Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 21 de decembro de 2012 Páx. 47514

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 20 de decembro de 2012 pola que se amplía a dotación orzamentaria das axudas para incorporación de mozos á actividade agraria establecidas na Orde do 8 de maio de 2012, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a modernización das explotacións agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

Mediante a Orde do 8 de maio de 2012 establecéronse as bases reguladoras das axudas para a modernización das explotacións agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e convocáronse para o ano 2012 (Diario Oficial de Galicia núm. 90, do 11 de maio).

No seu artigo 29, relativo ao financiamento destas axudas, detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para elas, e indícase que estas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma. Tendo en conta o elevado número e dimensión das solicitudes de axuda para incorporación de mozos á actividade agraria que se recibiron e a necesidade dun maior financiamento, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente no punto 2 do artigo, para as axudas previstas para primeira instalación de agricultores mozos, coa finalidade de poder amparar as solicitudes de axuda presentadas, sempre que cumpran co establecido na orde desta consellería citada anteriormente.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase e amplíase a dotación orzamentaria que se recolle no artigo 29, punto 2 da Orde desta consellería do 8 de maio de 2012 (Diario Oficial de Galicia núm. 90, do 11 de maio) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a modernización das explotacións agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012, quedando o texto tal e como segue:

«Artigo 29. Financiamento das axudas

2. 16.22.712B 772.0 (CP 2007 00400) para as axudas previstas na sección primeira número 2: Primeira instalación de agricultores mozos, na cal existe crédito adecuado para o ano 2012, cento trinta e nove mil cincuenta euros (139.050 euros); para o ano 2013, un millón trescentos noventa mil cincocentos euros (1.390.500 euros); para o ano 2014, oito millóns douscentos vinte mil catrocentos cincuenta euros (8.220.450 euros). En total, nove millóns setecentos cincuenta mil euros (9.750.000 euros)».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar