Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 7 de decembro de 2012 Páx. 45977

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 234/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 227/2012, do 2 de decembro, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, co fin de adaptala ás necesidades que o momento actual aconsella acometer, fundamentadas nos criterios de eficacia, economía e austeridade que inspiran a actuación e a organización administrativa.

En virtude dos criterios arriba indicados, procede agora establecer os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritos funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

a) Dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza os seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral da Presidencia:

1.1. Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

2. Secretaría Xeral de Medios.

2.1. Dirección Xeral de Comunicación.

3. Secretaría Xeral da Emigración.

4. Secretaría Xeral para o Deporte.

5. Secretaría Xeral para o Turismo.

b) Queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, de conformidade co disposto no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea esta e se aproban os seus estatutos.

Disposición adicional primeira

De acordo co Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se aproban os estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, a Axencia asumirá, desde a súa constitución, as competencias atribuídas á Secretaría Xeral para o Turismo e os servizos de Turismo das xefaturas territoriais, que quedarán suprimidos no momento da devandita constitución. A Axencia estará adscrita funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o regulado no referido decreto.

Disposición adicional segunda

O ente público Compañía de Radio-Televisión de Galicia continuará adscrito á Secretaría Xeral de Medios ata a súa disolución, de conformidade co disposto na Lei 9/2011, do 9 de novembro, de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

Disposición transitoria primeira

Mediante resolución da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza determinarase a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa no presente decreto aos órganos superiores ou directivos correspondentes ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria segunda

Os órganos dependentes das secretarías xerais e dos centros directivos que non fosen obxecto de supresión manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria terceira

As referencias contidas nas disposicións adicionais primeira e segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, resultan de aplicación aos órganos superiores e de dirección previstos neste decreto, mentres non se regule a nova estrutura orgánica deles.

Disposición transitoria cuarta

1. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto nas que se faga referencia á anterior estrutura orgánica seguirán utilizándose ata que se esgoten, sen prexuízo da correcta identificación nos actos administrativos da dependencia orgánica da autoridade de procedencia.

2. Con independencia do establecido no número anterior, cando se proceda á adquisición, reposición ou reedición de novo material, aplicaránselle as novas denominacións.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa, sen que en ningún caso se poida orixinar incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

A Consellería de Facenda realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza