Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 26 de novembro de 2012 Páx. 44428

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro, o depósito e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da comisión negociadora do convenio colectivo galego de editoriais.

Visto o acordo subscrito pola comisión negociadora do convenio colectivo galego de editoriais o 10 de outubro de 2012, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2012

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Relacións Laborais

Acta da comisión negociadora do convenio colectivo galego de editoriais

En Vigo, na sede de Editorial Galaxia, ás 17.00 horas do día 10 de outubro de 2012, coa asistencia de Pilar Sampil Sánchez, Manuel Gándara Armada e Carlos del Pulgar Sabin, en representación da Asociación Galega de Editores, e de Helena Pérez Fernández, Fernando Fernández González e Jesús Costa Argibay, en representación do sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG), celébrase a reunión da comisión negociadora do convenio galego de editoriais coa seguinte orde do día:

1º Constitución da mesa negociadora do convenio.

2º Negociación.

3º Varios.

1º Constitución da mesa negociadora do convenio.

Ambas as partes recoñécense capacidade decisoria na negociación deste convenio colectivo. A mesa negociadora do convenio galego de editoriais queda formalmente constituída por tres membros da Asociación Galega de Editores e tres membros da Confederación Intersindical Galega, representados polas persoas anteriormente mencionadas.

2º Negociación.

Ambas as partes, ante a dificultade actual do sector editorial galego como consecuencia da crise económica en xeral, acordan o mantemento na súa totalidade do texto e as retribucións salariais do convenio colectivo galego de editoriais existentes en 31 de decembro de 2011, durante o período do 1 de xaneiro de 2012 ao 31 de decembro de 2012.

3º Varios.

A comisión negociadora do convenio galego de editoriais delega en Breixo Lousada Valdés (47355398-P) o rexistro do acordo de prórroga durante o ano 2012 do convenio colectivo galego de editoriais, ante a autoridade correspondente.