Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Mércores, 26 de decembro de 2012 Páx. 47933

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da central de coxeración promovida por Fomento de Construcciones y Contratas, S.A. no concello de Lousame (A Coruña).

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 14 de maio de 2012 Fomento de Construcciones y Contratas, S.A. solicitou a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da central de coxeración de biogás que promove no concello de Lousame (A Coruña).

Segundo. O 13 de xuño de 2012, por resolución da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña someteuse a información pública a petición de autorización administrativa da citada instalación, e publicouse no BOP nº 126, do 4 de xullo de 2012 e no DOG nº 131, do 10 de xullo, coas seguintes características básicas:

Denominación: Central de microcoxeración para valorización do biogás no vertedoiro de refugallos da Barbanza.

Características técnicas:

Planta de coxeración de biogás procedente de vertedoiro, baseada en dúas microturbinas de gas. Ciclo Brayton rexenerativo. A planta está formada por:

Dúas microturbinas de gas cunha potencia eléctrica de 65 kW cada unha, tensión de 400 V e factor de potencia 1, que poden funcionar a velocidade variable comprendida entre 45.000 e 96.000 rpm. Un xerador de calor gases-auga, cunha potencia térmica de 210 kW, deseñado para producir 12 m3/h de auga quente cunha temperatura de entrada e saída de 80 ºC e 95 ºC, respectivamente, por recuperación de calor dos gases procedentes das 2 microturbinas e estando en funcionamento ao 100 % da carga. Unidade de tratamento de biogás (UTB), para o tratamento do biogás previamente á entrada da microturbina en que un compresor elevará a presión do gas ata os 5,5 bares. Cadro eléctrico de baixa tensión de interconexión da microturbina e a rede interna.

Esta dirección xeral non ten constancia de que se presentase ningunha alegación.

Terceiro. O 14 de xuño de 2012 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considerou que non procede someter o referido proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

Cuarto. O 10 de outubro de 2012 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable á solicitude presentada.

Quinto. O 26 de novembro de 2012 a mercantil promotora completou a documentación necesaria para o fin pretendido.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 28 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Segundo. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG do 17 de xuño), que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, modificado polo Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG do 5 de xaneiro).

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a central de coxeración de biogás procedente de vertedoiro promovida por Fomento de Construcciones y Contratas, S.A., situada na Poza, Servia, Vilacova, no concello de Lousame (A Coruña).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da devandita central, consonte o Proxecto de instalación de central de Microcoxeración para a valorización de biogás no vertedoiro de refugallos do complexo ambiental da Barbanza, asinado pola enxeñeira técnica industrial Gema Albo Villarreal, colexiada nº 2699 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse consonte as especificacións e os planos que figuran no proxecto que se aproba mediante esta resolución, e referido no punto segundo da parte dispositiva desta.

Segunda. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e debe comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Terceira. O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses contados a partir da data de notificación desta resolución.

Cuarta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización e aprobación do proxecto por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Quinta. Esta autorización e aprobación do proxecto de execución outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sexta. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, o titular e/ou explotador deberá solicitar a inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o cal acreditará o cumprimento das condicións previstas nos artigos 11 e 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e presentará a documentación que figure nas instrucións que dite esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas