Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2012 Páx. 48138

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2012 pola que se procede á convocatoria pública da axuda, en réxime de concorrencia non competitiva, ás persoas inquilinas das vivendas arrendadas no marco do Programa Aluga, no exercicio 2013.

O Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do aluguer de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 103, do 2 de xuño, corrección de erros DOG nº 114, do 17 de xuño), establece o réxime xurídico do citado programa, no seu título IV recolle o marco das subvencións do programa, entre elas a axuda ás persoas inquilinas para o financiamento parcial da renda do aluguer das vivendas arrendadas no marco do citado programa, obxecto desta convocatoria.

Esta convocatoria suxéitase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, así como ao establecido no Decreto 84/2010, do 27 de maio, e tramitase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, cando normalmente, como é o caso, vai existir crédito axeitado e suficiente para o gasto que se vaia efectuar.

De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 36 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, e co artigo 4 do Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a competencia correspóndelle ao presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

No uso da referida autorización,

RESOLVO:

Primeiro. Bases reguladoras da axuda ás persoas inquilinas

As bases reguladoras da axuda ás persoas inquilinas prevista nesta convocatoria están reguladas no título IV, en particular, a súa regulación especifica no capítulo III (artigos 43 ao 46) do Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do aluguer no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 103, do 2 de xuño; corrección de erros DOG nº 114, do 17 de xuño).

Segundo. Obxecto

O obxecto desta resolución é proceder á convocatoria no exercicio 2013, en réxime de concorrencia non competitiva, da axuda ás persoas inquilinas para o financiamento parcial da renda prevista no Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Terceiro. Orzamento

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para os exercicios 2013 e 2014, onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as solicitudes de axuda ás persoas inquilinas para o financiamento parcial da renda, así como o importe máximo das subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2013 e a contía máxima que se poderá imputar ao exercicio orzamentario 2013 e ao de 2014, son as seguintes:

Aplicación orzamentaria

Importe máximo

2013-2014

Imputación

exercicio 2013

Imputación

exercicio 2014

07.83.451B.480.1

5.109.239,43 €

2.475.473,43 €

2.633.766,00 €

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. O importe máximo das subvencións obxecto desta convocatoria poderá incrementarse en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias na citada aplicación, sempre que concorra algún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De producirse un incremento do crédito destinado á concesión destas subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Beneficiarias

Serán beneficiarias da axuda ás persoas inquilinas as unidades familiares ou de convivencia que reúnan os requisitos e condicións sinalados no artigo 43.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Quinto. Contía da axuda

A contía desta axuda determinarase de acordo co establecido no artigo 44 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Sexto. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse en calquera rexistro do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e tamén se poderán presentar na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es) ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán dirixirse á xefatura da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) con indicación do Centro de Acompañamento e Asesoramento do Programa Aluga que corresponda, no modelo normalizado que figura como anexo I desta resolución, debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

a) Declaración responsable do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 43.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio (no modelo anexo I).

Para o caso de que variasen as circunstancias que constan no expediente da unidade familiar ou de convivencia do Programa Aluga, deberá entregarse a correspondente documentación, conforme o sinalado no artigo 28.2 e 3 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

b) Declaración responsable da composición da unidade familiar e autorizacións para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos e débedas, e para verificar os datos de identidade e residencia, debidamente asinadas por todos os membros da unidade familiar ou de convivencia (no modelo anexo I-A).

c) Declaración responsable das subvencións, axudas, recursos ou ingresos solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade polas administracións públicas competentes, entes públicos ou privados. Ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitou nin percibiu outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade (no modelo anexo I-B).

d) No caso de solicitude de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, ademais do anterior, deberán achegarse os xustificantes de pagamento dos últimos doce meses dos recibos de auga, electricidade e/ou gas.

3. Coa presentación da solicitude, mediante o anexo I-A desta resolución, salvo denegación expresa en contrario, as persoas interesadas autorizan o IGVS para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos presentados no procedemento administrativo, en particular, para:

a) Consultar os datos relativos a identidade e residencia nos sistemas de verificación de datos de identidade e residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009.

Para o caso de que non conste no expediente da unidade familiar ou de convivencia do Programa Aluga e de non autorizar a consulta telemática da Administración, deberá presentar copia compulsada do DNI ou NIE e certificado de empadroamento de todos os integrantes da unidade familiar ou de convivencia

b) Solicitar as certificacións que debe emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria correspondentes aos ingresos referidos ao último período impositivo con prazo de presentación vencido.

De non conceder esta autorización, deberá presentar declaración do IRPF de todos os membros da unidade familiar ou de convivencia, referida ao último período impositivo con prazo de presentación vencido.

Así mesmo, de non presentar declaración de IRPF, deberá achegar declaración responsable de todos os ingresos da unidade familiar ou de convivencia, debidamente xustificada documentalmente e referida ao último período impositivo con prazo de presentación vencido.

No caso de ingresos obtidos no estranxeiro, deberán presentar copia da declaración similar presentada no estranxeiro, autenticada pola agregadoría laboral correspondente ou pola delegación consular en España e, de ser o caso, o certificado de correspondencia a euros do importe declarado.

c) Solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e a Consellería de Facenda acreditativas de estar ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma.

Non obstante, o solicitante ou calquera dos membros da unidade familiar ou de convivencia poderán denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións indicadas.

4. Para o caso de que non se puideran obter de oficio os datos ou certificacións indicadas no número 3, requirirase ao interesado a súa presentación.

Sétimo. Prazo de presentación

As solicitudes de axuda ás persoas inquilinas deberán presentarse antes do día 10 do mes da data de efectos do contrato de arrendamento formalizado ao abeiro do Programa Aluga.

No caso de prórroga do contrato de arrendamento, a solicitude deberá presentarse antes do día 15 do segundo mes anterior ao do vencemento da vixencia do período inicial ou da correspondente prórroga do contrato de arrendamento.

Oitavo. Procedementos de concesión

De conformidade co establecido no artigo 47 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, fíxanse para o exercicio 2013 procedementos mensuais de concesión. Por cada procedemento de concesión ditarase a correspondente resolución, que conterá a contía das subvencións que se concedan na mensualidade, cos seguintes importes máximos:

Meses 2013

Importe exercicio 2013

Meses 2014

Importe exercicio 2014

Xaneiro - decembro

266.520,00 €

Xaneiro

10.782,00 €

Febreiro - decembro

297.892,00 €

Xaneiro - febreiro

47.639,00 €

Marzo - decembro

407.308,00 €

Xaneiro - marzo

93.097,00 €

Abril - decembro

283.156,00 €

Xaneiro - abril

94.386,00 €

Maio - decembro

325.446,00 €

Xaneiro - maio

166.707,00 €

Xuño - decembro

237.610,00 €

Xaneiro - xuño

170.710,00 €

Xullo - decembro

167.542,00 €

Xaneiro - xullo

168.750,00 €

Agosto - decembro

95.114,00 €

Xaneiro - agosto

135.199,00 €

Setembro - decembro

120.419,00 €

Xaneiro - setembro

242.825,00 €

Outubro - decembro

109.975,00 €

Xaneiro - outubro

331.177,00 €

Novembro - decembro

112.185,00 €

Xaneiro - novembro

578.015,00 €

Decembro

52.306,43 €

Xaneiro - decembro

594.479,00 €

Totais

2.475.473,43 €

2.633.766,00 €

Finalizado cada un dos períodos de concesión e de non esgotarse o crédito máximo, por resolución do director xeral do IGVS trasladarase a contía non aplicada ao período seguinte.

Noveno. Órganos competentes para a instrución e resolución

De conformidade co establecido no artigo 48.5 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, a tramitación, instrución e a formulación da proposta de resolución da axuda ás persoas inquilinas correspóndelles ás áreas provinciais do IGVS e a competencia para resolver correspóndelle ao director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Décimo. Prazo de resolución e notificación

1. A resolución das solicitudes da axuda ás persoas inquilinas resolverase no mesmo mes da súa presentación, agás nos supostos de solicitudes de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, que se poderán resolver no mes seguinte a súa presentación, segundo o establecido no artigo 45.8 do Decreto 84/2010. Transcorrido o prazo sinalado sen se ditar resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude.

2. As resolucións que se diten nestes procedementos serán notificadas aos interesados dentro do prazo de dez días a partir da data en que fosen ditadas, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo primeiro. Recursos

As resolucións que se diten nos procedementos de concesión de subvencións previstas nesta convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da dita xurisdición, nos prazos sinalados no artigo 48.6 do Decreto 84/2010.

Décimo segundo. Autorizacións

Ademais das autorizacións para a obtención de datos previstas no artigo 53 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, coa presentación da solicitude ao abeiro desta convocatoria:

a) A persoa interesada autoriza expresamente ao IGVS para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos previstos no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. Poderanse exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido destes rexistros, de conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 132/2006.

b) E comportará a autorización ao IGVS para que, de acordo co establecido no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web.

Décimo terceiro. Efectos

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file