Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 3 de decembro de 2012 Páx. 45511

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Sanxenxo

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de ordenación do sistema xeral de espazos libres de uso e dominio público E-84-A, adscrito ao solo urbanizable número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo e ratificación do texto definitivo do convenio urbanístico para o desenvolvemento do citado ámbito tramitado por instancia da Xunta de Compensación do Plan parcial do SU-1 nos Cotos-Dorrón.

O Pleno da Corporación Municipal, en sesión realizada o 29 de outubro de 2012, adoptou, por unanimidade, o acordo de:

Primeiro. Prestar aprobación definitiva ao Plan especial de ordenación do sistema xeral de espazos libres de uso e dominio público E-84-A, adscrito ao solo urbanizable nº 1 do PXOM de Sanxenxo, integrado polo texto refundido redactado polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Roberto Aya Duarte, en abril de 2012, e presentado con data do 8 de maio de 2012.

Segundo. Ratificar o texto definitivo do convenio urbanístico remitido á Xunta de Compensación do SU-1, por medio de oficio asinado pola presidenta da Xerencia do 28 de febreiro de 2012 e aceptado pola Xunta de Compensación en acordo da Asemblea Xeral extraordinaria do 22 de marzo de 2012, consonte o disposto no artigo 237.4 da Lei 9/2002; o texto definitivo de convenio deberá asinarse dentro dos quince días seguintes ao da notificación da súa ratificación, cos efectos legais previstos en caso de que isto non se produza.

Terceiro. Publicar o acordo de aprobación definitiva do Plan especial de ordenación do sistema xeral de espazos libres de uso e dominio público E-84-A, adscrito ao solo urbanizable nº 1 do PXOM de Sanxenxo, no prazo dun mes desde a súa adopción no Diario Oficial de Galicia, e o documento que conteña a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, ao abeiro do disposto no artigo 92.2) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Cuarto. Comunicarlle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o acordo de aprobación definitiva do Plan especial e, ao mesmo tempo, darlle traslado de copia autenticada de dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente, con todos os planos e documentos que o integran, sobre o cal recaese o acordo de aprobación definitiva, debidamente dilixenciados polo secretario do concello.

Con data do 7 de novembro de 2012 remitíuselle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o acordo de aprobación definitiva e copia autenticada de dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente con todos os planos e documentos que a integran.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sen prexuízo de calquera outro recurso ou acción que coiden oportuno.

De conformidade co artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a través deste anuncio, notifícaselles o acordo que nel se contén a todos os propietarios que sexan descoñecidos, se ignore o lugar da notificación ou ben, intentada esta, non se puidese practicar.

Sanxenxo, 8 de novembro de 2012

Catalina González Bea
Alcaldesa