Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 20 de novembro de 2012 Páx. 43625

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica subestación Santiago 220 kV-transformador III, no termo municipal de Santiago de Compostela, A Coruña (expediente IN407A 2011/281).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A subestación eléctrica Santiago II, situada no lugar de Porto, no Milladoiro, no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña), contén dous parques convencionais de intemperie, de 220 e 66 kV (este último en reserva) e un edificio que alberga as celas de 20 kV e os equipamentos auxiliares de control e proteccións:

– O parque de 220 kV, propiedade de Red Eléctrica España, SAU, consta de tres posicións de liña (Mesón do Vento, Tambre-II e San Caetano), catro posicións de transformador (T-I, T-II, T-IV e T-V), unha posición de medida de tensión de barras e unha posición de acoplamento de barras.

– Existen catro transformadores de potencia, todos eles propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A.: os tres primeiros de 40 MV (T-I 220/20kV, T-II 220/20kV e T-IV 220/66kV en reserva) e o cuarto de 75 MVA (T-V 220/66 kV en reserva).

– O parque de 66 kV, propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A. e actualmente en reserva, consta de dúas posicións de transformador, dúas posicións de liña, unha posición de medida e unha de acoplamento de barras.

– Actualmente, está pendente de execución o proxecto de reforma da media tensión (expediente IN407A 2009/545), para pasala a cabinas blindadas en SF6 (parque MT blindado).

Segundo. O 29.9.2011 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada subestación Santiago 220 kV-transformador III; acompañada da preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Este proxecto prevé a ampliación de potencia da citada subestación eléctrica Santiago II, co obxecto de mellorar a calidade do servizo e poder atender as novas solicitudes de subministración na zona, que se concreta na instalación dun novo transformador de potencia (T-III), cunha relación de transformación de 220/20/20 kV e unha potencia de 60 MVA:

– Este novo transformador situarase no exterior sobre unha bancada existente e aliñado cos outros transformadores de potencia existentes.

– Conectarase polo lado de alta na posición convencional 209, do parque de 220 kV, e polo lado de baixa, un secundario na posición 825 e outro na 830 do parque MT blindado. Inicialmente, na posición 825 estará conectado o T-I, que se recuará á posición 805 cando se instale o T-III.

– As posicións de 20 kV xa quedaron previstas no proxecto de reforma da media tensión, co cal a súa instalación no é obxecto deste proxecto.

– A posición de 220 kV, propiedade de Red Eléctrica España, SAU, non se contempla neste proxecto; non obstante, para protexer o transformador instalaranse 3 autoválvulas de 10 kA.

Terceiro. O 16.12.2011 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en adiante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización da devandita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 14.12.2011 e no Boletín Oficial da provincia do 2.12.2011.

Cuarto. Así mesmo, a xefatura territorial trasladou as separatas deste proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter o seu informe ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta:

Entidade

Resumo da resposta

1

Red Eléctrica de España, SAU (REE)

Informe con rexistro de entrada do 13.3.2012: non mostra ningunha obxección ao proxecto en cuestión e manifesta quedar informada das actuacións correspondentes.

Quinto. Durante o período en que o devandito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Sexto. O 24.9.2012 a xefatura territorial emitiu informe sobre este expediente, segundo o cal procede que continúe a súa tramitación nesta dirección xeral.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de Autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo.- O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada subestación Santiago 220 kV-transformador III, no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. As instalacións de distribución de enerxía eléctrica que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio co nº 201105098 e data 12.9.2011, e no que figura un orzamento total de 1.441.215 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establece o Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. A administración resérvase o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas