Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 31 de decembro de 2012 Páx. 49440

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

ACORDO do 21 de decembro de 2012, da Dirección de Recursos Humanos, polo que se amplía o prazo de presentación de reclamacións contra os resultados das puntuacións recollidas nas listaxes provisionais de admitidos/as previsto na Resolución do 18 de decembro de 2012, con respecto á convocatoria de inscrición de aspirantes para vinculacións temporais en diversas categorías sanitarias e de xestión e servizos no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

Coa data do 21 de decembro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 243) a Resolución do 18 de decembro de 2012 que modifica a Resolución do 3 do decembro de 2012, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se publican as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as e se procede a publicar os resultados provisionais de baremación dos/as aspirantes admitidos/as co seu número de orde, con respecto á convocatoria de inscrición de aspirantes para vinculacións temporais en diversas categorías sanitarias e de xestión e servizos no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

No penúltimo parágrafo da devandita resolución estableceuse que as persoas aspirantes admitidas poden, só con respecto aos resultados da baremación recollida nas listas provisionais de admitidos con puntuación, presentar reclamación ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo de dez días naturais contados desde o día seguinte ao da data de publicación das citadas listas provisionais.

Porén, dada a coincidencia do dito prazo cun período con diversos días inhábiles e no cal numerosas unidades e oficinas de rexistro das diferentes administracións públicas teñen un funcionamento sensiblemente limitado, co fin de facilitar a presentación das reclamacións que desexen formular as cidadás e cidadáns interesadas/os no presente procedemento e na propia garantía deste, este centro directivo, facendo uso das facultades previstas no artigo 49.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acorda ampliar o dito prazo de presentación de reclamacións ata o día 4 de xaneiro de 2013, este incluído.

O presente acordo, de conformidade co número 3 do devandito precepto legal, non é susceptible de ningún recurso.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2012

P.V. (Artigo 9.d) da Orde 5.7.2012; DOG nº 139, do 20 de xullo)
Paula Oliete Trillo
Subdirectora xeral de Xestión e Políticas de Persoal