Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 7 de decembro de 2012 Páx. 45975

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 233/2012, do 5 de decembro, polo que se determina a organización, funcións e competencias da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

O 3 de decembro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia o nomeamento de Alfonso Rueda Valenzuela como vicepresidente da Xunta de Galicia.

En consecuencia, procede agora establecer a organización e as funcións da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, así como delegar determinadas competencias por parte do titular da Presidencia, co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa e atendendo aos criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1. Asignación de funcións e delegación de competencias

Sen prexuízo das facultades de dirección política que corresponden ao presidente da Xunta de Galicia e das que son atribuídas ao Goberno de Galicia pola lexislación vixente, así como daqueloutras que se fixen nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, corresponden á Vicepresidencia da Xunta de Galicia as seguintes funcións e competencias:

a) Coordinar a planificación interdepartamental e a súa execución.

b) Asegurar e garantir as necesarias relacións coas administracións locais.

c) Coordinar o programa lexislativo da Xunta de Galicia e a elaboración de normas de carácter xeral e, en particular, a relación entre o poder executivo e o Parlamento de Galicia.

d) Exercer calquera outra función que nel delegue o presidente, de conformidade co previsto no artigo 33 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, con excepción das previstas nos artigos 24, 25 e 26.1 da dita norma.

Artigo 2. Consellería de apoio

A Vicepresidencia da Xunta de Galicia, para o desenvolvemento das súas funcións e competencias, contará co apoio e auxilio da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente