Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 20 de novembro de 2012 Páx. 43506

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 220/2012, do 8 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada AC-299: Padrón (AC-307)-AC-301 desde o p.q. 2+160 (límite municipal) ao p.q. 2+400 (enlace coa estrada AC-301) a prol do Concello de Rois.

Segundo o teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas, dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada AC-299 (Padrón (AC-307)-AC-301) desde o p.q. 2+160 (límite municipal) ao p.q. 2+400 (enlace coa estrada AC-301) cunha lonxitude de 240 metros a prol do Concello de Rois.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de novembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Rois do tramo da estrada autonómica AC-299 (Padrón (AC-307)-AC-301) desde o p.q. 2+160 (límite municipal) ao p.q. 2+400 (enlace coa estrada AC-301).

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o Concello de Rois deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Rois, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de novembro de dous mil doce

(Decreto 208/2012, do 2 de novembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas