Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 14 de novembro de 2012 Páx. 42807

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 24 de outubro de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se dá publicidade á Resolución do 20 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, pola que se modifica o Acordo de concentración parcelaria da zona de Baio (Zas-A Coruña).

O 20 de setembro de 2012 o director xeral de Desenvolvemento Rural ditou a resolución de modificación do Acordo de concentración parcelaria da zona de Baio (Zas-A Coruña) que se transcribe a seguir:

O Acordo da zona de concentración parcelaria de Baio (Zas-A Coruña) foi aprobado pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural con data do 22 de xaneiro de 2010, e foi publicado e notificado na forma legalmente establecida, encontrándose na actualidade pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Zas solicita a cesión da propiedade do predio nº 254-2 para a instalación dunha estación depuradora de augas residuais.

Visto o informe favorable da xunta local da zona, a Ley de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Á vista de que o destino para que se solicita o predio nº 254-2 é perfectamente subsumible no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral, resolve:

1º Modificar o Acordo da concentración parcelaria da zona de Baio (Zas-A Coruña) e adxudicar ao Concello de Zas a titularidade do predio nº 254-2 –que causa baixa no fondo de terras da zona– para ser destinada á instalación dunha estación depuradora de augas residuais.

2º En caso de incumprimento dos fins para que é adxudicado, a titularidade do referido predio reverterá ao fondo de terras da zona, ao patrimonio da Comunidade Autónoma, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou a outra entidade que corresponda, segundo o caso.

3º Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Zas.

Contra a devandita resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

A Coruña, 24 de outubro de 2012

Antonio Manuel Aguión Fernández
Xefe territorial da Coruña