Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 28 de novembro de 2012 Páx. 44859

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se habilita un prazo adicional do trámite de información pública do proxecto de abandono definitivo de labores e o plan de restauración dunha parte da canteira Vilafría III, nº 1544.6, sita no concello do Porriño (Pontevedra) promovido pola entidade Graniblok, S.A.

Con data do 26 de setembro de 2012, publicouse no Diario Oficial de Galicia Resolución do 14 de agosto de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se someteu a información pública o proxecto de abandono definitivo de labores e o plan de restauración dunha parte da canteira Vilafría III nº 1544.6, sita no concello do Porriño (Pontevedra), promovido pola entidade Graniblok, S.A.

Na referida publicación indicouse que o plan de restauración se atopaba dispoñible ao público, para a súa consulta, na Sección de Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Pontevedra, nas oficinas da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e no portal da Consellería de Economía e Industria
(http://economiaeindustria.xunta.es/expediente-explotacions-mineiras).

A información estivo accesible ao público tanto na Sección de Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Pontevedra como nas oficinas da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, e non apareceu publicado no portal web referido durante o prazo sinalado.

Realizada a información pública prevista no artigo 6 do Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, e co obxecto de cumprir o previsto en materia de difusión da información ambiental por medio das tecnoloxías de información e das telecomunicacións, da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, de acordo co establecido no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, habilítase un prazo adicional de dez (10) días hábiles para a súa consulta. As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas ao director xeral de Industria, Enerxía e Minas, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2012

Ángel Bernado Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas