Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 26 de novembro de 2012 Páx. 44430

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 15 de novembro de 2012 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 25 de xaneiro de 2012 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2012.

A Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 25 de xaneiro de 2012 (DOG nº 21, do 31 de xaneiro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2012, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e á gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2012.

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e, no seu parágrafo 3, sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas especificadas no título III, capítulo II, da orde, relativas ás axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras, indemnización compensatoria, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, foi autorizado o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título III, capítulo II, da Orde do 25 de xaneiro de 2012 (DOG nº 21, do 31 de xaneiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, letra b) da dita orde, increméntase no importe de 2.500.000 euros, e con cargo á aplicación 13.80.712B.772.1, indemnizacións compensatorias, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2012.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 25 de xaneiro de 2012 (DOG nº 21, do 31 de xaneiro).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar