exclusivamente aos xulgados e tribunais desta orde xurisdicional, e o seu exercicio compete ao que coñecese do asunto en primeira o única instancia.

2. As partes están obrigadas a cumprir as sentenzas na forma e termos que nestas se consignen.

3. Todas as persoas e entidades públicas e privadas están obrigadas a prestar a colaboración requirida polos xuíces e tribunais do contencioso-administrativo para a debida e completa execución do resolto.

4. Serán nulos de pleno dereito os actos e disposicións contrarios aos pronunciamentos das sentenzas, que se diten coa finalidade de eludir o seu cumprimento.

5. O órgano xurisdicional a quen corresponda a execución da sentenza declarará, por instancia de parte, a nulidade dos actos e disposicións a que se refire o punto anterior, polos trámites previstos nos números 2 e 3 do artigo 109, salvo que carecese de competencia para iso conforme o disposto nesta lei».

Finalmente, e como complemento de todo canto vimos expoñendo ata o momento, resta indicar que todas e cada unha das afirmacións condensadas ao longo da argumentación xurídica da resolución impugnada, de febreiro de 2012, vense ratificadas polo ditame emitido polo Consello Consultivo de Galicia, unido ao expediente e de carácter vinculante, do que se poden extraer como consideracións máis importantes as seguintes:

«Neste sentido é evidente, polo tanto, que o Concello agora solicitante da revisión de oficio se atopou no curso do procedemento aquí analizado en clara indefensión, por canto se aprecia no expediente remitido, que non lle foi notificado, nin a súa incoación (artigo 14 da LMVMC), privándoo deste xeito de exercer o dereito ao recurso, tanto en vía administrativa como contenciosa.

O exame da nulidade do acto debe ficar unicamente nestes termos sen entrar a valorar as cuestións que o Concello do Grove manifesta sobre aspectos substantivos tales como a extensión do circundado, dado que tales aspectos deben ser, precisamente, obxecto de valoración no procedemento de elaboración do acto en cuestión».

En definitiva, e sen prexuízo de que este órgano tome consciencia da problemática que supón unha declaración de nulidade efectuada sobre unha resolución que data do ano 1989, desde o punto de vista da seguridade xurídica, o certo é que tal decisión vén imposta pola aplicación da normativa vixente na materia e pola existencia dunha sentenza xudicial firme e informe preceptivo e vinculante do Consello Consultivo onde se dá prioridade ao dereito de defensa do Concello do Grove.

Respecto das restantes consideracións feitas no recurso de reposición entendemos que xa foron obxecto de tratamento e resposta no procedemento xudicial de referencia, polo que excede as competencias do Xurado de Montes entrar a revisar feitos e alegacións resoltos xudicialmente con carácter firme.

Vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, por unanimidade dos seus membros e en uso das facultades que ten conferidas, resolve:

A desestimación do recurso de reposición e confirmación en todos e cada un dos seus termos da resolución impugnada.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co previsto nos artigos 109.a) e 116.3 da Lei 30/1992, así como nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998.

Pontevedra, 20 de novembro de 2012

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra