Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 3 de decembro de 2012 Páx. 45433

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se somete a información pública o proxecto de Orde pola que se desenvolve o medio de comprobación de valores de prezos medios no mercado aplicable a determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproban os prezos medios no mercado aplicables no exercicio 2013.

O artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, sinala os medios que a Administración tributaria pode utilizar para calcular o valor das rendas, produtos, bens e demais elementos determinantes da obriga tributaria, entre os cales cita, na súa letra c), o de prezos medios no mercado. En idéntico sentido se pronuncia o artigo 27.Un do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo. Esta mesma lei detalla no seu artigo 27.Tres cal debe de ser a forma e contido da norma que desenvolva este medio de valoración.

Por medio da Orde do 28 de xullo de 2011 da Consellería de Facenda desenvolveuse por primeira vez nesta comunidade autónoma o medio de comprobación de prezos medios no mercado para que poida ser utilizado na aplicación dos tributos xestionados por esta comunidade autónoma cuxa base impoñible sexa o valor real dos bens inmobles. Así, establécese un criterio de valoración obxectivo, común e homoxéneo en todo o territorio, e explícase con detalle o sistema de cálculo utilizado. Os prezos medios no mercado de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia aprobados pola Orde do 28 de xullo de 2011 foron modificados polas ordes do 28 de decembro de 2011 e do 20 de agosto de 2012.

O obxectivo desta nova orde é establecer os citados prezos medios no mercado para o exercicio 2013.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen será sometida a información pública.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter a información pública, por un prazo de 15 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o proxecto de Orde polo que se desenvolve o medio de comprobación de valores de prezos medios no mercado aplicable a determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproban os prezos medios no mercado aplicables no exercicio 2013.

O proxecto de orde poderase consultar na páxina web da Consellería de Facenda: http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/disposicions

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas ao director xeral de Tributos, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2012

Carlos Rodríguez Sánchez
Director xeral de Tributos