Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2012 Páx. 48135

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 264/2012, do 27 de decembro, polo que se establecen axudas sociais de carácter extraordinario a favor de pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, de persoas perceptoras de pensións do Fondo de Asistencia Social e de persoas beneficiarias do subsidio de garantía de ingresos mínimos.

O artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 18.1.c) inclúe as prestacións económicas orientadas a satisfacer necesidades pecuniarias no catálogo de servizos sociais e no seu artigo 21.1 establece que son prestacións económicas do sistema galego de servizos sociais as achegas en diñeiro, de carácter periódico ou de pagamento único, que teñan por finalidade, entre outras, paliar situacións transitorias de necesidade.

Con base na referida habilitación legal, a disposición adicional sétima da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2012 recolle a creación dun fondo extraordinario de axudas económicas con destino ás persoas beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, de pensións do Fondo de Asistencia Social (FAS) e do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM).

A referida disposición normativa habilita o Consello da Xunta, logo de proposta da consellería con competencia en materia de benestar social e co informe previo da Consellería de Facenda, para aprobar as normas de desenvolvemento necesarias para o recoñecemento do dereito e o pagamento das prestacións.

En cumprimento do previsto na disposición adicional citada, o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia entende que as persoas beneficiarias das pensións non contributivas da Seguridade Social de invalidez e de xubilación, das pensións do Fondo de Asistencia Social (FAS) e do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM) se encontran nunha situación xeneralizada de precariedade económica, tendo en conta a contía da prestación que perciben e o seu baixo nivel de renda.

Por todo isto e coa finalidade de contribuír á mellora da súa renda, considérase oportuno establecer axudas sociais de carácter extraordinario e anual para as persoas que perciban en Galicia as devanditas pensións. Esta axuda será distinta das do sistema da Seguridade Social e das que poida outorgar a Administración xeral do Estado e será compatible con elas.

En virtude do exposto, facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de decembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto establecer axudas sociais extraordinarias a favor das persoas beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez nas súas modalidades non contributivas (PNC), de pensións do Fondo de Asistencia Social (FAS) e do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM).

Artigo 2. Carácter

Estas axudas sociais, persoais e intransferibles, teñen carácter extraordinario e non se consolidarán para o futuro.

Artigo 3. Contía e pagamento

A contía individual destas axudas fíxase en 206 euros, que se aboarán mediante un pagamento único, que se realizará de oficio, sen que se precise solicitude da persoa interesada. Este pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria á conta en que as persoas beneficiarias teñen domiciliada a percepción ordinaria da súa pensión.

Artigo 4. Financiamento

As obrigas que se recoñezan como consecuencia da aplicación deste decreto serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 2012.12.08.312A.480.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2012.

Artigo 5. Requisitos

Serán persoas beneficiarias destas axudas sociais de carácter extraordinario as que perciban pensións de invalidez e xubilación na súa modalidade non contributiva, pensións do Fondo de Asistencia Social (FAS) ou o subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM), nas cales concorran os seguintes requisitos:

a) Estaren en situación de alta en nómina na data do 1 de xaneiro de 2012 e permaneceren nesta mesma situación de alta na data de entrada en vigor deste decreto.

b) Teren a residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia na data de entrada en vigor deste decreto.

Artigo 6. Suspensión e perda

A suspensión e perda do dereito á percepción destas axudas de carácter extraordinario producirase nos mesmos supostos previstos para as pensións a que se refire o artigo 1. A declaración de tales situacións correspóndelle á persoa titular da correspondente xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición adicional única

A contía da axuda extraordinaria recoñecida ás persoas beneficiarias estará excluída do cómputo de rendas ou ingresos para efectos de determinar tanto o importe como o mantemento do dereito das pensións non contributivas da Seguridade Social, do Fondo de Asistencia Social e do subsidio de garantía de ingresos mínimos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento deste decreto, dentro do ámbito das súas competencias.

Disposición derradeira segunda

Este decreto producirá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar