Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 22 de novembro de 2012 Páx. 44019

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de novembro de 2012 pola que se aproban os estatutos do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra acordou en asemblea xeral que tivo lugar o 19 de setembro de 2012, a aprobación dos seus estatutos que foron presentados ante esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade da modificación estatutaria efectuada, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar os estatutos do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autómona de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra

Índice

TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS DA ORGANIZACIÓN COLEXIAL.

Capítulo I. Definición, denominación, ámbito territorial e domicilio.

Artigo 1. Definición, denominación e réxime xurídico.

Artigo 2. Domicilio e outras delegacións no ámbito territorial.

Artigo 3. Fusión con outros colexios territoriais e integración no Consello Autonómico.

Capítulo II. Réxime xurídico dos actos e resolucións corporativos.

Artigo 4. Réxime xurídico dos actos e resolucións corporativos.

Artigo 5. Execución e impugnación dos actos e resolucións corporativos.

Artigo 6. Portelo único.

Capítulo III. As funcións do Colexio Territorial.

Artigo 7. Funcións do Colexio.

TÍTULO II. OS MEMBROS DO COLEXIO TERRITORIAL.

Capítulo I. A colexiación, os membros e as súas clases.

Artigo 8. Colexiación.

Artigo 9. Clases de persoas colexiadas.

Artigo 10. Procedemento de ingreso.

Artigo 11. Perda da condición de colexiado.

Artigo 12. Comunicación de datos.

Capítulo II. Dereitos, deberes e obrigas dos membros do Colexio.

Artigo 13. Dereitos dos membros do Colexio.

Artigo 14. Deberes e obrigas dos membros do Colexio.

Artigo 15. Obrigas económicas.

TÍTULO III. A ORGANIZACIÓN INTERNA.

Capítulo I. Organización básica e complementaria.

Artigo 16. Organización básica e complementaria.

Capítulo II. A Asemblea Xeral: composición, réxime de funcionamento e atribucións.

Artigo 17. A Asemblea Xeral.

Artigo 18. Clases de sesións da Asemblea Xeral.

Artigo 19. Convocatoria e quórum.

Artigo 20. Dos debates e asuntos fóra da orde do día.

Artigo 21. Votacións e adopción de acordos.

Artigo 22. Atribucións da Asemblea Xeral.

Capítulo III. Da elección e cesamento de cargos directivos.

Artigo 23. Sistema electoral.

Artigo 24. A convocatoria e a aprobación do censo electoral.

Artigo 25. A presentación e proclamación de candidaturas.

Artigo 26. A asemblea electoral para a elección de cargos directivos.

Artigo 27. Proclamación de membros electos e toma de posesión dos cargos directivos.

Artigo 28. Das causas de cesamento dos cargos directivos.

Capítulo IV. Da Presidencia e Vicepresidencia.

Artigo 29. A Presidencia.

Artigo 30. A Vicepresidencia.

Capítulo V. Da Xunta de Goberno.

Artigo 31. Atribucións da Xunta de Goberno.

Artigo 32. As sesións da Xunta de Goberno.

Capítulo VI. Da Secretaría, Intervención e Tesouraría.

Artigo 33. Da Secretaría.

Artigo 34. Da Intervención.

Artigo 35. Da Tesouraría.

TÍTULO IV. O RÉXIME ECONÓMICO E ORZAMENTARIO.

Capítulo I. Os recursos económicos do Colexio Territorial.

Artigo 36. Ingresos en xeral.

Artigo 37. Ingresos en xeral.

Artigo 38. As cotas exixibles ás persoas colexiadas.

Artigo 39. O cobramento e a recadación das cotas.

Capítulo II. Orzamentos e contas anuais.

Artigo 40. O orzamento anual.

Artigo 41. Contabilidade e contas anuais.

TÍTULO V. RÉXIME DISCIPLINARIO E RECURSOS.

Capítulo I. Réxime disciplinario.

Artigo 42. Potestade disciplinaria.

Artigo 43. Tipificación das infraccións.

Artigo 44. Tipificación das sancións.

Artigo 45. Prescrición.

Artigo 46. Competencia sancionadora.

Artigo 47. Procedemento sancionador.

Capítulo II. Réxime de recursos.

Artigo 48. Recurso corporativo e xurisdición contencioso-administrativa.

TÍTULO VI. DO PERSOAL AO SERVIZO DO COLEXIO.

Capítulo I. Do persoal.

Artigo 49. Réxime xurídico do persoal.

Disposición adicional primeira. Prazos.

Disposición adicional segunda. Denominación.

Disposición adicional terceira. Medios electrónicos.

Disposición adicional cuarta. Utilización dos xéneros feminino e masculino.

Disposición adicional quinta. Código ético.

Disposición transitoria única.

Disposición derradeira.

Exposición de motivos

Os colexios oficiais de secretarios locais constituíronse polo Real decreto do 6 de setembro de 1925 ampliado aos interventores locais pola Real orde do 17 de decembro de 1925. Posteriormente, o Regulamento de funcionarios de Administración local aprobado polo Decreto do 30 de maio de 1952 (BOE do 28 de xuño) dispuxo no seu artigo 99 puntos 1 e 2, e no 203, a existencia obrigatoria dos colexios oficiais de secretarios, interventores e depositarios. Os ditos artigos indicaban:

Artigo 99

1. Os funcionarios de Administración local poderán constituírse en colexios oficiais.

2. Os pertencentes a corpos nacionais formarán colexio na forma establecida polas disposicións vixentes ou as que no sucesivo se diten.

Artigo 203

1. En todas as provincias españolas, con sede na súa capital, existirá un colexio oficial de secretarios, interventores e depositarios, que exercerá a representación dos tres corpos e do cal serán membros con carácter obrigatorio todos os que estean incluídos nos correspondentes escalafóns.

2. O Colexio Nacional terá a súa sede en Madrid e será o órgano de superior xerarquía profesional respecto dos colexios provinciais e dos compoñentes dos corpos cuxa representación lle incumbe, para os fins que lle están atribuídos.

3. O Colexio Nacional e os provinciais terán o carácter de corporacións de dereito público afectas ao Ministerio da Gobernación, e rexeranse polos regulamentos aprobados pola Dirección Xeral de Administración Local, que determinarán a súa organización, funcionamento, réxime económico, fins sociais e profesionais, facultades disciplinarias e demais aspectos que procedan.

En desenvolvemento desta norma, aprobouse o Regulamento dos colexios de secretarios, interventores e depositarios de Administración local do 31 de xullo de 1953 (BOE do 7 de agosto), que foi modificado polo Regulamento do 2 de febreiro de 1978 (BOE do 18 de febreiro).

A exixencia de adaptación á Constitución dos estatutos e demais disposicións que regulaban os colexios de funcionarios existentes no momento da entrada en vigor da disposición adicional segunda da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, na redacción dada a esta pola Lei 74/1978, do 26 de decembro, formalizouse mediante o Real decreto 1912/2000, do 24 de novembro, que aproba os estatutos xerais da organización colexial de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración local, modificados polos agora vixentes, aprobados mediante o Real decreto 353/2011, do 13 de marzo. Así mesmo, no momento da entrada en vigor da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e as súas posteriores modificacións exixían aprobar uns novos estatutos. Co fin de adaptarse á normativa exposta apróbanse os presentes estatutos do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra.

TÍTULO I
Disposicións xerais da organización colexial

Capítulo I
Definición, denominación, ámbito territorial e domicilio

Artigo 1. Definición, denominación e réxime xurídico

1. O Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra é unha corporación de dereito público constituída ao abeiro da lei, con estrutura interna e funcionamento democráticos, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. Este colexio denomínase Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra. Tamén se poderá utilizar para a súa denominación a forma abreviada Cosital Pontevedra.

3. A organización colexial que se regula polos presentes estatutos agrupa as persoas funcionarias que integran a escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter estatal, sempre que exerzan ou teñan exercido as funcións reservadas legal e regulamentariamente aos habilitados estatais no ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

4. No exercicio das súas funcións, este colexio territorial ten que someterse plenamente á Constitución, ao Estatuto de autonomía de Galicia, aos estatutos xerais da organización colexial aprobados polo Real decreto 353/2011, do 11 de marzo; á Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, e á Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como á restante normativa que resulte de aplicación.

Artigo 2. Domicilio e outras delegacións no ámbito territorial

O domicilio do Colexio Territorial queda fixado na cidade de Pontevedra na Praza do Teucro, nº 1, 1º, sen prexuízo de que poidan ter lugar reunións dos seus órganos colexiados en calquera outro lugar do seu ámbito territorial.

Artigo 3. Fusión con outros colexios territoriais e integración no Consello Autonómico

1. Segundo o previsto no artigo 4 dos estatutos xerais da organización colexial, mediante acordo maioritario da Asemblea Xeral e logo de coñecemento do Consello Xeral de Colexios, o Colexio Territorial de Pontevedra poderá fusionarse cos colexios territoriais existentes no ámbito da nosa comunidade autónoma para a constitución doutro colexio cun ámbito territorial que exceda os límites provinciais. Mesmo se poderá acordar a integración nun colexio territorial único para a comunidade autónoma de Galicia.

A creación dun novo colexio por fusión requirirá, en todo caso, a aprobación por decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo de informe, se for o caso, do consello galego de colexios respectivo.

2. Tamén por acordo maioritario da Asemblea Xeral este colexio territorial poderá promover a creación dun Consello Autonómico de Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Galicia e integrarse nel. Unha vez creado o Consello Autonómico, poderase delegar na dita corporación o exercicio das funcións que se consideren oportunas.

Capítulo II
Réxime xurídico dos actos e resolucións corporativos

Artigo 4. Réxime xurídico dos actos e resolucións corporativos

1. No exercicio das súas funcións públicas, os órganos desta corporación axustarán as súas actuacións ás normas de dereito administrativo e, en especial, á normativa que en cada momento estea vixente sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Nas restantes relacións xurídicas, o Colexio quedará sometido ao réxime xurídico correspondente, civil ou laboral.

Artigo 5. Execución e impugnación dos actos e resolucións corporativos

1. Os actos e resolucións dos órganos deste colexio serán inmediatamente executivos cando estean suxeitos ao dereito administrativo.

2. Os ditos actos e resolucións, cando estean suxeitos ao dereito administrativo, serán impugnables ante os órganos da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade coa súa lei reguladora, unha vez esgotados os recursos contra eles, no caso de que se interpuxesen.

3. Con carácter previo á súa impugnación ante a xurisdición contencioso-administrativa, contra os actos dos órganos deste colexio territorial poderase recorrer en alzada no prazo dun mes ante o Consello Autonómico de Galicia e, no caso de non se ter constituído este, ante o Consello Xeral.

Artigo 6. Portelo único

1. A organización colexial disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, as persoas que integran a profesión poidan, a través dun único punto, por vía electrónica, a distancia e gratuitamente, realizar todos os trámites necesarios para a súa colexiación, o seu exercicio e a baixa no Colexio Territorial, presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teñan a condición de interesados, recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución dos expedientes, incluída a notificación dos disciplinarios cando non for posible por outros medios, ser convocado ás asembleas xerais e pór no seu coñecemento a actividade da organización colexial.

2. O portelo único deberá conter toda a información a que se refire a lexislación básica sobre colexios profesionais para a mellor defensa dos dereitos da cidadanía destinataria da actividade dos profesionais que agrupa a organización colexial, especialmente o acceso ao rexistro de colexiados, que estará permanentemente actualizado, e no cal constarán, como mínimo, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, administración pública de destino e situación administrativa, as solicitudes e os recursos que se poidan presentar.

Capítulo III
As funcións do Colexio Territorial

Artigo 7. Funcións do Colexio

Compételle ao Colexio, no seu ámbito territorial, o exercicio das funcións consignadas na lexislación básica estatal e autonómica sobre colexios profesionais e nos estatutos xerais da organización colexial e, en particular, as seguintes:

a) Cumprir e facer cumprir ás persoas colexiadas as leis xerais e especiais, os estatutos e os regulamentos de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiados.

b) Velar polo exacto cumprimento dos deberes profesionais das persoas colexiadas, pola súa ética e dignidade profesional.

c) Tutelar e defender os dereitos e intereses que afectan a escala e as subescalas e os dos funcionarios pertencentes a elas, desempeñar a representación e exercer a defensa, no seu ámbito, duns e doutros ante as administracións, institucións, tribunais e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e procedementos disciplinarios afecten os intereses profesionais.

d) Apoiar as administracións públicas competentes para que o exercicio da profesión o efectúen as persoas colexiadas conforme a normativa aplicable e o código ético existente para ela.

e) Coñecer os recursos que se interpoñan contra os acordos dos seus órganos de goberno.

f) Manter e mellorar a unión e boa relación entre as persoas colexiadas.

g) Estimular e facilitar o perfeccionamento profesional das persoas colexiadas, ben sexa directamente ou colaborando con outros centros de investigación e formación, organizar actividades e servizos comúns de interese para as persoas colexiadas, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e análogos.

h) Fomentar o desenvolvemento profesional dos secretarios, interventores e tesoureiros a través do mantemento do diálogo e a negociación cos poderes públicos, partidos políticos, sindicatos, federacións de municipios e provincias e calquera outra organización municipalista ou de empregados públicos, xa sexan nacionais ou internacionais, cos cales poderá establecer convenios de colaboración e, se é o caso, integrarse neles.

i) Divulgar as disposicións legais e as instrucións e ordes das autoridades para o mellor coñecemento e cumprimento polo persoal colexiado, e informar este de cantas cuestións o poidan afectar no ámbito profesional.

j) Impulsar, a través de publicacións, conferencias e cantos medios procedan, o estudo do dereito e técnicas de administración que afecten os profesionais colexiados, así como colaborar, cando sexan requiridos, na formación das autoridades e cargos representativos en relación coas materias propias das funcións que exercen.

k) Colaborar coas administracións públicas, universidades e centros de investigación na elaboración e difusión de estudos que se refiran ou afecten a Administración local.

l) Asesorar as autoridades e corporacións nas cuestións relacionadas coa escala e subescalas, emitindo informes, ditames e contestacións ás consultas que sexan formuladas.

m) Manter relacións permanentes de información e comunicación co Consello Xeral e, no caso de que se constitúa, co Consello Autonómico, facilitando información sobre altas, baixas e calquera outra incidencia que se produza no rexistro de persoas colexiadas.

n) Atender as solicitudes de información sobre as persoas colexiadas e sobre as sancións firmes que se lles impoñan.

o) Dispor dun servizo de atención aos usuarios que necesariamente tramitará e resolverá calquera solicitude, suxestión ou queixa referidas á actividade colexial ou que afecte calquera persoa colexiada, presentada por calquera persoa usuaria ou profesional colexiada, así como organizacións de consumidores e usuarios na súa representación e na defensa de intereses colectivos nos termos da lexislación básica sobre colexios profesionais. Así mesmo, exercerá cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

p) Aprobar os seus estatutos, con pleno respecto á normativa estatal, autonómica e aos estatutos xerais da organización colexial.

q) Elaborar unha memoria anual que conteña os aspectos a que fai referencia a lexislación básica e autonómica de colexios profesionais.

TÍTULO II
Os membros do Colexio Territorial

Capítulo I
A colexiación, os membros e as súas clases

Artigo 8. Colexiación

1. Consonte a doutrina establecida polo Tribunal Constitucional e de conformidade co disposto no artigo 15.2 dos estatutos xerais da organización colexial, a colexiación ten carácter voluntario.

2. Para causar alta como persoa colexiada deberán reunirse os requisitos seguintes, sen prexuízo do réxime singular dos membros de honra:

a) Pertencer a unha das subescalas que compoñen a de funcionarios con habilitación de carácter estatal.

b) Desempeñar ou ter desempeñado un posto de traballo con funcións reservadas a algunha das subescalas que compoñen a de funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial do Colexio.

3. Non se poderá causar alta como colexiado, cando o solicitante fose sancionado por calquera colexio de habilitados coa perda ou suspensión da condición de colexiado, mentres dure esta sanción. Igualmente, será causa de denegación da alta como colexiado que o solicitante teña algunha débeda pendente con algún colexio de habilitados estatais, mentres non a satisfaga integramente.

4. En ningún caso se poderá denegar a colexiación aos profesionais que reúnan os requisitos establecidos nos estatutos.

Artigo 9. Clases de persoas colexiadas

1. Os membros do Colexio poden ser persoas en exercicio dalgunha función pública reservada, persoas non exercentes e membros de honra, en atención aos méritos contraídos a prol do Colexio.

2. As persoas colexiadas son exercentes cando, na súa condición de persoal funcionario, estean na situación de servizo activo en calquera das administracións públicas.

3. Co fin de manter o vínculo profesional e a relación de compañeirismo entre todas as persoas integrantes da escala de habilitación estatal que exercesen as funcións de secretaría, intervención ou tesouraría nalgunha corporación local poderán pertencer ao Colexio Territorial, na condición de non exercentes, as persoas xubiladas ou en situación de excedencia.

4. Poderán ser nomeados membros de honra as persoas físicas ou xurídicas que contraesen méritos especiais respecto do Colexio, da organización colexial ou que prestasen servizos relevantes nalgunha administración pública dentro do ámbito territorial desta corporación. Para tal efecto, a proposta para o nomeamento de membro de honra poderá ser presentada perante a Asemblea Xeral por calquera persoa colexiada, achegando unha memoria en que se expoñan os méritos contraídos. Logo da correspondente deliberación a decisión de incorporar algún membro co carácter de honra corresponderalle unicamente á Asemblea, por maioría simple.

Artigo 10. Procedemento de ingreso

1. As persoas que poidan causar alta como colexiadas poderán solicitar en calquera momento a súa incorporación ao Colexio.

2. A solicitude de alta deberá presentarse, de ser o caso, no modelo que estableza este colexio. En caso de que a solicitude estea incompleta ou non se faga no modelo establecido, requirirase o solicitante para que a emende nun prazo de 10 días hábiles. En caso de non atender adecuadamente o requirimento enténdese que desiste da súa solicitude de alta.

3. A solicitude de alta deberá resolvela de modo expreso a Xunta de Goberno nun prazo máximo dun mes. En caso de que se denegue a solicitude de alta deberá motivarse a denegación.

4. O nomeado adquirirá automaticamente todos os dereitos e contraerá todas as obrigas establecidas nos presentes estatutos e nos xerais da organización colexial desde o momento en que adquira a condición de colexiado.

Artigo 11. Perda da condición de colexiado

1. A condición de colexiado perderase por algunha das seguintes causas:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Baixa voluntaria comunicada por escrito.

d) Polo incumprimento dos deberes económicos para co Colexio.

e) Sanción disciplinaria nos termos regulados nestes estatutos.

2. A perda da condición de colexiado non eximirá do cumprimento das obrigas vencidas.

Artigo 12. Comunicación de datos

1. Os colexiados deberán comunicar ao Colexio os datos persoais e profesionais que sexan necesarios, pertinentes e adecuados para o exercicio das funcións do Colexio.

2. Os datos que se requiran dos colexiados serán determinados pola Xunta de Goberno.

3. Calquera variación dos datos dos colexiados facilitados ao Colexio deberá de ser comunicada a este no prazo máximo dun mes.

CAPÍTULO II
Dereitos, deberes e obrigas dos membros do Colexio

Artigo 13. Dereitos dos membros do Colexio

Son dereitos dos membros do Colexio:

a) Concorrer, con voz e voto, ás asembleas xerais.

b) Dirixirse aos órganos de goberno formulando solicitudes, suxestións ou queixas, solicitando información sobre a actividade colexial ou sobre as actuacións dos órganos de goberno do Colexio. En todo caso, a petición de información deberá exercerse de modo que non sexa abusiva e permita o funcionamento correcto do Colexio.

c) Elixir e ser elixido para cargos directivos. Este dereito non poderá ser exercido polos membros de honra.

d) Requirir a intervención do Colexio, ou o seu informe, cando proceda.

e) Ser amparado polo Colexio en canto afecte a súa condición de funcionario público.

f) Desfrutar das concesións, beneficios e dereitos que se lles outorguen ás persoas colexiadas, para si ou para as súas familias.

Artigo 14. Deberes e obrigas dos membros do Colexio

1. Son deberes xerais dos membros do Colexio:

a) Someterse á normativa legal e estatutaria, ás normas e usos propios da deontoloxía profesional e ao réxime disciplinario colexial.

b) Observar unha conduta digna da súa condición e do cargo que exerza, e desenvolver as súas funcións con honradez, celo e competencia.

c) Establecer, manter e estreitar as relacións de unión e compañeirismo que deben existir entre todas as persoas que forman a escala, exercen ou exercesen funcións públicas.

2. Son obrigas especiais dos membros do Colexio:

a) Contribuír puntualmente ao sostemento económico do Colexio nos termos do artigo seguinte.

b) Declarar en debida forma a súa situación administrativa e os demais actos que lles sexan requiridos na súa condición de persoal funcionario.

c) Acatar e cumprir os acordos que adopten os órganos corporativos na esfera da súa competencia.

d) Comunicar ao Colexio as circunstancias de orde persoal e profesional que lles sexan requiridas e que sexan necesarias para o exercicio das funcións colexiais.

Artigo 15. Obrigas económicas

1. Os colexiados estarán obrigados a contribuír puntualmente ao sostemento económico do Colexio e deberán aboar en prazo as cotas que se exixan de acordo co disposto nestes estatutos.

2. O pagamento das cotas realízase mediante domiciliación bancaria. Para estes efectos, os colexiados deberán asegurarse de que exista saldo suficiente na conta e de que o Colexio dispón do número de conta actualizado.

3. O Colexio tamén poderá prever unha cota de alta, que non superará os custos de tramitación desta.

4. Se calquera colexiado incorre en mora, o presidente do Colexio requirirao para que satisfaga a súa débeda no prazo máximo dun mes. Transcorrido outro mes desde o requirimento sen facer efectivos os seus débitos colexiais, o colexiado moroso quedará automaticamente suspendido dos dereitos e obrigas que lle recoñecen os presentes estatutos. A suspensión manterase ata o debido cumprimento dos seus deberes económicos colexiais, sen prexuízo da súa eventual reclamación xudicial pola vía procedente e da posible apertura do correspondente procedemento disciplinario.

5. Cando o colexiado estea en situación de débeda de dúas cotas, este comportamento fará presumir a vontade do colexiado de darse de baixa do Colexio. Nestes supostos, a Xunta de Goberno acordará de oficio a baixa do Colexio do colexiado. A baixa producirá efectos o último día natural do mes en que a Xunta de Goberno acorde a baixa do colexiado.

TÍTULO III
A organización interna

CAPÍTULO I
Organización básica e complementaria

Artigo 16. Organización básica e complementaria

1. A organización básica de goberno e administración do Colexio Territorial está formada pola Presidencia, a Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral.

2. Co carácter de organización complementaria poderanse crear comisións especiais, formadas por un mínimo de tres membros, que teñan como función o estudo e informe sobre os asuntos que lles encomende a Presidencia ou a Xunta de Goberno. Os membros das comisións especiais poderán ser nomeados pola Presidencia ou pola Xunta de Goberno.

CAPÍTULO II
A Asemblea Xeral: composición, réxime de funcionamento e atribucións

Artigo 17. A Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral é o órgano supremo de expresión da vontade do Colexio Territorial, está formada por todos os colexiados e réxese polos principios de participación igual e democrática de todas as persoas colexiadas.

2. A participación na Asemblea será persoal ou por representación. Para acreditar a dita representación deberá enviarse unha comunicación previa á sede do Colexio cunha antelación mínima de 24 horas ao inicio da correspondente sesión. A comunicación previa poderá efectuarse por correo electrónico. Exclúese a posibilidade de acudir mediante representación nas asembleas electorais e nas extraordinarias en que se debata unha moción de censura, nas cales si estará permitido o voto por correo.

Artigo 18. Clases de sesións da Asemblea Xeral

1. As sesións da Asemblea Xeral poden ser de tres tipos:

a) Ordinarias.

b) Extraordinarias.

c) Electorais, entendéndose que estas últimas son as convocadas para a elección dos membros da Xunta de Goberno e do presidente, de acordo coa regulación prevista no capítulo III deste título.

2. A Asemblea Xeral reunirase en sesión ordinaria no mes de xaneiro e no último trimestre de cada ano natural. Na primeira sesión que se celebre tras a elección da Xunta de Goberno deberá determinarse o día e a hora en que se celebrarán as sesións ordinarias.

3. A Asemblea Xeral reunirase en sesión extraordinaria nos seguintes casos:

a) Cando o considere conveniente a Presidencia, para debater e decidir calquera asunto de interese colectivo.

b) Por petición dunha cuarta parte dos membros da Asemblea. A solicitude de sesión extraordinaria, neste suposto, debe reunir os seguintes requisitos:

– Debe estar asinada por todos os que a promovan.

– Debe expoñer os motivos en que se funda a petición.

– Debe ir acompañada dunha proposta de orde do día.

– Por cada asunto, debe presentarse unha proposta de acordo.

Se a solicitude reúne os requisitos anteriores, a Presidencia deberá convocar a sesión dentro dos 15 días hábiles seguintes ao da petición e non poderá demorarse a súa celebración por máis de dous meses desde que o escrito se presentase.

En caso de que a solicitude non reúna os requisitos expostos, a Presidencia, no prazo máximo de 10 días hábiles, deberá requirir calquera dos promotores para que nun prazo de 10 días hábiles corrixa os defectos da solicitude, advertíndolle que, en caso de que non se realice no citado prazo, se procederá ao arquivo da solicitude.

c) Cando se presente unha moción de censura contra a Presidencia e a Xunta de Goberno, de acordo co previsto no capítulo III deste título.

Artigo 19. Convocatoria e quórum

1. As asembleas xerais ordinarias ou extraordinarias deben ser convocadas pola Presidencia con dous días hábiles de antelación ao día en que se vaia celebrar. Non obstante o anterior, cando se trate dunha asemblea xeral extraordinaria para o tratamento dunha moción de censura, a convocatoria deberá ser realizada pola Xunta de Goberno con cinco días hábiles de antelación ao da data en que se deba celebrar a sesión. En canto ás asembleas xerais electorais, observarase o disposto no capítulo seguinte.

2. A convocatoria deberá fixar o día, a hora e o lugar en que se desenvolverá a sesión e irá acompañada da orde do día comprensiva dos asuntos que se tratarán e da acta da sesión anterior.

3. As convocatorias deberán comunicarse a cada persoa colexiada. A comunicación realizarase preferentemente por correo electrónico.

4. Para a válida constitución da Asemblea Xeral requírese a asistencia dun terzo do número legal de membros do Colexio. Este quórum deberá manterse durante toda a sesión. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario do Colexio ou de quen os substitúa.

5. Se en primeira convocatoria non existe o quórum necesario, segundo o disposto no parágrafo anterior, entenderase convocada automaticamente para media hora despois da fixada para a primeira. Neste caso, será válida a sesión calquera que sexa o número de asistentes, aínda que, en todo caso, deberá contar coa presenza do presidente e do secretario, ou de quen legalmente os substitúa.

Artigo 20. Dos debates e asuntos fóra da orde do día

1. Os puntos que se tratarán serán os establecidos na orde do día, conforme a numeración coa que aparezan.

2. Nas sesións poderanse incluír asuntos fóra da orde do día, por petición de calquera membro da Asemblea, e serán tratados sempre que a súa inclusión conte co voto afirmativo da maioría absoluta das persoas asistentes. Non se admite esta posibilidade nas asembleas electorais e nas extraordinarias para tratar unha moción de censura.

3. Cada punto iniciarase mediante lectura da proposta pola persoa que exerza a secretaría da Xunta de Goberno e a seguir abrirase un debate moderado pola Presidencia. Cando a Presidencia considere que xa se achegaron todos os puntos de vista, ordenará que se proceda á votación coa seguinte orde: aceptación ou rexeitamento das emendas á totalidade, aceptación ou rexeitamento das emendas parciais e aceptación ou rexeitamento da proposta de acordo.

4. O presidente abrirá e pechará as sesións na forma que coide conveniente. Dirixirá os debates, concederá, denegará ou retirará o uso da palabra, chamará á orde os intervenientes e adoptará, segundo o seu prudente criterio, cantas medidas considere necesarias para a orde e eficacia das sesións, suspendéndoas no caso de grave alteración da orde ou perigo inminente.

Artigo 21. Votacións e adopción de acordos

1. As votacións da Asemblea Xeral poden ser ordinarias, nominais ou secretas.

2. As ordinarias son as que se manifestan por signos convencionais de asentimento, disentimento ou abstención. Este tipo de votacións constitúe o sistema normal de votación.

3. As nominais son aquelas que se realizan mediante chamamento por orde alfabética de apelidos e sempre en último lugar o presidente e nas cales cada membro da Asemblea, ao ser chamado, responde en voz alta si: non ou abstéñome. A votación nominal requirirá a solicitude dunha cuarta parte dos asistentes e o acordo por maioría simple destes.

4. Son secretas as que se realizan por papeleta que cada membro da Asemblea Xeral vai depositando nunha urna ou bolsa. Só se pode acudir a este tipo de votación para a elección da Xunta de Goberno e do presidente así como para a votación das mocións de censura, conforme se dispón no capítulo seguinte.

5. Os acordos adóptanse por maioría simple e dirimirá os empates o voto de calidade da Presidencia. Como excepción, requírese maioría absoluta dos membros da Asemblea Xeral para que prospere unha moción de censura contra a Presidencia e a Xunta de Goberno.

Artigo 22. Atribucións da Asemblea Xeral

Son atribucións propias e exclusivas da Asemblea Xeral:

a) Elixir o presidente e os demais membros da Xunta de Goberno.

b) Aprobar e reformar os estatutos do Colexio e o regulamento de réxime interior do Colexio, sen prexuízo das facultades da Xunta de Goberno para aprobar as correspondentes normativas de desenvolvemento.

c) Aprobar e reformar as normas deontolóxicas colexiais, con plena suxeición e respecto ás fixadas polo Consello Xeral.

d) Aprobar no mes de xaneiro de cada ano a memoria correspondente ao exercicio vencido, que conterá como mínimo a información que exixe a lexislación básica e de desenvolvemento sobre colexios profesionais, ademais da liquidación dos orzamentos e as contas de ingresos e gastos.

e) A aprobación dos orzamentos.

f) Autorizar os actos de disposición dos bens inmobles propios e dereitos reais constituídos sobre estes, así como dos restantes bens patrimoniais propios que figuren inventariados como de considerable valor.

g) Aprobar e controlar a xestión da Presidencia e da Xunta de Goberno, solicitando informes e adoptando, de ser o caso, as oportunas mocións.

h) Acordar a fusión con outros colexios territoriais de Galicia ou a integración no Consello Autonómico.

i) Aprobar a moción de censura contra a Xunta de Goberno e o presidente.

j) Determinar o importe e os prazos de pagamento das cotas ordinarias e extraordinarias.

k) Acordar o nomeamento de membros de honra, conceder distincións e facer mencións honoríficas.

l) Todas aquelas que a Xunta de Goberno e o presidente decidan someter á Asemblea pola súa especial transcendencia para a actividade do Colexio e para o exercicio profesional.

m) Aqueloutras que lle atribúa a lexislación vixente ou estes estatutos.

CAPÍTULO III
Da elección e cesamento de cargos directivos

Artigo 23. Sistema electoral

1. O presidente e os demais membros da Xunta de Goberno serán elixidos pola Asemblea reunida en sesión electoral, en votación persoal e secreta, de entre aquelas candidaturas que se presenten.

2. Deberá procederse a elixir os membros da Xunta de Goberno e o presidente nos seguintes casos:

a) Cando expire o mandato de catro anos da Xunta de Goberno e do presidente.

b) Cando se produza o cesamento do presidente por calquera causa, salvo que este cese por aprobarse unha moción de censura.

c) Cando o número de membros da Xunta de Goberno que non cesen sexa inferior a cinco e non poidan ser substituídos por suplentes da candidatura.

d) Cando a Xunta de Goberno decida convocar eleccións.

3. Serán electores e poderán ser candidatos e formar parte dunha candidatura todas as persoas colexiadas, agás as que estean incursas nalgunha das seguintes situacións:

a) Que estean suspendidas dos seus dereitos como colexiado.

b) Que non estean ao día no pagamento das cotas.

c) Que sexan membros de honra.

d) Que estean incursas en situación de prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria.

4. A elección do presidente e da Xunta de Goberno realizarase mediante a presentación de candidaturas conxuntas.

5. As candidaturas conxuntas estarán integradas por 10 membros, incluído o presidente, e poderanse incluír suplentes. En todo caso, nas candidaturas conxuntas deberán formar parte delas, necesariamente, dous colexiados pertencentes á subescala de Secretaría-Intervención, dous á subescala de Intervención-Tesouraría e dous pertencentes á subescala de Secretaría.

6. Nas candidaturas deberase especificar cal dos membros se presenta como candidato a presidente.

7. Cada elector só poderá dar o seu voto a unha candidatura.

Artigo 24. A convocatoria e a aprobación do censo electoral

1. A convocatoria de asemblea extraordinaria electoral será acordada pola Xunta de Goberno e efectuada pola Presidencia, mediante anuncio no Boletín Oficial da provincia e comunicación a todas as persoas colexiadas, que se realizará preferentemente por medios electrónicos. Nesta convocatoria determinarase o calendario electoral establecendo os períodos correspondentes ás reclamacións contra o censo electoral, datas de presentación de candidaturas e posibles reclamacións contra estas.

2. Na mesma sesión en que se acorde a convocatoria da asemblea extraordinaria electoral, a Xunta de Goberno aprobará con carácter provisional o censo electoral e disporá a súa exposición pública no taboleiro de anuncios da sede do Colexio, para que todas as persoas interesadas poidan examinalo e presentar reclamacións durante un prazo dez días hábiles.

3. Transcorrido o período de exposición ao público do censo electoral, a Xunta de Goberno resolverá as reclamacións formuladas contra este e acordará a súa aprobación definitiva.

4. Cando se aprobe o censo electoral, determinaranse os colexiados que formarán parte da mesa de idade e deberanse designar suplentes. Terá que notificarse a designación como membro da mesa de idade e admitiranse renuncias por causas xustificadas. As renuncias deberán ser aceptadas pola Xunta de Goberno.

5. A impugnación do censo electoral non suspende o proceso electoral.

Artigo 25. A presentación e proclamación de candidaturas

1. Unha vez aprobado definitivamente o censo electoral, poderán presentarse candidaturas ata dez días antes do día en que estea prevista a celebración da asemblea electoral. Estas candidaturas deberán estar asinadas por todas as persoas que as integren ou ben aceptadas persoalmente mediante escrito dirixido á Secretaría da Xunta de Goberno.

2. Antes do oitavo día anterior á celebración da asemblea electoral, a Secretaría da Xunta de Goberno comprobará o cumprimento dos requisitos establecidos anteriormente e proclamará as candidaturas presentadas. Contra a resolución da Secretaría poderase interpor recurso nos tres días hábiles seguintes ao da proclamación de candidaturas ante a Xunta de Goberno, que deberá ser resolto no prazo dos tres días hábiles seguintes ao da súa presentación e comunicado ás persoas interesadas, así como publicado no taboleiro de anuncios da sede do Colexio Territorial. A impugnación da proclamación das candidaturas non suspende o proceso electoral.

Artigo 26. A asemblea electoral para a elección de cargos directivos

1. No día e hora fixados constituirase a asemblea electoral, baixo a dirección dunha mesa de idade integrada polas persoas de maior idade das subescalas de Secretaría, Intervención-Tesouraría e Secretaría-Intervención, sempre e cando non formen parte de ningunha candidatura, pois en tal caso serán substituídas polas persoas seguintes en idade da subescala correspondente. Actuará como presidente o membro da mesa de maior idade e como secretario o de menor idade.

2. A votación celebrarase na sede do Colexio ou no local habilitado para o efecto.

3. A votación será libre, igual, directa e secreta. Só poderán votar os que aparezan na lista do censo electoral con dereito a voto.

4. As persoas electoras que queiran exercer o dereito ao voto por correo poderán facelo desde a data de proclamación de candidaturas ata o mesmo día en que teña lugar a asemblea electoral. Computaranse como válidos os votos que sexan recibidos na sede do Colexio ata a hora de comezo da asemblea electoral. Entenderanse como nulos os votos que sexan recibidos con posterioridade ao inicio da asemblea.

5. Os votos emitidos por correo deberán emitirse nun sobre pechado en que se inclúa a papeleta oficial que será remitida ás persoas electoras que o soliciten con antelación suficiente á Secretaría da Xunta de Goberno. O sobre en que se insira o voto deberá presentarse con outro no cal se incorpore a fotocopia do DNI e remitirse os dous á Secretaría da Xunta de Goberno facendo constar no exterior que se trata dun voto por correo.

6. Para proceder á votación chamarase cada unha das persoas presentes por orde alfabética para que deposite o seu voto na urna habilitada para o efecto, nun sobre debidamente pechado, no cal introducirá unha papeleta coa candidatura á cal lle outorga o seu voto.

7. Rematada a votación presencial, a Presidencia da mesa introducirá os votos recibidos por correo. A seguir procederase ao reconto e á proclamación das persoas electas que forman parte da candidatura, de acordo co disposto no artigo seguinte.

8. No suposto de que se presente só unha candidatura, realizarase a votación polo sistema ordinario.

Artigo 27. Proclamación de membros electos e toma de posesión dos cargos directivos

1. Realizado o escrutinio, procederase á proclamación dos membros electos da Xunta de Goberno e do presidente, correspondentes á candidatura que maior número de votos obtivese.

2. En caso de se ter producido empate en número de votos de dúas candidaturas, serán proclamados electos os membros da candidatura cuxo candidato a presidente teña maior antigüidade como habilitado estatal, e, de persistir o empate, aquela en que o candidato a presidente teña maior idade.

3. Realizada a proclamación de membros electos, a mesa de idade daralles posesión do seu cargo e quedará formalmente constituída a Xunta de Goberno do Colexio Territorial.

4. A Xunta de Goberno reunirase en sesión extraordinaria nos dez días seguintes ao da celebración da asemblea electoral e na dita sesión elixiranse de entre os seus membros as persoas que exercerán as funcións de vicepresidencia, secretaría, intervención e tesouraría do Colexio, dos cales tamén se poderán designar suplentes.

5. No prazo de cinco días desde a constitución da Xunta de Goberno, deberase comunicar esta aos órganos competentes que determine a lexislación vixente, incluíndo os determinados nos estatutos xerais da organización colexial.

Artigo 28. Das causas de cesamento dos cargos directivos

1. Os membros da Xunta de Goberno, incluído o presidente, poderán cesar polas seguintes causas:

a) Remate do mandato, polo transcurso de catro anos desde o día da toma de posesión, sen prexuízo de que continúen en funcións ata a toma de posesión dos novos membros.

b) Falecemento ou enfermidade inhabilitante.

c) Renuncia expresa.

d) Sanción disciplinaria grave ou moi grave.

e) Condena por sentenza firme que comporte a inhabilitación para cargos públicos.

f) Perda da condición de colexiado.

g) Moción de censura, presentada e aprobada de acordo coas normas contidas no seguinte punto.

2. Sempre que transcorrese un ano do seu mandato e antes de que falten seis meses para o seu remate, poderá presentarse unha moción de censura contra a Xunta de Goberno e o seu presidente, que deberá ser referendada, como mínimo, pola cuarta parte do número de membros da asemblea e deberá conter unha candidatura alternativa, debendo motivarse as razóns ou feitos en que se sustenta. Unha vez presentada, a Secretaría da Xunta de Goberno acreditará que se cumpre o dito requisito e a Xunta de Goberno convocará asemblea electoral nos trinta días hábiles seguintes ao de recepción na sede corporativa da documentación preceptiva. Unha vez debatido o contido da moción, procederase á súa votación secreta; deberase obter o voto favorable da maioría absoluta dos colexiados para que prospere.

3. No caso de cesamento dalgún membro da candidatura, deberá procederse a nomear algún suplente que pertencese á candidatura na seguinte sesión da Asemblea Xeral. Para estes efectos, o presidente proporá o nomeamento dos membros que correspondan. A Asemblea Xeral procederá ao nomeamento, de ser o caso, mediante sistema ordinario. En todo caso, deberá asegurarse que dentro da candidatura existan sempre dous colexiados pertencentes a cada unha das subescalas. En caso de que non existan suplentes, non se poderá cubrir a vacante. En todo caso, se a vacante é do presidente, deberase proceder a convocar eleccións.

CAPÍTULO IV
Da Presidencia e Vicepresidencia

Artigo 29. A Presidencia

1. Á Presidencia correspóndelle as seguintes atribucións:

a) Exercer a representación legal do Colexio ante toda clase de autoridades, organismos, tribunais, entidades, corporacións e particulares.

b) Convocar e presidir as sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno e decidir os empates con voto de calidade. Por excepción, a convocatoria das sesións extraordinarias da Asemblea Xeral para a votación dunha moción de censura e das electorais é competencia da Xunta de Goberno.

c) Executar os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

d) Adoptar, en caso de urxencia, as resolucións necesarias, dando conta ao órgano competente na primeira sesión que celebre.

e) Designar representantes do Colexio nos tribunais de oposicións, comisións de traballo e organismos públicos, de conformidade coas normas vixentes.

f) Exercer a xefatura superior do persoal ao servizo do Colexio Territorial.

g) Formar o proxecto de orzamento anual e render as contas unha vez liquidado cada exercicio.

h) Efectuar pagamentos con tarxeta bancaria.

i) Calquera que lle atribúa a lexislación vixente ou estes estatutos.

j) Calquera outra facultade ou atribución que non se atribúa de modo expreso nestes estatutos ou na lexislación vixente á Xunta de Goberno e á Asemblea Xeral.

2. A Presidencia poderá delegar as súas competencias na Xunta de Goberno e en calquera dos seus membros, sen prexuízo da posibilidade de someter asuntos da súa competencia a decisión da Asemblea Xeral e Xunta de Goberno cando considere que a transcendencia para a actividade do Colexio e exercicio profesional así o require.

Artigo 30. A Vicepresidencia

1. A persoa que ocupe a Vicepresidencia ten como función substituír o titular da Presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

2. A Presidencia e a Xunta de Goberno poderán delegar na Vicepresidencia todas as atribucións que xulguen necesarias para o mellor goberno e administración do Colexio Territorial.

CAPÍTULO V
Da Xunta de Goberno

Artigo 31. Atribucións da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é un órgano colexiado integrado por 10 cargos directivos, incluído o presidente, elixidos consonte o disposto nestes estatutos, que ten as seguintes atribucións:

a) Velar para que as persoas colexiadas observen boa conduta no desenvolvemento das súas tarefas profesionais, na relación coa Administración en que prestan servizos, cos compañeiros profesionais e coa cidadanía en xeral.

b) Levar a cabo as xestións oportunas para impedir e perseguir a intrusión.

c) Exercer as potestades disciplinarias respecto ás persoas colexiadas.

d) Nomear as persoas que asumen as funcións de vicepresidente, secretario, interventor e tesoureiro do Colexio, así como os seus suplentes.

e) Aprobar as altas e baixas dos colexiados.

f) Nomear os delegados deste colexio na Asemblea do Consello Xeral.

g) Convocar asembleas xerais electorais e as extraordinarias para a votación dunha moción de censura.

h) Velar para que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio propias do persoal funcionario con habilitación estatal, así como propiciar a harmonía e colaboración entre todas as persoas colexiadas.

i) Defender as persoas colexiadas no desenvolvemento das súas funcións e realizar as xestións necesarias para facilitar a cobertura efectiva de todos os postos de traballo por persoal da subescala e categoría que corresponda.

j) Acordar o exercicio das accións e recursos administrativos e xudiciais que xulguen necesarios para a defensa dos bens, dereitos e intereses profesionais dos colexiados, así como os propios do Colexio.

k) Emitir consultas e ditames en materias propias das funcións públicas necesarias e reservadas ao persoal con habilitación de carácter estatal.

l) Designar os membros da Xunta de Goberno que están facultados para a apertura, peche, modificación ou calquera outra operación xurídica que requiran as contas bancarias ou de similar natureza en nome e representación do Colexio. Como regra xeral, deberán ser facultados mancomunadamente o presidente e o que realiza as funcións de tesoureiro.

m) Designar os membros da Xunta de Goberno que están facultados para a ordenación de pagamentos e retirada de fondos en nome do Colexio. Como regra xeral, deberán ser facultados mancomunadamente o presidente e o que realiza as funcións de tesoureiro. Por excepción, a realización de pagamentos con tarxeta bancaria é competencia do presidente.

n) A aprobación do réxime, o nomeamento, as retribucións, as sancións e o despedimento do persoal contratado polo Colexio Territorial.

o) Calquera outro asunto que, sendo competencia do presidente, someta este á Xunta de Goberno por considerar que a transcendencia para a actividade do Colexio e exercicio profesional así o require, ou llo delegue expresamente.

p) Calquera outra facultade que lle atribúan expresamente estes estatutos ou a lexislación vixente.

2. No seo da Xunta de Goberno poderán crearse comisións delegadas, formadas polo menos por tres dos seus membros, para o estudo e a proposta dos asuntos encomendados a este órgano.

Artigo 32. As sesións da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno celebrará sesión ordinaria cada mes, excepto nos meses de xullo, agosto e decembro, e extraordinaria cando así o acorde a Presidencia.

2. Para a válida celebración das sesións requirirase a asistencia de, polo menos, cinco dos seus membros, entre os cales deberán estar as persoas que exerzan a presidencia e a secretaría ou os que legalmente os substitúan. Se non se acada este quórum, a sesión celebrarase en segunda convocatoria, media hora despois da sinalada para a primeira, e será suficiente para a súa constitución unicamente a asistencia da terceira parte dos seus membros, entre os cales deberán estar as persoas que exerzan a presidencia e a secretaría ou os que legalmente os substitúan.

3. No non previsto neste artigo para o funcionamento deste órgano, aplicarase o Regulamento de réxime interior e, en caso de lagoas, observarase o disposto no réxime de funcionamento da Asemblea Xeral.

CAPÍTULO VI
Da Secretaría, Intervención e Tesouraría

Artigo 33. Da Secretaría

1. Á Secretaría correspóndelle a función de fe pública de todos os actos e acordos emanados dos órganos do Colexio Territorial, expedindo as certificacións que sexan oportunas e levando e custodiando os libros de actas e resolucións da Presidencia.

2. Son funcións da Secretaría:

a) Elaborar as actas das sesións dos órganos colexiados e a súa correspondente transcrición ao libro de actas.

b) Levar e custodiar o rexistro de entrada e saída de documentos, dando conta á Presidencia.

c) Autorizar, co visto e prace da Presidencia, as credenciais dos cargos directivos e do persoal do Colexio Territorial.

d) Expedir, co visto e prace da Presidencia, certificación de todos os acordos e resolucións.

e) Realizar unha memoria anual sobre a actividade colexial, para xeral coñecemento.

3. Entre as persoas vogais da Xunta de Goberno designarase unha delas para que exerza a fe pública nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante da persoa titular.

Artigo 34. Da Intervención

1. A Intervención será exercida por un membro da Xunta de Goberno. Se a Xunta de Goberno o considera conveniente, poderán recaer as funcións de intervención e tesouraría na mesma persoa.

2. Son funcións da Intervención:

a) Redactar o proxecto de orzamentos.

b) Levar a contabilidade e preparar as contas anuais.

c) As demais funcións que lle encomende a Xunta de Goberno.

Artigo 35. Da Tesouraría

1. A Tesouraría será exercida por un membro da Xunta de Goberno a quen lle corresponde a función consistente no manexo e custodia dos fondos e valores pertencentes ao Colexio Territorial. Se a Xunta de Goberno o considera conveniente, poderán recaer as funcións de intervención e tesouraría na mesma persoa.

2. Correspóndenlle a Tesouraría as seguintes atribucións:

a) Custodiar os fondos que lle estean encomendados.

b) Realizar os arqueos mensuais e os que a Presidencia ou a Xunta de Goberno xulguen necesarios.

c) Levar cantos libros permitan o seguimento e control das súas funcións.

d) As demais funcións que lle encomende a Xunta de Goberno.

TÍTULO IV
O réxime económico e orzamentario

CAPÍTULO I
Os recursos económicos do Colexio Territorial

Artigo 36. Ingresos en xeral

O patrimonio do Colexio intégrao o conxunto de todos os bens mobles e inmobles, dereitos, accións e obrigas de que sexa titular.

Artigo 37. Ingresos en xeral

O Colexio Territorial financiarase cos seguintes ingresos:

a) Os produtos e rendementos do seu patrimonio.

b) As doazóns e legados que poida recibir.

c) As subvencións concedidas polas administracións públicas, entes públicos e privados.

d) Os rendementos derivados de contratos de patrocinio para as súas actividades e proxectos.

e) As contraprestacións por servizos que se presten a terceiros ou, no caso de que proceda, ás persoas colexiadas.

f) O importe das cotas que se exixan ás persoas colexiadas.

g) Calquera outro ingreso que se produza legal e regulamentariamente.

Artigo 38. As cotas exixibles ás persoas colexiadas

1. As cotas exixibles ás persoas colexiadas poderán ser de dúas clases: ordinarias e extraordinarias.

2. As cotas ordinarias determinaranse de conformidade coas seguintes regras:

a) Para as persoas colexiadas exercentes serán as fixadas pola Asemblea Xeral para cada exercicio económico, e non poderán ser de importe inferior ao un por cento do soldo anual. Para estes efectos, considérase soldo anual a contía que en concepto de salario base se prevexa para cada exercicio na correspondente Lei de orzamentos xerais do Estado para o grupo A, subgrupo A1, dos relacionados no Estatuto básico do empregado público.

b) Para as restantes persoas colexiadas aplicarase o que dispoña a Asemblea Xeral.

3. As cotas extraordinarias, que deberán ter como finalidade afrontar gastos non correntes que teña que afrontar o Colexio Territorial, deberán ser aprobadas pola Asemblea Xeral e no acordo fixaranse o seu importe e o o prazo de pagamento.

Artigo 39. O cobramento e a recadación das cotas

1. O cobramento e a recadación das cotas ordinarias e extraordinarias terá lugar nos prazos que determine a Asemblea Xeral, mediante a correspondente domiciliación bancaria.

2. Se algunha persoa colexiada incorre en mora aplicarase o disposto no artigo 15 destes estatutos.

CAPÍTULO II
Orzamentos e contas anuais

Artigo 40. O orzamento anual

1. O réxime económico do Colexio desenvolverase a través dun orzamento aprobado anualmente.

2. Unha copia certificada do orzamento seralle remitida ao Consello Xeral e, se é o caso, ao Consello Autonómico.

Artigo 41. Contabilidade e contas anuais

1. O Colexio Territorial levará un sistema de contabilidade que permita o seguimento e control de todas as súas operacións, así como determinar a composición e a situación do seu patrimonio.

2. Para o seguimento das operacións contables, o Colexio rexerase polas normas que dispoña o ordenamento xurídico en cada momento.

3. Anualmente formarase a conta xeral da entidade, de conformidade co modelo abreviado previsto para as entidades non lucrativas.

4. Así mesmo, a Asemblea Xeral aprobará a memoria anual no mes de xaneiro de cada ano natural, que deberá facerse pública dentro do primeiro trimestre do ano, co contido establecido na lexislación de colexios profesionais.

TÍTULO V
Réxime disciplinario e recursos

CAPÍTULO I
Réxime disciplinario

Artigo 42. Potestade disciplinaria

1. O Colexio Territorial exercerá a potestade disciplinaria para corrixir as accións ou omisións que realicen as persoas colexiadas no ámbito profesional e colexial que se definen nos presentes estatutos ou no último código ético aprobado polo órgano competente do Consello Xeral.

2. A responsabilidade disciplinaria regulada no presente título exercerase sen prexuízo da eventual responsabilidade administrativa ou penal en que, polos mesmos feitos, poidan incorrer os secretarios, interventores e tesoureiros da Administración local como consecuencia da súa relación de servizo ou a súa condición de funcionarios públicos.

Artigo 43. Tipificación das infraccións

1. As faltas clasifícanse en leves, graves e moi graves.

2. Son faltas leves:

a) A desconsideración respecto aos compañeiros, tanto na relación coa actividade de carácter colexial como profesional.

b) Os actos de desconsideración respecto aos membros da Xunta de Goberno, Consello Autonómico ou Consello Xeral.

3. Son faltas graves:

a) A desconsideración grave respecto aos compañeiros, tanto en relación coa actividade de carácter colexial como profesional.

b) Os actos graves de desconsideración respecto aos membros da Xunta de Goberno, Consello Autonómico ou Consello Xeral.

c) A desatención aos cargos colexiais como consecuencia da falta de asistencia non xustificada.

d) A obstaculización ao exercicio do dereito de acceso aos cargos e aos postos reservados ao persoal funcionario con habilitación de carácter estatal.

e) Realizar actuacións encamiñadas a favorecer, amparar ou tolerar a intrusión.

f) A realización de actividades ilegais que poidan prexudicar gravemente a imaxe, consideración social ou profesional, ou o prestixio das persoas colexiadas ou da organización colexial.

g) A infracción dos deberes xerais e obrigas especiais regulados nos presentes estatutos.

4. Son faltas moi graves:

a) A desatención grave aos cargos colexiais, como consecuencia da falta de asistencia non xustificada.

b) O falseamento ou inexactitude grave da documentación profesional e a ocultación ou simulación de datos que o Colexio deba coñecer para exercer as súas funcións ou para a repartición equitativa dos cargos colexiais.

c) Confeccionar baremos a medida propia e imposibilitar o acceso a un posto de traballo que se desenvolva en réxime de acumulación.

d) A conivencia cos órganos competentes da corporación local no mantemento ilegal da categoría ou a reclasificación do posto de traballo para intereses particulares, cando a dita ilegalidade fose declarada por sentenza xudicial firme.

e) Toda actuación profesional que supoña discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento, veciñanza ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Artigo 44. Tipificación das sancións

1. Poderán imporse as seguintes sancións:

a) Apercibimento privado.

b) Suspensión da condición de membro do Colexio ata seis meses.

c) Separación do cargo colexial dun mes a un ano.

d) Separación do cargo colexial durante o período de mandato en curso.

e) Separación do cargo colexial durante o período de mandato en curso e declaración de inelixibilidade para o seguinte.

f) Suspensión da condición de membro do Colexio desde seis meses e un día ata dous anos.

2. Para as faltas leves aplicarase a sanción prevista na alínea a) anterior. Para as faltas graves, as sancións previstas nas alíneas b) e c), e para as infraccións moi graves, as sancións previstas nas alíneas d) a f).

3. Na imposición destas sancións deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, considerándose especialmente os seguintes criterios para a gradación da sanción que se aplicará:

a) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) A reincidencia, por comisión no prazo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así se declarase por resolución firme.

d) Neglixencia profesional inescusable.

e) Obtención de lucro ilexítimo derivado da actuación ilícita.

Artigo 45. Prescrición

1. As infraccións leves prescriben aos seis meses, as graves ao ano e as moi graves aos dous anos.

2. As sancións leves prescriben aos seis meses, as graves ao ano e as moi graves aos dous anos.

3. Os prazos de prescrición das infraccións comezarán a contar desde a comisión da infracción, e os das sancións desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impón a sanción. A prescrición das infraccións interromperase por calquera acto colexial expreso e manifesto dirixido a investigar a presunta infracción. A realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción interromperá o seu prazo de prescrición.

4. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos. As sancións leves cancelaranse ao ano, as graves aos dous anos e as moi graves aos catro anos, contados desde o cumprimento das sancións.

Artigo 46. Competencia sancionadora

1. As infraccións cometidas polos colexiados serán sancionadas pola Xunta de Goberno.

2. En defecto de atribución de competencia polos estatutos do Consello Autonómico, as infraccións dos deberes profesionais e colexiais dos membros da Xunta de Goberno serán sancionadas polo Consello Xeral.

Artigo 47. Procedemento sancionador

1. Non se poderá impor ningunha sanción colexial sen instrución previa de expediente disciplinario. O procedemento sancionador que se seguirá para depurar a eventual responsabilidade disciplinaria deberá axustarse aos principios da potestade sancionadora e do procedemento sancionador consagrados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ás normas que a desenvolven. Así mesmo, deberá harmonizarse cos enunciados do artigo 98 da Lei 7/2007, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público.

Poderá acordarse a suspensión provisional da condición de colexiado cando a gravidade dos feitos imputados o aconselle, durante o tempo máximo de tramitación do expediente, salvo a paralización do procedemento imputable ao interesado.

2. O procedemento iniciarase sempre de oficio, mediante acordo ou resolución do órgano competente, con independencia do modo polo cal tivese coñecemento dos feitos.

3. O órgano competente para incoar o expediente sancionador será o que o sexa para impor a sanción. A este órgano corresponderalle designar libremente, de entre os seus colexiados, o instrutor e o secretario do mencionado expediente.

4. Antes de iniciar o procedemento poderán realizarse dilixencias previas encamiñadas a determinar se concorren as circunstancias que xustifiquen tal iniciativa. Estas actuacións orientaranse, de modo especial, a determinar coa maior precisión posible os feitos susceptibles de motivar a incoación do procedemento, a identificación da persoa ou persoas que poidan resultar responsables e as circunstancias relevantes que concorran nun e noutros. En todo caso, estas actuacións previas deberán ser acordadas pola Xunta de Goberno.

5. Instruído o expediente, o instrutor formulará proposta de resolución, que se notificará para efecto de que poidan formular alegacións. Despois elevará o actuado á Xunta de Goberno para que dite a resolución, que debe estar motivada.

CAPÍTULO II
Réxime de recursos

Artigo 48. Recurso corporativo e xurisdición contencioso-administrativa

1. Contra as resolucións sancionadoras do Colexio Territorial poderase recorrer en alzada perante o Consello Autonómico de Galicia e, no caso de non se ter constituído este, perante o Consello Xeral, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Unha vez rematada a vía administrativa, as resolucións sancionadoras do Colexio serán impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da lexislación reguladora desta orde xurisdicional.

TÍTULO VI
Do persoal ao servizo do Colexio

CAPÍTULO I
Do persoal

Artigo 49. Réxime xurídico do persoal

1. Para o exercicio das súas funcións e actividades, o Colexio Territorial poderá contratar persoal suficientemente cualificado. O persoal seleccionado someterase ao Estatuto dos traballadores e demais normativa laboral que resulte de aplicación.

2. O réxime do persoal, o seu nomeamento, retribucións, sancións e despedimento será competencia da Xunta de Goberno.

Disposición adicional primeira. Prazos

Cando se sinale un prazo por días, entenderase que se fai por días hábiles na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo previsión expresa en contrario.

Disposición adicional segunda. Denominación

Ao longo da historia deste colexio foron distintas as denominacións que recibiu, o que se reflicte en diferentes documentos. Non obstante as diferentes denominacións, o Colexio é o mesmo. A denominación única e oficial cando entren en vigor estes estatutos será a de Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra, que se poderá denominar de forma abreviada Cosital Pontevedra. Polo tanto, as referencias que a seguir se relacionan, que teñen un carácter exemplificativo, deben entenderse realizadas á nova denominación oficial:

a) Colexio Oficial de Administración Local (referido á provincia de Pontevedra).

b) Colexio Provincial de Secretarios, Interventores e Depositarios de Pontevedra.

c) Colexio Oficial de Funcionarios de Administración Local (referido á provincia de Pontevedra).

d) Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra.

e) Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Depositarios da Administración Local (referido á provincia de Pontevedra).

f) Colexio Provincial de Secretarios, Interventores e Depositarios de Administración Local de Pontevedra.

g) Colexio Provincial de Funcionarios de Administración Local de Pontevedra.

h) Colexio Provincial de Funcionarios de Administración Local con habilitación de carácter nacional (referido á provincia de Pontevedra).

Disposición adicional terceira. Medios electrónicos

1. O Colexio impulsará a utilización de medios electrónicos, que será o medio preferente para todas as súas comunicacións.

2. Os órganos colexiados poderán reunirse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos. O réxime de constitución e adopción de acordos garantirá a participación dos membros de acordo coas disposicións propias do órgano.

Disposición adicional cuarta. Utilización dos xéneros feminino e masculino

As mencións que fan os presentes estatutos ao presidente, delegados, colexiados, funcionarios, cidadáns, usuarios e consumidores entenderanse referidas, indistintamente, á presidenta ou presidente, delegadas ou delegados, colexiadas ou colexiados, funcionarias ou funcionarios, cidadás ou cidadáns, usuarias ou usuarios e consumidoras ou consumidores.

Disposición adicional quinta. Código ético

Sen prexuízo do disposto nos presentes estatutos, o código ético profesional, aprobado na VI Asemblea xeral de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración local celebrada na cidade de Salamanca o 14 de maio de 2005, rexerá a actuación dos profesionais que integran a organización colexial.

Disposición transitoria única

A actual Xunta de Goberno e o seu presidente seguirán exercendo plenamente as súas funcións conforme os presentes estatutos e demais normativa ata o remate do seu mandato o día 27 de maio de 2016. Nesa data deberanse celebrar eleccións conforme os presentes estatutos.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.