Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 7 de decembro de 2012 Páx. 46005

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo de núcleo rural das Quintas, na parroquia de Salamonde, concello de San Amaro.

O Concello de San Amaro remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural das Quintas, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional 2ª da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), solicitando a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de San Amaro non dispón de instrumento de planeamento xeral municipal e réxese polas normas complementarias e subsidiarias provinciais aprobadas por Orde da COTOP do 3 de abril de 1991.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do punto 2 da disposición adicional segunda sinalada, e nel constan:

• O sometemento ao trámite de información pública, mediante a publicación de anuncios no DOG nº 142, do 26.7.2012, e nos xornais Faro de Vigo do 23.7.2012 e La Región do 23.7.2012.

• Certificación da Secretaría municipal do 31.8.2012 na cal se reflicte que nese período non se presentaron alegacións.

• Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo Pleno do concello na súa sesión do 25.9.2012.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar o expediente remitido polo Concello, e á vista da proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre sinalar:

1. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural das Quintas, segundo o nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo).

2. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación do solo de núcleo rural das Quintas resulta admisible, xa que cumpre os requisitos establecidos no artigo 13.3 da LOUG.

3. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola LOUG para o solo de núcleo rural; seralle igualmente aplicable, en todo aquilo que non vulnere nin vaia contra o dito réxime xurídico, o contido da ordenanza do «solo non urbanizable de núcleo rural» das vixentes normas provinciais complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG (modificada pola Lei 15/2004), e a Orde do 11 de maio de 2009 sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural correspóndelle á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

1. Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural das Quintas, na parroquia de Salamonde, concello de San Amaro (Ourense).

2. Contra a presente resolución non caberá interpoñer recurso en vía administrativa e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

3. Notifíquese esta resolución ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2012

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file