Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 10 de decembro de 2012 Páx. 46188

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANUNCIO do 12 de novembro de 2012 polo que se dá publicidade aos acordos de disolución do Consorcio contra Incendios e Salvamento da Comarca do Morrazo e a súa integración no Consorcio Provincial de Pontevedra.

O artigo 151.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia sinala que, para a disolución dun consorcio, se seguirán as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido nos artigos 143 e 144 da citada lei para a disolución das mancomunidades.

Así, o artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, sinala que, nos supostos de disolución dunha entidade local, a iniciativa corresponderá ao Pleno do Consorcio, de oficio ou por instancia dos concellos que o constitúen. Este acordo someterase a información pública polo prazo dun mes e a informe da deputación ou deputacións provinciais respectivas e da consellería competente en materia de réxime local. Rematado o prazo de exposición pública e recibidos os informes, someterase o acordo de disolución aos plenos dos entes consorciados, resolvéndose ademais as alegacións presentadas ao respecto. O dito acordo requirirá o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros de cada unha das corporacións das entidades que integran o Consorcio.

Aprobado o acordo de disolución pola maioría das entidades consorciadas, o presidente do Consorcio remitirá copia certificada dos acordos á consellería competente en materia de réxime local, para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e comunicarallos á Administración central do Estado para os efectos establecidos pola lexislación básica de réxime local.

Deste xeito, o pleno do Consorcio contra Incendios e Salvamento da Comarca do Morrazo, en sesión extraordinaria que tivo lugar o 13 de outubro de 2011, aprobou iniciar o procedemento de disolución do Consorcio. O citado acordo foi sometido a informe da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Deputación Provincial de Pontevedra e debe someterse á ratificación por parte da maioría das entidades consorciadas que, en virtude do artigo 1 do Decreto 210/2005, do 14 de xullo, polo que se aproba a constitución do Consorcio Contra Incedios e Salvamento da Comarca do Morrazo, e os seus estatutos, son a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e os concellos de Bueu, Cangas e Moaña.

O secretario do Consorcio remitiu á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza copia certificada dos acordos de disolución do consorcio para os efectos da súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Os devanditos acordos adoptáronse, conforme o recollido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O Pleno do Concello de Cangas aprobou o 10 de febreiro de 2012 a disolución do Consorcio contra Incendios e Salvamento da Comarca do Morrazo e a súa posterior integración no Consorcio Provincial.

O Pleno do Concello de Moaña aprobou o 26 de xaneiro de 2012 a disolución do Consorcio contra Incendios e Salvamento da Comarca do Morrazo para a súa posterior integración no Consorcio Provincial.

O Pleno do Concello de Bueu aprobou, na sesión ordinaria do pleno do día 1 de outubro de 2012, por maioría absoluta do número legal dos membros da corporación a disolución do Consorcio para o Servizo contra Incendios e Salvamento da Comarca do Morrazo para a súa posterior integración no Consorcio Provincial.

O Consello da Xunta de Galicia adoptou, na súa reunión do 18 de outubro de 2012, o acordo polo que se ratifica a disolución do Consorcio contra Incendios e Salvamento da Comarca do Morrazo, así como a súa posterior integración no Consorcio Provincial de Pontevedra, con efectos do 1 de xaneiro de 2012.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2012

José Norberto Uzal Tresandí
Director xeral de Administración local