Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 20 de novembro de 2012 Páx. 43648

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2012 pola que se fai pública a aprobación definitiva e as disposicións normativas da modificación puntual do proxecto sectorial do parque empresarial de Xinzo de Limia (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva, mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de outubro de 2012, da modificación puntual do proxecto sectorial do parque empresarial de Xinzo de Limia (Ourense), sometida á información pública mediante Anuncio do 12 de abril de 2012 (DOG núm. 84, do 3 de maio).

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de marzo, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia), fanse públicas as disposicións normativas da modificación puntual do proxecto sectorial do parque empresarial de Xinzo de Limia (Ourense) para a súa entrada en vigor:

Ordenanzas reguladoras.

1. Normas xerais.

2. Normas comúns.

3. Normas particulares de edificación.

Artigo 12. Normativa para as parcelas industriais-comerciais. Ordenanza 1ª.

12.1. Condicións de uso.

12.2. Edificabilidade.

12.3. Ocupación.

12.4. Alturas mínimas, número de plantas.

12.5. Recuamentos e condicións para acaroar.

12.6. Espazo de seguridade ante incendios.

12.7. Ocupación de zonas de recuamento.

12.8. Condicións estéticas.

12.9. Segregacións e agrupacións.

Artigo 13. Normativa para a parcela dotacional. Ordenanza 2ª.

13.1. Condicións de uso.

13.2. Edificabilidade.

13.3. Ocupación.

13.4. Alturas mínimas e número de plantas.

13.5. Recuamento e condicións de acaroamento.

13.6. Espazo de seguridade ante incendios.

13.7. Ocupación de zonas de recuamento.

13.8. Condicións estéticas.

13.9. Segregacións e agrupacións.

Artigo 14. Normativa para espazos libres. Ordenanza 3ª.

Artigo 15. Normativa para usos compatibles asociados.

4. Normas de urbanización.

5. Condicións ambientais e hixiénicas.

1. Normas xerais.

Mantéñense como no proxecto sectorial o alcance normativo, a terminoloxía de conceptos, o réxime urbanístico, a cualificación do solo, a clasificación de usos da edificación e das parcelas.

Os prazos de execución para desenvolver cada un dos polígonos determinaranse nos proxectos de urbanización correspondentes. Con carácter informativo estimáronse en:

Polígono

Prazo de execución

Polígono 1

6 meses

Polígono 2

12 meses

Polígono 3

12 meses

Polígono 4

24 meses

Polígono 5

18 meses

Para o desenvolvemento de todo o sector, que comprende a expropiación dos terreos, a redacción dos proxectos de urbanización e a construción das obras, prevese un prazo de execución de 8 anos, contados a partir da aprobación da modificación puntual do proxecto sectorial.

2. Normas comúns.

Mantéñense as normas comúns de edificación referidas a parámetros e determinacións reguladoras das edificacións, agás o aproveitamento das distintas parcelas que é de 0,84 m2/m2, a parcela mínima, os mesmos criterios para a edificabilidade, e ocupación do 85 %, para as alturas mínimas e máximas, número de plantas e condicións de uso.

3. Normas particulares de edificación referidas á ordenación detallada de cada unha das áreas.

Mantéñense as ordenanzas do proxecto sectorial coa excepción da edificabilidade do 0,84 m2/m2. Os datos das parcelas especifícanse no cadro resumo.

A praza de aparcadoiro requirida no interior das parcelas será unha (1) praza de aparcadoiro no interior da parcela por cada 218 m2 edificados.

A seguir facilítanse as ordenanzas para axudar na súa consulta.

Artigo 12. Normativa para as parcelas industriais-comerciais. Ordenanza 1ª

12.1. Condicións de uso.

Usos prioritarios:

– Industrial en todas as súas acepcións, en canto á fabricación, manufacturas, reparacións, artesanía, laboratorios etc.

– Comercial en todas as súas acepcións de compra, venda e exposición de produtos.

Usos compatibles:

– Almacenaxe, subministración, oficinas, montaxes, laboratorios, así como todas as actividades complementarias da actividade industrial-comercial, supermercados, superficies comerciais, hostaleiras, restaurantes ...

– Residencial anexo á actividade: permítese o uso residencial coas condicións que se recollen no artigo 15 deste título.

– Garaxe-aparcadoiro: en calquera situación e na contía mínima dunha praza dentro de parcela por cada 218 m2 de edificación.

En xeral, considéranse compatibles outros usos anexos á actividade principal e que supoñan unha necesidade para o funcionamento da actividade industrial e comercial e non produzan molestias nin risco para os veciños próximos.

Todas as actividades permitidas deberán ter a autorización exixida polo Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, cumprir coas ordenanzas de seguridade e hixiene e con toda a regulamentación que sexa aplicable, incluíndo a obrigatoriedade da licenza municipal para a apertura.

Usos prohibidos:

Os non mencionados e, ademais, dentro do uso industrial, aquelas actividades que, por produciren especiais molestias ou perigo, deban atoparse en zonas afastadas doutras edificacións e da veciñanza.

12.2. Edificabilidade.

A edificabilidade será de 0,84 m2/m2 sobre parcela neta e indica a superficie edificable total, suma de todas as plantas que se poidan edificar.

Fíxase en metros cadrados construídos no cadro resumo deste documento. É a suma da superficie construída de todas as plantas, entendendo como tal a que se poida pisar ou empregar, máis os elementos construtivos que a rodean ou pechan. Non contabilizan para os efectos de edificabilidade os soportais e balcóns abertos a dous ou máis lados, nin os sotos que non sobresaian da rasante da beirarrúa en máis dun (1) metro. Tampouco contabilizan, para estes efectos, os aparellos, maquinarias, conducións e elementos auxiliares que, sen ser zonas de paso de traballo ou produción ni almacenaxe, ocupen volume exterior como anexos ao edificio principal, e non estean pechados en obra de fábrica, nin cuberta.

Se por necesidades de uso e explotación racional, e demais razóns xustificadas de carga e descarga de mercadorías, for necesario crear un peirao excedendo o metro de altura sobre a rasante, este exceso de altura non se considerará para contabilizar a edificabilidade de soto ou semisoto.

12.3. Ocupación.

A ocupación máxima sobre a superficie neta de cada parcela será do 85 %. Comprende a proxección de todas e cada unha das plantas que compoñen os edificios sobre o terreo, excluíndo beirados abertos a dúas ou máis caras e soportais coa mesma condición (sempre que noutras plantas non se ocupe a superficie de balcón ou soportal con edificación pechada computable). Tampouco inclúe beirados nin marquesiñas, nin elementos singulares, que non poidan considerarse edificio, xa exceptuados no cómputo de edificabilidade.

A ocupación baixo rasante da zona de recuamento farase mantendo as condicións de accesibilidade, largo mínimo de catros metros, capacidade portante para vehículos contra incendios e sen que a dita instalación poida representar un risco que inhabilite a área de recuamento para a loita contra incendios (depósitos de auga).

12.4. Alturas mínimas, número de plantas.

A altura mínima dos edificios será de 7,5 m, medida ata o arranque da estrutura da cuberta.

A altura máxima será de 16 m, poderase aumentar en función das necesidades da actividade empresarial que se desenvolva sempre que se xustifique. No referente ao número de plantas mantense liberdade e por tanto non se fixa.

Altura libre de planta. A altura libre de calquera planta sobre rasante será de 3 metros mínimo, no uso industrial-comercial, podendo reducirse nos usos anexos segundo se estableza na ordenanza correspondente.

12.5. Recuamentos e condicións para acaroar.

Os recuamentos como norma xeral son:

– A aliñación de fachada, 8 metros, mínimo.

– As aliñacións laterais, 3 metros, mínimo, salvo que se acaroen.

– A liña de fondo, 5 metros, mínimo.

Condicións para acaroar:

Permitirase acaroar edificacións aos lindeiros laterais opostos en todas as parcelas menores a 2.000 m2. En caso de compartir medianeira, deberá existir acordo escrito de ambas as partes, acordo que se achegará no proxecto previo á concesión da licenza municipal. Non será preciso se cada un dos propietarios executa a súa medianeira. O dito acaroamento non suporá un incremento nin na edificabilidade nin na ocupación.

Nas parcelas de superficie igual ou maior a 2.000 m2, nas cales non se prevexa acaroar, permitirase acaroar edificacións, dúas a dúas, de xeito que se suprima un dos dous recuamentos ao lindeiro e se xunte a edificación á parcela contigua.

Para isto deberá haber acordo entre ambos os propietarios, que se documentará publicamente inscribíndose no Rexistro da Propiedade de ambos os predios, para presentar polo menos un anteproxecto de ambos os edificios no concello como condición vinculante. Sempre deberá quedar un lindeiro lateral con recuamento.

Outras condicións dos arrimos ou acaroamentos:

Nas edificacións acaroadas en todas as parcelas, as diferenzas das liñas de edificación de fachada de cada dous (2) edificios non poderá pasar de 4 metros e a diferenza de altura de ambos non poderá pasar de 4 metros. Pola aliñación de fondo non se establecen diferenzas mínimas entre liñas de edificación traseira de dous edificios lindeiros. En todos os casos deberanse tratar os parámetros medianeiros, vistos como fachada.

Cando se agrupen máis de dúas parcelas, deberanse deixar os recuamentos a lindeiros da parcela resultante, debendo garantir a accesibilidade a calquera punto para a extinción de incendios.

12.6. Espazo de seguridade ante incendios.

Cando o posible acaroamento só se produza nun lateral, deberá quedar sempre un paso entre cada edificio e lindeiro lateral de polo menos tres (3) metros, facilmente accesible sen edificación. O dito acceso é compatible coa circulación interior de vehículos normais. No plano de ordenación indícanse as liñas de recuamento e as franxas de 4 m que quebran a continuidade das edificacións no caso de que se acaroen; esta franxa poderá desprazarse en caso de agrupación de parcelas, sempre que se manteña e co visto e prace do Concello.

Nas parcelas para edificacións acaroadas será accesible o espazo de fachada, de modo que ningún punto do edificio quede a unha distancia inadecuada para o acceso de vehículos de incendio.

12.7. Ocupación de zonas de recuamento.

Os espazos mínimos definidos nos puntos anteriores non poderán ser invadidos por ningunha construción nin elemento construtivo da edificación principal (agás o construído baixo rasante), tal como voos, beirís etc.

12.8. Condicións estéticas.

A composición dos edificios, incluíndo as das súas fachadas, é libre, garantindo unha calidade e un deseño que deberá contar co visto e prace do Concello. Considérase tamén fachada principal a posterior que está cara a unha vía pública.

Os exteriores deberán estar rematados con materiais normais en acabamentos de fachada e non se permitirá deixar á vista paredes de bloques de cemento ou ladrillos que non estean especificamente rematados para quedar vistos.

Os peches das parcelas ás vías e zonas públicas son de composición libre pero, se son de malla, deberán ter pés de fábrica rematados nunha cerca vexetal polo interior.

En cada implantación dunha instalación, en cada parcela, deberá incluírse no proxecto e executarse a plantación de herba e plantas non arbóreas na banda exterior da vía, que se prevé axardinada e onde van acollerse ás conducións xerais do parque (pois inclúen as conexións, arquetas de rexistro etc.), en toda a superficie que corresponda ao lindeiro exterior da parcela en cuestión, así como as obras de reparación de beirarrúas, pasos e vías, que se prevexa que terán que repoñerse ou repararse tras as obras.

Os lindeiros laterais e de fondo pecharanse obrigatoriamente con peche de polo menos 1,80 metros de alto e de deseño libre.

12.9. Segregacións e agrupacións.

Permítese subdividir ou segregar parcelas sempre que as parcelas resultantes cumpran as condicións de parcela mínima fixada no proxecto sectorial. Mesmo é suficiente se algunha das parcelas resultantes cumpre as condicións de parcela única, e a residual que non cumprise agruparase a outra parcela lindeira. Permítese a agrupación de dúas ou máis parcelas co fin de obter outra maior. As ordenanzas aplicaranse á parcela resultante como se fose unha única parcela.

Artigo 13. Normativa para a parcela dotacional. Ordenanza 2ª

13.1. Condicións de uso.

O uso permitido será o de servizos sanitarios, asistenciais, educativos, culturais, deportivos e outros que sexan necesarios.

Considéranse compatibles os de aparcadoiro, hotel, restaurantes, gasolineira.

Será necesario xustificar na parcela unha praza de aparcadoiro por cada 100 m2 construídos.

13.2. Edificabilidade.

A edificabilidade máxima será de 0,84 m2/m2.

13.3. Ocupación.

Será como máximo do 85 % da superficie neta da parcela. Medirase nas mesmas condicións que nos usos anteriores (12.3).

13.4. Alturas mínimas e número de plantas.

Ídem 12.4.

13.5. Recuamentos e condicións de acaroamento.

Aterase ao establecido para o punto 12.5.

13.6. Espazo de seguridade ante incendios.

Ídem 12.6.

13.7. Ocupación de zonas de recuamento.

Aterase ao establecido na ordenanza das parcelas industriais-comerciais, punto 12.7.

13.8. Condicións estéticas.

Ídem 12.8.

13.9. Segregacións e agrupacións.

Aterase ao establecido na ordenanza de parcelas industriais-comerciais punto 12.9.

Artigo 14. Normativa para espazos libres. Ordenanza 3ª

De acordo co artigo 47.2 da Lei 9/2002, estes espazos destinaranse a parques, xardíns, beirarrúas de lecer, expansión e recreo do parque empresarial.

Tratarase de respectar o maior número posible de árbores e manteranse no seu estado natural, en especial as zonas preto do río.

Nas zonas de restos de zona verde plantaranse árbores autóctonas, agás nas zonas de protección de liñas eléctricas, onde por seguridade non se debe proceder á plantación.

Artigo 15. Normativa para usos compatibles asociados

Uso residencial anexo ás actividades. De acordo co establecido na normativa para as distintas parcelas, permítese o uso residencial como complemento das distintas actividades, polo que se poderá instalar unha vivenda por parcela que cumprirá co establecido no Decreto de habitabilidade. Poderase destinar a uso residencial de vivenda unha superficie máxima de 120 m2 como anexo vinculado á actividade principal. Nunca terá carácter prioritario e, polo tanto, sempre irá vinculado ao uso industrial-comercial. Do mesmo xeito non se permitirá edificación con este uso, illada da principal, e, polo mesmo, exponse anexa á edificación de uso industrial-comercial.

4. Normas de urbanización referidas ás condicións de urbanización e implantación das infraestruturas técnicas.

Mantéñense como no proxecto sectorial, salvo o trazado da rede viaria que se reflicte nos planos e as consideracións relativas descritas na epígrafe IV.2 deste documento. Neste documento establécese que, dadas as posibles alternativas de desenvolvemento e subdivisión de polígonos que se poidan presentar e tendo en conta os condicionantes por pendentes e conexión coas redes de servizos actuais que van ter as futuras vías, así como a posibilidade de que se presenten episodios de inundación –dado que estes son terreos que conformaban a antiga lagoa de Antela–, é polo que se deberán ter en conta nos correspondentes proxectos construtivos de cada parcela os movementos de terra necesarios para adaptar as súas cotas finais tanto á rasante que teña a vía de conexión á dita parcela, para así garantir o correcto funcionamento das infraestruturas de drenaxe, como para evitar posibles afeccións por inundación ou asolagamento dos terreos adxacentes.

O recheo de cada parcela é recomendable para simplificar a cimentación das futuras estruturas ou edificacións que se constrúan, posto que ter un terreo completamente areoso e un nivel freático tan alto comporta serios problemas de deseño e execución, ao requirírense apoios especiais que precisarían utilizar pilotaxe.

5. Condicións ambientais e hixiénicas referidas ás condicións de funcionamento das diferentes actividades que se poidan desenvolver no parque e a súa relación co ambiente e a lexislación sectorial.

Mantéñense como no proxecto sectorial.

Contra o anterior acordo cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2012

Antonio José Boné Pina
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo