Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 27 de novembro de 2012 Páx. 44621

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2012, da Xerencia da Universidade da Coruña, pola que se convocan probas selectivas, pola quenda de promoción interna e pola quenda libre, para a provisión de prazas de técnico en prevención de riscos laborais vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Debido á necesaria provisión de dúas prazas vacantes de técnico en prevención de riscos laborais da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos, ao abeiro do disposto na disposición transitoria cuarta do III Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, tras a publicación da RPT de 2005, e na Resolución do 3 de marzo de 2006 pola que se publica a oferta pública de emprego do persoal de administración e servizos desta universidade para o ano 2006 (DOG do 19 de marzo), esta xerencia, no uso das atribucións conferidas no artigo 40 dos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), e da delegación de competencias operada por Resolución reitoral do 16 de xaneiro de 2012,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar probas selectivas para cubrir dúas prazas de técnico en prevención de riscos laborais (grupo II), das cales unha se convoca polo sistema de promoción interna e outra polo sistema de quenda libre, do xeito que a seguir se indica:

Área

Número de prazas

Quenda

Seguranza no traballo

1

Por quenda libre

Hixiene industrial

1

Por promoción interna

Segundo o artigo 18 do III Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, as vacantes non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse á provisión de quenda libre, e as persoas seleccionadas pola quenda de promoción interna, para os cales se habilitarán probas específicas, terán preferencia sobre a quenda libre para a elección de vacantes.

Os aspirantes só poderán participar nunha das dúas quendas de acceso e nas probas dunha área, que deberán seleccionar na solicitude.

Ao abeiro do disposto no artigo 22 do III Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, ao remataren as probas selectivas constituiranse dúas listaxes de espera, unha por cada

área, para cubrir con carácter temporal os postos de traballo que poidan xurdir ata o próximo proceso selectivo. Para estes efectos as persoas aspirantes deberán presentar a solicitude debidamente cuberta, indicando todos os datos que se requiren no impreso que figura como anexo III e especificando as súas opcións de preferencia en canto á localidade e/ou ao tipo de contrato.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. As persoas que desexaren tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo no impreso segundo o modelo que figura como anexo III desta convocatoria e deberán presentarse acompañadas de:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade; os/as aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren ás expensas ou estaren a cargo do/a nacional doutro Estado con que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separado/a de dereito do/a seu/súa cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o/a aspirante vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

b) Os/as aspirantes estranxeiros/as que estean exentos/as da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán establecida na base 8 desta convocatoria xuntarán, para tal efecto, a fotocopia compulsada dos diplomas básico ou superior de español como lingua estranxeira ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros/as expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegaren esta certificación, non poderán ser declarados/as exentos/as, polo que deberán realizar a proba a que se refiren estas bases.

c) Certificación acreditativa dos servizos prestados noutras administracións públicas españolas referido á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Esta certificación será expedida polas respectivas xerencias. Se os servizos foron ou son prestados na UDC, deberá indicarse na parte correspondente da solicitude e, deste xeito, a certificación expedirase de oficio e engadirase á solicitude do/a aspirante.

d) Fotocopia da titulación académica requirida.

e) As persoas aspirantes pola quenda libre deberán xustificar o pagamento co documento bancario acreditativo de que se pagaron os dereitos de exame, que ascenden a 35,08 euros, que se ingresarán no Banco Santander Central Hispano na conta: 0049 5030 15 2516011262.

Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 %. Tamén estarán exentas do pagamento as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia orixinal ou compulsada da cualificación da discapacidade ou do carné de familia numerosa, segundo corresponda.

Tamén estarán exentas as persoas que figuren como demandantes de emprego durante o prazo, polo menos, dun mes anterior á data de publicación desta convocatoria. Para o goce da exención será requisito que non rexeitasen, no prazo de que se trate, oferta de emprego adecuado nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional e que, así mesmo, carezan de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional. O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados, solicitarase na oficina dos servizos públicos de emprego. A acreditación das rendas realizarase mediante unha declaración xurada ou promesa escrita da persoa solicitante. Ambos os dous documentos deberán xuntarse á solicitude.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non presenten o documento referido no punto 1.1.a), ou non aboen os dereitos de exame e non presenten o xustificante de bonificación ou exención dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes. Non se concederá ningún prazo adicional para o aboamento dos dereitos de exame.

Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas.

As solicitudes dirixiranse ao xerente da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para os efectos de cómputo de prazos considerarase inhábil o mes de agosto.

A presentación das solicitudes farase no Rexistro Xeral da Universidade da Coruña (Edificio da Reitoría, rúa da Maestranza, nº 9, 15001 A Coruña), nos rexistros auxiliares (Casa do Lagar, campus de Elviña, A Coruña e Edificio de Usos Administrativos no campus de Esteiro, Ferrol), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes que se subscribiren no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. As persoas aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberanos acreditar mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou das copias compulsadas. Os servizos prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante unha certificación expedida pola Xerencia da Universidade, referida á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.3. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fagan constar na súas solicitudes e poden unicamente demandar a súa modificación mediante un escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1 para a presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido este prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e apreciada polo tribunal.

1.4. As persoas aspirantes que padezan algunha discapacidade poderano indicar na solicitude e pedir, de ser o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

2. Requisitos das persoas candidatas.

2.1. Para seren admitidas á realización destas probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir e manter os seguintes requisitos:

a) Ser español/a ou nacional dun estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados a que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participar o/a cónxuxe, descendentes e descendentes do/a cónxuxe, dos/as españois/españolas e dos/as nacionais doutros estados membros da Unión Europea, se non estiveren separados/as de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores desta idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter feito dezaseis anos de idade e non exceder os sesenta e cinco.

c) Estar en posesión do título de diplomado/a universitario/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a ou equivalente, ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes y, ademais, estar en posesión do título de técnico superior de prevención de riscos laborais na especialidade de Seguranza do Traballo ou na especialidade de Hixiene Industrial, respectivamente para cada área.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado/a para o desempeño de funcións públicas por sentenza firme. As persoas aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estaren sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Todos os requisitos deberán posuírse no momento de rematar o prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador que foi asignado para as xulgar establecerá, para as persoas con discapacidade que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se presentaren dúbidas ao tribunal con respecto á capacidade das persoas aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades que habitualmente desenvolven os/as traballadores/as da categoría de técnico en prevención de riscos laborais, poderá solicitar o correspondente ditame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Relacións de persoas admitidas e excluídas.

4.1. Unha vez que finalice o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais o xerente da Universidade ditará a resolución e declarará aprobadas as relacións provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicarán no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade, na Vicerreitoría do campus de Ferrol e na páxina web da Universidade con mención expresa do nome, apelidos e, se for o caso, as causas de exclusión.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días, que conta a partir da publicación da referida resolución, para corrixiren o defecto que motivase a exclusión. Unha vez transcorrido o devandito prazo, o xerente ditará a resolución en que se declarará aprobada a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, que será publicada no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade, na Vicerreitoría do campus de Ferrol e na páxina web da Universidade.

4.2. O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulga que se recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que se acreditar no seu momento, de acordo co que está previsto na base 11 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración dos méritos, os exercicios e as puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. A composición do tribunal cualificador desta proba será publicada no taboleiro de anuncios da Reitoría cunha anticipación de, polo menos, un mes a respecto da data de inicio dos exercicios.

6.2. Os/as membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificaranllo ao reitor da Universidade cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a poderá solicitar dos/as membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos/as nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os/as membros dos tribunais cando concorreren as circunstancias citadas.

6.3. Logo da convocatoria do/da presidente/a, constituirase o tribunal coa asistencia do/da presidente/a e do/da secretario/a ou, de ser o caso, daqueles/as que os/as substitúan e, como mínimo, da metade dos seus membros. Nesta sesión o tribunal acordará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

6.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos/as membros do tribunal especificados no punto anterior.

6.5. O tribunal resolverá todas as dúbidas que puideren xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na Lei 30/1992.

6.6. O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que considere pertinentes, e estes limitaranse a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores/as será feita polo xerente da Universidade da Coruña, por proposta do tribunal, e seralles de aplicación o previsto na base 6.2.

6.7. Os/as membros do tribunal cualificador deberán posuír titulación igual ou superior á exixida para seren admitidos/as ás probas.

6.8. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con algunha discapacidade gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás do resto das persoas aspirantes. Para as persoas con discapacidade que o soliciten na forma prevista na base 1.4 estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

6.9. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos perante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores/as que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

6.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da Universidade da Coruña.

6.11. En ningún caso o número de prazas adxudicadas polo tribunal poderá ser superior ás convocadas. Calquera proposta de aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6.12. O tribunal terá a categoría segunda das recollidas no Decreto 144/2008, do 26 de xuño, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución reitoral que aprobe as relacións definitivas de aspirantes admitidos/as e excluídos/as. Os exercicios das distintas áreas realizaranse simultaneamente.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos/das opositores/as iniciarase alfabeticamente por aqueles/as cuxo primeiro apelido empece pola letra Z, de conformidade coa resolución da Consellería de Facenda do 7 de febreiro de 2012, pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

7.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

7.5. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídas da oposición aquelas que non comparezan, agás non casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

7.6. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se realizase o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilitar a súa máxima divulgación, con 48 horas de anticipación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

7.7. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do/da interesado/a, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da Universidade da Coruña e comunicarlle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase da oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba en que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e de expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do idioma español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto/a ou non apto/a; é necesario obter a valoración de apto/a para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizaren esta proba os/as aspirantes que acrediten mediante unha fotocopia compulsada estaren en posesión do diploma español como lingua estranxeira (nivel B2 o nivel C2) e as persoas estranxeiras nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español. De non achegaren esta documentación, non poderán ser declarados/as exentos/as e deberán, en consecuencia, realizar a proba descrita.

9. Relación de persoas aprobadas.

9.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador publicará na Reitoría da Coruña, na Vicerreitoría do campus de Ferrol, e na páxina web da Universidade da Coruña, así como naqueloutros lugares que considere oportuno, a puntuación que obtiveron as persoas aspirantes, así como, se for o caso, a de cada unha das probas que o compoñen.

Os/as aspirantes disporán de 5 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación das puntuacións provisionais de cada exercicio, para presentaren reclamacións. Disporán de idéntico prazo para reclamaren contra as puntuacións da fase de concurso, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Posteriormente, o tribunal publicará, neses mesmos lugares, a relación definitiva de persoas aprobadas para cada un dos sistemas de acceso, que en ningún caso poderá conter un número de persoas candidatas superior ao das prazas convocadas, en que constará o nome e a puntuación das persoas aspirantes que, ao acadaren a puntuación mínima exixida para superar os exercicios da fase de oposición, obtiveron a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. As persoas opositoras que non estiveren incluídas nas respectivas relacións, terán a consideración de non apto/a para todos os efectos, único punto acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.2. O tribunal publicará a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.3. A cualificación final do proceso selectivo será a suma das puntuacións que se obteñan na fase de oposición e na fase de concurso. Os puntos que se obteñan nesta última en ningún caso poderán sumarse para os efectos de superar a fase de oposición. No caso de empate, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida nos exercicios e pola seguinte orde: terceiro exercicio do proceso selectivo e, se persistir, atenderase á maior puntuación no segundo exercicio, e, se persistir atenderase á maior puntuación na fase de concurso. No caso de que continúe persistindo o empate, dirimirase por sorteo público en presenza dos/as opositores/as empatados/as.

9.4. O tribunal remitirá ao xerente a relación definitiva das persoas aspirantes aprobadas pola orde desta puntuación final, con proposta de que se lles formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Listaxes de espera.

Constituirase unha listaxe de espera por área, ao abeiro do disposto no anexo V do III Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade da Coruña, coas persoas aspirantes que non acadasen a puntuación final suficiente para a obtención da praza. Nas listaxes incluiranse as persoas que superasen todos os exercicios da oposición. Caso de existir fase de concurso, sumarase a puntuación obtida nesa fase.

11. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

11.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel en que se publicase a relación definitiva de persoas aprobadas nas probas selectivas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal de Administración e Servizos da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, 9) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título exixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas. As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estaren sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servizo.

d) Os aspirantes con discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán acreditar tal condición, se obtiveren praza, mediante unha certificación dos órganos competentes.

11.2. Unha vez que as persoas aspirantes superen as probas selectivas e realicen debidamente os trámites de presentación de documentos, serán contratadas como técnico en prevención de riscos laborais.

11.3. O período de proba será de tres meses; neste prazo o/a traballador/a terá os dereitos e as obrigas que lle correspondan en relación co posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por solicitude de calquera das partes durante o seu transcurso.

Segundo. De acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), os datos indicados na solicitude pasarán a formar parte do ficheiro de persoal, que ten por finalidade a xestión do persoal da Universidade da Coruña. O ficheiro está baixo a responsabilidade da Xerencia. Coa súa participación neste proceso selectivo as persoas interesadas autorizan a Universidade de A Coruña para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza deste procedemento de concorrencia competitiva. Así mesmo, poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, en cumprimento do que establece a LOPD, ante a Secretaría Xeral da Universidade de A Coruña.

Terceiro. As presentes probas selectivas axustaranse ao disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), aos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto da Xunta de Galicia 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, modificada pola Lei 55/1999, do 29 de decembro, ao establecido no III Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade da Coruña (BOP do 1 de setembro de 2009) e ás bases desta convocatoria.

Cuarto. A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos derivaren delas poderán ser impugnados perante a xurisdición contencioso-administrativa nos casos e na forma que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, as persoas interesadas poderán interpor o recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas perante o reitor da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e que concordan coa mencionada lei.

A Coruña, 5 de novembro de 2012

Juan Manuel Díaz Villoslada
Xerente da Universidade da Coruña

ANEXO I
Procedemento de selección

Ao abeiro do disposto na disposición transitoria cuarta do III Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, de xeito excepcional e ao tratarse este do primeiro proceso selectivo para técnico en prevención de riscos laborais tras a publicación da RPT de 2005, valorarase como segue:

Fase de oposición: 60 puntos.

Primeiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio para aqueles/as candidatos/as que non acrediten posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o Celga 3, curso de iniciación de galego ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG nº 146, do 30 de xullo).

Consistirá en realizar por escrito unha proba sobre o uso do idioma galego que determinará o tribunal. Cualificarase de apto/a ou non apto/a e corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar o resultado de apto/a.

O tempo máximo para a realización desta proba será de sesenta minutos.

Segundo exercicio: de carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá en contestar un cuestionario de 75 preguntas, 20 preguntas do bloque I e 55 preguntas do bloque II do temario da área seleccionada, máis tres de reserva que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta, con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. A duración do exercicio será de cento quince minutos e a súa valoración será de 0 a 20 puntos e será necesario obter 8 puntos para o superar.

Ao abeiro do que dispón o artigo 18 do vixente Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, as persoas aspirantes de promoción interna están exentas de se examinar dos temas correspondentes ao bloque I. O exercicio consistirá en contestar un cuestionario de 55 preguntas do bloque II do temario da área seleccionada (máis tres de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. A duración do exercicio será de noventa e cinco minutos e a súa valoración será de 0 a 20 puntos e será necesario obter 8 puntos para o superar.

Terceiro exercicio: de carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá na resolución de dous supostos prácticos, que se elixirán de entre catro propostos polo tribunal relacionado co temario da especialidade. A cualificación do exercicio será de 0 a 40 puntos e é necesario obter 16 puntos para o superar. O temario para este exercicio é o que consta no bloque II do anexo II para cada unha das especialidades. A duración deste exercicio será de 210 minutos.

Fase de concurso: 40 puntos.

A antigüidade, ata un máximo de 30 puntos, valorarase a razón de 0,625 puntos por mes na categoría e grupo de técnico en prevención de riscos laborais na especialidade correspondente e 0,15 puntos por mes na categoría e grupo de técnico en prevención de riscos laborais na especialidade correspondente noutras administracións.

Os 10 puntos restantes acadaranse pola valoración da formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais e organismos de recoñecido prestixio.

A valoración da formación farase atendendo aos seguintes criterios:

A) Lingua galega, no caso de posuír máis dun curso de lingua galega, só puntuará o máis alto.

Celga 3: 1 punto.

Celga 4: 2 puntos.

Linguaxe administrativa: 2,5 puntos.

Linguaxe administrativa, nivel superior: 3 puntos.

Celga 5: 3 puntos.

B) Formación relacionada coa categoría de pertenza da praza.

Cursos de asistencia:

Menos de 10 horas, ou que non indiquen a súa duración: 0,25 puntos/curso.

De 10 a 19 horas: 0,50 puntos/curso.

De 20 a 29 horas: 1 punto/curso.

De 30 a 39 horas: 1,5 puntos/curso.

De 40 a 49 horas: 2 puntos/curso.

De 50 horas ou máis: 2,5 puntos/curso.

Os cursos impartidos ou de aproveitamento puntuarán o dobre.

C) As vacantes non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse ás da quenda libre. As persoas seleccionadas pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre a quenda libre para a elección de vacantes.

ANEXO II
Temario: técnico prevención de riscos laborais

Bloque I: temario xeral.

1. A Constitución española: dos dereitos e deberes fundamentais. Da organización territorial do Estado.

2. O Estatuto de autonomía de Galicia: do Poder Galego. Do réxime xurídico. Da Administración pública galega.

3. A Lei orgánica 6/2001, de universidades: da natureza, creación, recoñecemento e réxime xurídico da universidades.

4. Os estatutos da Universidade da Coruña.

5. O III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade da Coruña.

6. A Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas. Responsabilidades e sancións.

Bloque II: temario específico. Seguranza no traballo.

  1. Conceptos básicos relativos á seguranza e saúde no traballo: danos derivados do traballo. Concepto de risco laboral. Protección e prevención. Prevención primaria, secundaria e terciaria. Condicións de traballo en relación coa saúde.
  2. A xestión de riscos laborais na empresa: concepto. O sistema de xestión para a prevención. A responsabilidade da dirección. A documentación. Conceptos relativos á auditoría. A auditoría de prevención. A obrigación empresarial de someter o seu sistema de prevención a unha auditoría externa. Requisitos e autorización pola autoridade laboral das persoas ou entidades especializadas para a realización de auditorías.
  3. O dereito dos traballadores/as á protección fronte aos riscos laborais. O deber empresarial de protección. Situacións de risco grave e inminente. Obrigacións dos traballadores/as.
  4. Formación e información en prevención de riscos laborais. Dereitos e obrigacións. A planificación da formación na empresa. Técnicas de información, formación e comunicación en prevención de riscos laborais. A xestión da formación en materia de prevención de riscos laborais na Universidade da Coruña.
  5. Consulta e participación dos traballadores: o deber de consulta do empresario. Os dereitos de participación e representación específica dos traballadores. Os delegados de prevención, a súa designación, garantías, competencias e facultades. O Comité de Seguranza e Saúde da Universidade da Coruña.
  6. Real decreto 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención. Organización dos recursos para as actividades preventivas. Modalidades. Os servizos de prevención. Conceptos xerais. Requisitos. Funcións. A organización dos recursos para as actividades preventivas na Universidade da Coruña.
  7. Xestión da prevención. Principios da acción preventiva. Modelos de xestión. Análise de riscos e técnicas de análises. Planificación e aplicación das medidas correctoras e/ou preventivas. Plans e xestión da prevención de riscos laborais na Universidade da Coruña.
  8. Disciplinas preventivas. Seguranza no traballo: concepto e funcións. Hixiene industrial: concepto e funcións. Ergonomía e psicosocioloxía aplicada: concepto e funcións. Medicina do traballo: concepto e funcións.
  9. A seguranza industrial. Concepto e contido desta especialidade preventiva: as técnicas e os procedementos que teñen por obxecto combater os accidentes no traballo.
  10. Lugares de traballo. Real decreto 486/1997. Disposicións mínimas de seguranza e saúde nos lugares de traballo e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo. Condicións xerais de seguranza nos lugares de traballo, seguranza estrutural espazos de traballo, vías de circulación, vías, saídas, ramplas, escaleiras fixas e de servizo. Orde, limpeza e mantemento nos lugares de traballo.
  11. Condicións ambientais e de iluminación nos lugares de traballo. Servizos hixiénicos, lugares de descanso e locais de primeiros auxilios. A avaliación dos riscos nos lugares de traballo da Universidade da Coruña.
  12. O ruído: conceptos. Efectos do ruído. Tipos de ruído laboral. Valoración da exposición laboral ao ruído; medición do ruído; equipamentos de medición. Control do ruído. Avaliación e prevención dos riscos relacionados coa exposición ao ruído.
  13. Normas e sinalización de seguranza: conceptos e requisitos da sinalización de seguranza. O Real decreto 485/1997, do 14 de abril, sobre sinalización de seguranza e saúde no traballo e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo.
  14. Equipamentos de traballo. Utilización de equipamentos de traballo. Real decreto 1215/1997, do 18 de xullo, sobre utilización polos traballadores dos equipamentos de traballo. Análise e avaliación de riscos. Procedementos de adecuación e posta en conformidade de equipos de traballo. Guía técnica para a avaliación e prevención dos riscos relativos á utilización dos equipamentos de traballo.
  15. As máquinas. Condicións xerais de seguridade no deseño de máquinas: medios de protección dos puntos de operación. Tipos de resgardas e de dispositivos de seguranza. Riscos e medidas de actuación. Marcación CE. Declaración CE de conformidade. Exame CE de tipo.
  16. Riscos eléctricos: concepto, características. Efectos do paso da corrente eléctrica polo corpo humano. Factores que inflúen nos efectos fisiolóxicos sobre o organismo. Risco eléctrico por contacto directo e risco eléctrico por contacto indirecto e as súas medidas de protección e de actuación.
  17. O Real decreto 614/2001, do 8 de xuño, sobre a protección de traballadores fronte ao risco eléctrico e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no traballo. Traballos sen tensión, en tensión e en proximidade. Traballos en alta tensión. Manobras, medicións, ensaios e verificacións.
  18. Aparellos de presión: Real decreto 2060/2008, do 12 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de equipamentos de presión e as súas instrucións técnicas complementarias. Aparellos a que se refire o regulamento, inspeccións e probas, autorización de instalación e posta en servizo dos aparellos de presión.
  19. Risco de incendio: química do lume. Cadea do incendio. Prevención de incendios. Comportamento ante o lume dos materiais de construción e elementos construtivos, reacción ao lume e resistencia ao lume. Protección estrutural de edificios e locais. Clasificación dos lumes en función da natureza do combustible.
  20. Sistemas de detección e de alarma. Medios de loita contra incendios; extintores de incendios, bocas de incendio equipadas, hidrantes, columnas secas e aspersores automáticos. Iluminación de sinalización e emerxencia. O Real decreto 1942/1993, do 5 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios.
  21. Explosións. Conceptos de explosión e de atmosfera explosiva. Pos inflamables e combustibles. Límites e valores de referencia. Localizacións perigosas. Medidas de protección fronte a atmosferas explosivas. Protección en atmosferas explosivas. Avaliación e prevención dos riscos derivados das atmosferas explosivas nos lugares de traballo.
  22. Equipamentos de protección individual: concepto. Tipos de equipamentos de protección individual. Real decreto 773/1997, do 30 de maio, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á utilización polos traballadores de equipamentos de protección individual e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo.
  23. Plan de autoprotección. Definición. Obxectivos dun plan de autoprotección. Estrutura e contido dun plan de autoprotección. Os plans de autoprotección nos edificios da Universidade da Coruña.
  24. Coordinación de actividades empresariais. Obrigacións e responsabilidades legais. Cooperación. Vixilancia. Información e instrucións. Medios de coordinación. Coordinación de actividades empresariais e a súa xestión na Universidade da Coruña.
  25. Ergonomía e psicosocioloxía aplicada: definición, conceptos y obxectivos. Concepto de condicións ambientais de traballo, carga física de traballo e carga mental no traballo. A avaliación psicosocial na Universidade da Coruña.
  26. Disposicións mínimas de seguranza e saúde relativas ao traballo con equipamentos que inclúen pantallas de visualización de datos (PVD). Real decreto 488/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas ao traballo con equipamentos que inclúen pantallas de visualización e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo.
  27. Manipulación manual de carga. Real decreto 487/1997, do 14 de abril. Disposicións mínimas de seguranza e saúde na manipulación manual de carga e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo.
  28. A medicina do traballo: definición, concepto, características e normas. Criterios básicos para a actividade sanitaria dos servizos de prevención. A vixilancia da saúde dos traballadores: definición, concepto e a súa organización na Universidade da Coruña.
  29. Os accidentes de traballo: definición e concepto. Notificación de accidentes de traballo. Accidentes que se deben investigar. A investigación de accidentes de traballo: obxectivos e metodoloxía da investigación dos accidentes de traballo na Universidade da Coruña.
  30. Protección de traballadores especialmente sensibles a determinados riscos. Riscos laborais específicos para a muller traballadora no período de embarazo, posparto e lactación. Medidas preventivas fronte aos riscos específicos. A xestión da protección de traballadores especialmente sensibles a determinados riscos na Universidade da Coruña.

Bloque II: temario específico. Hixiene industrial.

1. Conceptos básicos relativos á seguranza e saúde no traballo: danos derivados do traballo. Concepto de risco laboral. Protección e prevención. Condicións de traballo en relación coa saúde. Prevención primaria, secundaria e terciaria.

2. Xestión da prevención. Principios da acción preventiva. Modelos de xestión. Análise de riscos e técnicas de análises. Planificación e aplicación das medidas correctoras e/ou preventivas. Plans e xestión da prevención de riscos laborais na Universidade da Coruña.

3. O deber empresarial de protección. Situacións de risco grave e inminente. O dereito dos traballadores/as á protección fronte aos riscos laborais. Obrigacións dos/as traballadores/as.

4. Formación e información en prevención de riscos laborais. A planificación da formación na empresa. Técnicas de información, formación e comunicación en prevención de riscos laborais. A xestión da formación en materia de prevención de riscos laborais na Universidade da Coruña.

5. Consulta e participación dos traballadores: o deber de consulta do empresario. Os dereitos de participación e representación específica dos traballadores. Os delegados de prevención, a súa designación, garantías, competencias e facultades. O Comité de Seguranza e Saúde da Universidade da Coruña.

6. A xestión de riscos laborais na empresa: concepto. O sistema de xestión para a prevención. A responsabilidade da dirección. A documentación. Conceptos relativos á auditoría. A auditoría de prevención. A obrigación empresarial de someter o seu sistema de prevención a unha auditoría externa. Requisitos e autorización pola autoridade laboral das persoas ou entidades especializadas para a realización de auditorías.

7. Real decreto 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención. Organización dos recursos para as actividades preventivas. Modalidades. Os servizos de prevención. Conceptos xerais. Requisitos. Funcións. A organización dos recursos para as actividades preventivas na Universidade da Coruña.

8. Lugares de traballo. Real decreto 486/1997. Disposicións mínimas de seguranza e saúde nos lugares de traballo e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo. Condicións xerais de seguranza nos lugares de traballo, seguranza estrutural espazos de traballo, vías de circulación, vías, saídas, ramplas, escaleiras fixas e de servizo. Orde, limpeza e mantemento nos lugares de traballo.

9. Condicións ambientais e de iluminación nos lugares de traballo. Servizos hixiénicos, lugares de descanso e locais de primeiros auxilios. A avaliación dos riscos nos lugares de traballo da Universidade da Coruña.

10. Disciplinas preventivas. Seguranza no traballo: concepto e funcións. Hixiene industrial: concepto e funcións. Ergonomía e psicosocioloxía aplicada: concepto e funcións. Medicina do traballo: concepto e funcións.

11. Hixiene industrial: concepto e obxectivos. Concepto de exposición, doses e valores límite. Riscos hixiénicos. Clasificación. Criterios de valoración.

12. Axentes químicos: toxicoloxía laboral. Clasificación, efectos sobre a saúde e vías de entrada ao organismo dos contaminantes químicos. Clasificación, envasamento e etiquetaxe e substancias e preparados perigosos. A ficha de datos de seguranza.

13. O Real decreto 374/2001, do 6 de abril, sobre protección da saúde e seguranza dos traballadores contra os riscos relacionados cos axentes químicos durante o traballo e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo. Avaliación da exposición a axentes químicos. Criterios de valoración. Medición da exposición a contaminantes químicos: procedementos, estratexias, equipamentos e técnicas. Medidas de control da exposición fronte a contaminantes químicos.

14. Explosións. Conceptos de explosión e de atmosfera explosiva. Pos inflamables e combustibles. Límites e valores de referencia. Localizacións perigosas. Avaliación e prevención dos riscos derivados das atmosferas explosivas nos lugares de traballo. Medidas de protección fronte a atmosferas explosivas. Protección en atmosferas explosivas.

15. Axentes canceríxenos: clasificación e mecanismos de actuación. Avaliación da exposición a canceríxenos. O Real decreto 665/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos durante o traballo e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo.

16. Axentes biolóxicos: características dos axentes biolóxicos e clasificación. Principais efectos para a saúde. Avaliación, prevención e control das exposicións. Real decreto 664/1997, do 12 de maio, sobre protección de traballadores fronte a riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo.

17. Ambiente térmico: efectos da calor e o frío sobre o organismo. Métodos de valoración. Control das exposicións. Principais medidas preventivas.

18. Ruído: conceptos. Efectos do ruído. Tipos de ruído laboral. Avaliación e prevención dos riscos relacionados coa exposición ao ruído. Valoración da exposición laboral ao ruído; medición do ruído; equipamentos de medición. Control do ruído.

19. Radiacións ionizantes: tipos de radiacións ionizantes. Magnitudes e unidades: dose absorbida e equivalente, vida media. Interacción das radiacións ionizantes coa materia: irradiación e contaminación. Efectos das radiacións ionizantes. Métodos de detección e medición das radiacións ionizantes. Protección radiolóxica: medidas básicas de protección radiolóxica. Real decreto 783/2001, do 6 de xullo, polo que se aproba o regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes.

20 Radiacións non ionizantes: conceptos básicos. Natureza das radiacións non ionizantes. O espectro electromagnético. Magnitudes e unidades das radiacións non ionizantes: enerxía, fluxo e intensidade radiante, irradiancia, emitancia, radiancia, intensidade de campo electromagnético. Efectos sobre a saúde das radiacións non ionizantes. Radiacións ópticas: radiación ultravioleta. Radiación visible e infravermella. Radiación láser. Efectos. Avaliación da exposición. Control da exposición.

21. Equipamentos de protección individual: concepto. Tipos de equipamentos de protección individual. Real decreto 773/1997, do 30 de maio, sobre disposicións mínimas de seguranza e saúde relativas á utilización polos traballadores de equipamentos de protección individual e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo.

22. Normas e sinalización de seguranza: conceptos e requisitos da sinalización de seguranza. O Real decreto 485/1997, do 14 de abril, sobre sinalización de seguranza e saúde no traballo, e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo.

23. Ergonomía e psicosocioloxía aplicada: definición, conceptos e obxectivos. Concepto de condiciones ambientais de traballo, carga física de traballo e carga mental no traballo. A avaliación psicosocial na Universidade da Coruña.

24. Disposicións mínimas de seguranza e saúde relativas ao traballo con equipamentos que inclúen pantallas de visualización de datos (PVD). Real decreto 488/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas de seguranza e saúde relativas ao traballo con equipamentos que inclúen pantallas de visualización e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo.

25. Manipulación manual de carga. Real decreto 487/1997, do 14 de abril. Disposicións mínimas de seguranza e saúde na manipulación manual de carga e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo.

26. A medicina do traballo: definición, concepto, características e normas. Criterios básicos para a actividade sanitaria dos servizos de prevención. A vixilancia da saúde dos traballadores: definición, concepto e a súa organización na Universidade da Coruña.

27. Protección de traballadores especialmente sensibles a determinados riscos. Riscos laborais específicos para a muller traballadora no período de embarazo, posparto e lactación. Medidas preventivas fronte aos riscos específicos. A xestión da protección de traballadores especialmente sensibles a determinados riscos na Universidade da Coruña.

28. Os accidentes de traballo: definición e concepto. Notificación de accidentes de traballo. Accidentes que se deben investigar. A investigación de accidentes de traballo: obxectivos e metodoloxía da investigación dos accidentes de traballo na Universidade da Coruña.

29. Plan de autoprotección. Definición. Obxectivos dun plan de autoprotección. Estrutura e contido dun plan de autoprotección. Os plans de autoprotección nos edificios da Universidade da Coruña.

30. Coordinación de actividades empresariais. Obrigacións e responsabilidades legais. Cooperación. Vixilancia. Información e instrucións. Medios de coordinación. Coordinación de actividades empresariais e a súa xestión na Universidade da Coruña.

missing image file